O 15M volve ás rúas con máis razóns ca nunca

Asemblea do 15M en Vigo CC-BY-NC-SA Imagen en acción

O sábado 12 de maio o movemento de indignados e indignadas volve as rúas, nas primeiras manifestacións que convoca dende o 15 de outubro e que se insiren nunha mobilización global (haberá marchas en todo o planeta) a prol dun cambio de sistema. O 15M fai un ano, sen o impacto mediático dos primeiros meses e sen a presenza masiva e constante nas prazas, pero con máis motivos para a mobilización e o valor do traballo conxuntos con outros colectivos. 

Os cartos públicos entregados ás entidades financeiras para o seu saneamento, as indemnizacións millonarias a directivos e empresarios, a reforma laboral, os recortes nos servizos sociais anunciados cada venres nos consellos de ministros e as limitacións políticas e mediáticas ao propio exercicio da crítica (por exemplo as dificultades creadas pola Delegada do Goberno en Madrid ou os ataques de La Razón aos líderes das mobilizacións estudantís), danlle renovadas razóns ao movemento de indignación. “Os motivos aínda son máis grandes”, salienta Vanesa, de Lugo, que centra os obxectivos da asemblea que traballa na cidade en informar e mobilizar pois “aínda hai moita xente que non se decate do que está pasando”.

O 15M non era só unha petición dun novo sistema electoral, de igual maneira que non era só a defensa do Estado de Benestar ou a reivindicación dunha reforma do sistema financeiro. Era todas esas cousas e máis, era o agromo dun malestar que se fora estendendo en capas moi amplas da cidadanía e que atopou esta vía para ser encamiñado. O 15M era mestizo en canto á súa composición, tiña cando menos dúas almas, unha antisistema e outra reformista, unha ligada aos movementos sociais existentes e outra conformada por unha parte da chamada maioría silenciosa (que deixou de selo). Se cadra, entrre os seus principais valores está a decantación que favoreceu en moitas persoas que nunca participaran nun movemento social.

Combinaba as propostas macro (o cambio global do sistema, a creación dunha banca pública...) coas propostas micro, realizadas no propio barrio (a loita contra os desafiuzamentos, a creación de cooperativas de produción e consumo...) e mesmo con mudanzas persoais, sobre todo no que atinxe aos hábitos de consumo e transporte. E tiña moitas direccións ás que apuntar, tantos como problemas detectaba na sociedade: políticos, económicos, xornalísticos... Sabela, de Pontevedra, bota a vista cara atrás e afirma que nos últimos meses "hai xente que se desanimou, porque pensaban que se ían conseguir máis cousas, e outros en cambio, que nos vían con desconfianza, co paso do tempo foi mirando con máis simpatía o movemento".

 

Onde está o 15M?

Onde está o 15M? Que fai agora que é máis necesario ca nunca? Non é difícil escoitar preguntas deste tipo, lanzadas con boa ou mala intención. "Non temos a visibilidade que tiñamos hai meses", asegura Cristina, de Compostela, "pero estamos a realizar moitas accións en cooperación con outros grupos, tanto en cuestión de aforro público, folga do ensino, desafiuzamentos. O máis interesante son as relacións que se están creando con outros colectivos. É un traballo máis invisible, pero é moi importantes de cara ao futuro". Houbo autores que salientaron ese carácter virtual e mutable do 15M como a súa principal característica. Despois duns primeiros meses de intensa actividade física (a partir da propia ocupación do espazo público e a súa utilización como foro de debate e vía de difusión), o 15M desapareceu para estar en todas partes.

"Nestes últimos meses a xente buscou lugares de loita específicos", di Roberto, de Ourense

E en todas as loitas. Dende as manifestacións de outubro, os activistas do movemento teñen participado activamente nas reivindicacións dunha banca pública galega, do mantemento da calidade do sistema sanitario, nas loitas estudantís. Estiveron tamén nas manifestacións contra a reforma laboral convocadas polos sindicatos. "Nestes últimos meses a xente buscou lugares de loita específicos", di Roberto, de Ourense, que con todo quere poñer en valor a asemblea como instrumento: "A asamblea era algo magnífico, era o pobo na rúa que podía chegar a empoderarse. Son espazos completamente abertos, ás que pode acudir calquera persoa, coa ideoloxía que teña".

"O que non se podía pensar é que nacese o 15M e cambiásemos o mundo, isto é un proceso moi longo"

Rosalía, de Vigo, destaca que nos vindeiros meses o principal obxectivo do movemento será "tentar unir todos os colectivos de Vigo, sen ser pretenciosos, para traballar todos xuntos naquelas cousas que temos en común, que son moitas". Iván, da Coruña, opina que “o problema que temos é que non nos coñecemos”, o que dificulta a acción conxunta dos movementos sociais e do 15M: “eles saben que cando necesitan de nós, poden contar con nós, e cando nós necesitamos deles, podemos contar con eles”, di, pero conclúe que “creo que tampouco sería bo que nos confundísemos uns con outros, porque os movementos sociais teñen a súa identidade e a súa función”. En calquera caso, salienta que "o 15M conseguiu cambiar os hábitos de consumo, ou por exemplo tivo impacto no crecemento da banca ética ou de Tríodos. O que non se podía pensar é que nacese o 15M e cambiásemos o mundo, isto é un proceso moi longo".

 

As convocatorias en Galicia

O sábado 12, pola tarde, están convocadas manifestacións nas sete cidades galegas, así coma concentracións nalgunhas vilas. Os lemas, escollidos por cada asemblea, varían dun lugar a outro, o mesmo que a táboa reivindicativa e os manifestos, pero en xeral, as manifestacións criticarán a entrega de cartos público á banca, defenderán o ensino, sanidade e servizos sociais públicos, gratuítos e de calidade, pedirán a retirada da reforma laboral, reivindicarán o dereito a unha vivenda digna, e a dación en pago retroactiva e esixirán unha reforma fiscal que redistribúa a riqueza. Un abano de demandas que procuran a inclusión de todos os colectivos, movementos sociais e cidadáns que procuran un cambio. O sábado non choverá, unha axuda para o éxito das manifestacións.

Vigo. 19.00. Praza de España

A Coruña. 17.30. Praza da Palloza

Santiago. 18.00. Alameda

Pontevedra. 18.30. Alameda

Ourense. 19.00. Alameda

Lugo. 18.30. Praza Maior

Ferrol. 18.00. Praza de Armas

Chantada. 19.00. Praza do Cantón

Asemblea do 15M na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.