Os outros proxectos de cidade para Compostela

Na xornada propúxose a recuperación e promoción dos antigos camiños Dominio Público RVR Arquitectos

Un dos argumentos empregados polo Goberno municipal compostelán para defender o derrubo da Casa da Xuventude é o de que a proposta partiu do congreso A Cidade Intuída, unhas xornadas técnicas promovidas en 2010 polo Concello e o Colexio de Arquitectos que, en efecto, serviu de base para o acordo plenario que en 2011 deu inicio ao proceso de retirada do edificio

A Cidade Intuída celebrouse entre setembro de 2010 e marzo de 2011 e nas súas sesións participaron un gran número de arquitectos, arquitectas e urbanistas, que realizaron ducias de propostas concretas para repensar a cidade e intervir sobre o espazo público. "Non se trataba dunha representación virtual de proxectos xa previstos, senón de realizar un exercicio de imaxinación, con bases rigorosas e técnicas, que permitise aventurar e recrear posibles realidades dun futuro próximo, e ensaiar as distintas direccións que a cidade podía tomar, precisamente como reflexión previa para orientarnos nesa andaina", explicaban os seus organizadores.

Entre as propostas e reflexións, que se poden consultar nunha publicación editada nese momento polo Concello, estaba a de derrubar a Casa da Xuventude para conectar o Parque de Belvís coa Porta do Camiño, pero había moitas outras "con máis intención transformadora a nivel territorio, cidade e mobilidade", subliña o blog Urbe d'Compostela, que "foron olvidadas". Esquecidas ou non, dende logo hoxe non parecen estar sobre a mesa.

Había algúns proxectos realmente ambiciosos de reforma do entramado urbano, por exemplo o que propoñía o "soterramento da vía entre San Clemente e Carreira do Conde, facilita a circulación dos vehículos entre Pombal e Rosalía de Castro", humanizando tamén a Senra, e unindo deste xeito a Zona Vella coa Alameda e co Ensanche, formando un continuo urbano que lle dese unidade ao centro da cidade. Nesta proposta tamén se suxerían algunhas ideas moi novidosas, coma o aproveitamento do interior dalgunhas mazás do Ensanche para o seu uso como patios públicos: "supón explorar un territorio acoutado non visible, que pode ser o inicio dun novo xeito de entender a cidade que, de non facelo, acabará por esgotar o espazo que contén".

Defendeuse a recuperación e promoción dos antigos camiños, facendo destas vías "unha alternativa peonil e ciclista ao uso do automóbil"

Outras propostas, no entanto, eran igual de ambiciosas na súa concepción, pero moito máis baratas e facilmente executables. Defendeuse a recuperación e promoción dos antigos camiños en todo o amplo territorio deste Concello, facendo destas vías "unha alternativa peonil e ciclista ao uso do automóbil" e recuperando "a capilaridade da cidade co seu territorio rural". De igual xeito, propúxose a potenciación dun corredor fluvial aproveitando o río Sarela e as súas canles, "integrando solucións aos nosos problemas actuais e a resposta a demandas sociais crecentes como vida sa, alimentación de calidade e relación coa natureza en entornos urbáns". O corredor fluvial combinaría a restauración do estado de saúde do río, coa reconfiguración do sistema xeral de saneamento e a habilitación de percorridos peonís.

Tamén se debateron reformas para varios dos barrios do centro da cidade, por exemplo para San Pedro, reordenando o tráfico e potenciando o eixo Concheiros-A Trisca como alternativa a Concheiros–San Pedro

Tamén se debateron reformas para varios dos barrios do centro da cidade, por exemplo para San Pedro, reordenando o tráfico e potenciando o eixo Concheiros-A Trisca como alternativa a Concheiros–San Pedro, "captando parte da súa complexidade, introducindo novos fluxos ao interior do barrio, provocando a aparición de novos usos, abrindo e revitalizando o barrio, invitando á cidadanía a participar do que alí ocorra". Ademais, peatonalizaríase, As Trompas accedendo ao aparcadoiro do parque de Belvís exclusivamente dende o Seminario. E crearíase un corredor peonil entre a Costa do Veedor e o Miradoiro da Trisca.

Ou para San Roque, onde se aplicaría un "tratamento de continuidade co recinto monumental", limitando a rúa a un só carril e "superando a fractura de borde a través da recuperación dos espazos de convivencia e paseo, a racionalización do uso do vehículo privado e do transporte público". Ademais, promoveríanse percorridos alternativos de carácter transversal, "que superen o illamento da Almáciga e poñan en valor o tecido viario tradicional preexistente, enlazando os espazos verdes do norte".

Na rúa Virxe da Cerca, hoxe vía de comunicación interna fundamental para o tráfico rodado, propoñíase un debate sobre "se é imprescindible que os vehículos privados e públicos teñan que utilizala con tanta intensidade" ou se "é lóxico que o 30% dos baixos de Virxe da Cerca non teña actividade". Tamén se poñía en dúbida a necesidade da existencia dun aparcadoiro público na Praza de Galicia, que podería ser substituído por un só para residentes. En definitiva, propoñíase a conversión de Virxe da Cerca nunha vía dun só carril, promovendo o seu uso peonil, e a potenciación da Avenida de Lugo para o tráfico interno da cidade.

Propoñíase a conversión de Virxe da Cerca nunha vía dun só carril e a potenciación da Avenida de Lugo para o tráfico interno da cidade

Finalmente, as reflexións tamén atinxían á relación entre a Cidade da Cultura e a propio centro de Compostela, e facíanse varias propostas para conectar os dous espazos, favorecendo o uso público das caras instalacións construídas no Gaiás. Entre as ideas estaban a conexión a través de zonas verdes e peonís ou aproveitando a nova estación intermodal.

As reflexións tamén atinxían á relación entre a Cidade da Cultura e a propio centro de Compostela

As xornadas, coordinadas por Javier Fernández Muñoz e Carlos Quintáns Eiras, completáranse con debates e reflexións máis xerais sobre o espazo público, a relación entre as zonas urbanas e as zonas rurais que as circundan ou sobre a reapropiación do espazo público por parte das persoas. Porén, como sucede moitas veces con este tipo de achegas, a maior parte das ideas desenvolvidas nestas sesións semellan lonxe de ser aplicadas.

Nas xornadas presentouse un ambicioso proxecto de reforma nas rúas do centro da cidade Dominio Público Praza Pública
Na xornada propúxose a recuperación e promoción dos antigos camiños Dominio Público RVR Arquitectos
A rúa Virxe da Cerca, hoxe Dominio Público Praza Pública
Propúxose a humanización da rúa Virxe da Cerca Dominio Público Praza Pública
Reforma da rúa das Fraguas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.