"Que ninguén se engane, os ríos non son das galegas e galegos, senón das grandes eléctricas"

Braulio Estévez, no Irixo Dominio Público TingaLaranga Audiovisual

O pasado 8 de xaneiro o colectivo ecoloxista Coto do Frade, da comarca do Ribeiro, anunciaba a súa disolución despois de vinte anos de actividade. "Non é que non siga habendo problemas ecolóxicos, non" -escribían- "Non é por iso que pechamos o garito. Simplemente cansamos. Gañáronnos pola man. Nesta asociación hai anos que non existiu unha renovación real, quizais por toda a xente nova que tivo que emigrar, ou vai ti a saber por que". "Pero o certo é que cansamos de estar sempre as mesmas, facendo sempre o mesmo e que inda por riba se nos tildase de tolos ou de que tiñamos escuros intereses ou que nos enchiamos os petos de cartos. Esa si que era boa!", engadían.

Nas súas case dúas décadas de traballo a entidade realizou un importante labor, sobre todo na defensa dos ríos. Aí está, por exemplo, a súa denuncia do prexuízo provocado por Gas Natural Fenosa, a Consellería de Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a través do encoro da Frieira. Ou o seu papel fundamental na mobilización social que en 2012 se organizou durante meses contra o proxecto de instalación dunha incineradora no Irixo ou nalgún outro punto do Ribeiro ou o Deza. Falamos con Braulio Estévez sobre as razóns que levaron á disolución de Coto do Frade e sobre diversos temas relacionados coa problemática medioambiental en Galicia.

Cales son as razóns da disolución?

Levabamos xa anos sendo as mesmas persoas na directiva, que é quen normalmente se encarga de levar adiante todas as propostas que se fan na asociación, sen que se unise máis xente de fóra ou que as propias socias aportasen algo máis neste sentido, aparte de pagar a cota e non preocuparse de moito máis e isto é un problema, dado que nós non somos Greenpeace. Somos, ou máis ben eramos, unha asociación que traballaba a nivel local, e que precisabamos da implicación da cidadanía e que se comprendese que non tiñamos ningún tipo de interese privado, senón que o facemos como unha forma de protección do noso territorio e da xente que nel vivimos. Isto levou a unha quemazón da xente que traballabamos decotío para que isto funcionase; sentímonos afastados da cidadanía e cun sentimento de illamento, o cal conduciu irremediablemente a disolución.

"Normalmente este tipo de movementos ten unha elevada presenza de xente nova pero aquí a xente nova ten que emigrar para poder ter un futuro máis ou menos decente"

Por que credes que non se produciu esta necesaria renovación na asociación e incorporación de novas persoas?

Pensamos que é un problema con causas diversas. Normalmente este tipo de movementos ten unha elevada presenza de xente nova (algo que é un erro e do que podiamos falar amplamente aínda que agora non o fagamos por ser un tema demasiado extenso), pero aquí a xente nova ten que emigrar para poder ter un futuro máis ou menos decente, como queda patente nas ultimas estatísticas que vaticinan a zona do Ribeiro como a que máis poboación perderá na Galiza nos vindeiros anos. Tamén temos o problema da falta de conciencia ou sensibilidade da xente hoxe en día, unha especie de alienación global que nos fai a todos mirar cara a outro lado ante problemas que non sexan os de cada un, sen darse conta que os problemas ambientais en realidade nos afectan, ou afectaranos nun futuro, a todas e cada unha de nós.

"Que ninguén se leve a engano, os ríos son deles, non das galegas e galegos, senón destas grandes eléctricas que poden facer e desfacer ao seu antollo"

Nos case vinte anos de actividade de Coto do Frade, que iniciativas e traballo destacariades?

Ben, a pesar do dito anteriormente, si que podemos destacar un aumento na conciencia ambiental da xente da zona. Hai que darse conta que por esta casa pasou moito xente,  e que esta xente fixo un labor non só na asociación, senón tamén nas súas casas, coas amizades, veciñanza, etcétera. A nivel de puro traballo ecoloxista destacaría o tema do anguieiro de Frieira, que foi como naceu esta asociación, aínda que todo o traballo feito, que foi moito e moi diverso, non serviu de moito dado que as concesionarias das hidroeléctricas están practicamente blindadas.

Que ninguén se leve a engano, os ríos son deles, non das galegas e galegos, senón destas grandes eléctricas que poden facer e desfacer ao seu antollo. Isto fixo que hoxe en día só quede un 1% da poboación de anguías, ou que o salmón desaparecese practicamente de todos os nosos ríos. Isto é moi grave, dado que estamos a falar de especies comerciais, porque as non comerciais, que teñen un papel importantísimo nos ecosistemas, desaparecen sen facer ruído. Isto último é crucial, xa que ao modificar algunha parte das pezas que compoñen o biotopo ou ecosistema propio dun lugar o resto das pezas, sen excepción, sofren as consecuencias. O resultado disto danos a noticia, para nós, máis importante do que levamos de século: a desaparición nos últimos corenta anos da metade de especies do planeta. Aí queda iso para quen queira pensar sobre elo.

"Foi moi revelador o tema do parque ambiental, cando non se sabía que facer co lixo da Galiza e pretenderon meter na nosa bisbarra a coñecida entón como planta sur. Os políticos enfrontaron a xente dun mesmo lugar só por interese partidista"

Sentistes nalgún momento que era duro ou difícil nos vosos concellos defender as vosas ideas?

Por suposto. Xa falamos antes de que a xente hoxe en día mira cara a outro lado, pero peor que iso é cando te fan mirar para outro lado, ou que vexas o que antes non mirabas e nin te plantexabas. Para nós foi moi gracioso -e tamén moi revelador- o tema do parque ambiental, cando non se sabía que facer co lixo da Galiza e pretenderon meter na nosa bisbarra a coñecida entón como planta sur. Iso foi un lío moi grande no que os políticos enfrontaron a xente dun mesmo lugar só por interese partidista, e a pesar de dicir que foi gracioso tamén debemos dicir que foi noxento ollar esta manipulación. A pesar de que somos unha asociación apartidista, nós estivemos sempre no medio deste lío, pero non por motivos políticos, dado que a nosa posición sempre foi a mesma. 

Cales son os problemas medioambientais máis graves que debe enfrontar neste momento Galicia?

En realidade son os mesmos que en practicamente todo o mundo. O único que quizais nos faga máis especiais sexa o tema dos incendios. O resto: o deficiente tratamento do lixo e a mentira da reciclaxe, a contaminación atmosférica derivada do uso indiscriminado de combustibles fósiles que entronca tamén coa mudanza climática, perda de biodiversidade, contaminación das augas e perda de recursos hídricos, modelos agrícolas e gandeiros baseados no emprego de pesticidas e químicos de síntese, …. e así poderíamos seguir até facer unha lista case interminable, dado que ademais non son problemas lineais senón que uns enlazan cos outros.

"Os problemas medioambientais non son propiedade exclusiva dun concello ou comarca ou zona en concreto"

E nas vosas comarcas e concellos de actuación?

Volvemos repetir, en sociedades occidentalizadas como a nosa os problemas medioambientais non son propiedade exclusiva dun concello ou comarca ou zona en concreto. Si que lle podemos poñer nomes e apelidos, se queremos, dependendo do punto concreto do que esteamos a falar, o cal fai as loitas máis frutíferas, xa que podemos acoutalas, pero en realidade o problema deriva do xeito no que eliximos vivir.

Seguiredes, a nivel individual, colaborando e traballando con colectivos e iniciativas en favor do medio ambiente?

Xa cando anunciamos a nosa disolución houbo colectivos que se puxeron en contacto con nós para que canalizásemos, a través deles, as demandas ambientais da nosa bisbarra. Seguiremos loitando, por suposto, só que agora o faremos dun xeito distinto.

Braulio Estévez, no Irixo Dominio Público TingaLaranga Audiovisual
Encoro de Frieira © embalses.net
Protesta contra a incineradora do Irixo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.