0 Gardados para despois

"Non basta con indignarse. O 15-M ten que pensarse como un catalizador de procesos"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Cando estamos próximos de celebrar o aniversario das primeiras manifestacións convocadas polo movemento, procuramos a opinión de media ducia de voces, coñecedoras dos movementos sociais e das dinámicas políticas da esquerda e dos movementos autónomos, para que reflexionen sobre a evolución do 15M nestes últimos meses, as perspectivas perante as manifestacións deste sábado e os retos de futuro da cidadanía crítica.

Falamos con Víctor Sampedro (catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política e activista social na Tabacalera de Lavapiés), Manuel M. Barreiro (analista político, editou o pasado ano o libro A novísima dereita e nós), David Rodríguez (deseñador, poeta, que vén de editar en Estaleiro Editora a compilación de textos políticos Retomando a palabra), Antón Gómez-Reino (activista, membro da Rede de Dereitos Sociais ou da Rede Robin Hood), Raimundo Viejo Viñas (profesor de Ciencias Políticas na UPF) e Antón Fernández de Rota (antropólogo social e membro dos colectivos Universidade Invisíbel e Zoopolitik).

En xeral, todos coinciden en que os motivos para saír á rúa para pedir cambios de fondo na política e na xestión económica son moito maiores que hai un ano: "Debaixo da cinza hai lume: a ofensiva do Partido Popular contra o Estado de benestar ou a crise de lexitimidade das elites políticas seguen a favorecer a combustión social", di Manuel Barreiro, que engade que "a folga xeral abriu un novo ciclo de mobilizacións que favorece a converxencia de esforzos e activismo".

Manuel Barreiro engade que "a folga xeral abriu un novo ciclo de mobilizacións que favorece a converxencia de esforzos e activismo"

Pola súa banda, David Rodríguez cre que se ben as condicións obxectivas están claras, hai que comprobar se se dan as subxectivas para que as mobilizacións sexan masivas: "a mobilización do 12M servirá para saber se o que sucedeu hai un ano foi froito dunha conxuntura na que o efecto novidade xogou un papel moi importante ou se hai unha corrente de fondo na cidadanía capaz de vencer ao medo e á incertidume que toda situación de crise xera na poboación".

Para Antón Gomez-Reino, "é umha auténtica incógnita saber o que pode suceder o sábado", en función do incremento das causas obxectivas e dun certo desgaste do 15M que fai que "a cidadanía em geral seja hoje menos permeável as propostas mobiliçadoras ao movemento indignado". Cre que a nivel estatal é probable que "a resposta seja boa nas grandes cidades, especialmente em Barcelona, onde a vaga mobiliçadora está máis avançada dada a contestaçom as políticas de recurtes do governo CIU". Victor Sampedro e Raimundo Viejo apuntan, pola súa banda, que o Goberno tentará crear situacións de tensión e violencia para deslexitimar as mobilizacións. 

 

Un ano de movemento

Despois de doce meses de mobilizacións, hai unha certa perspectiva para analizar o movementos de indignación e valorar o seu asentamento e evolución. Para Barreiro, "o 15-M manifestouse nos últimos meses como unha corrente subterránea, desapareceu dos focos informativos, pero revalorizouse con un fermento da sociedade civil". De igual xeito, Sampedro salienta que "o 15M é puro movemento e, por tanto, non acepta ningunha forma de estancamento" e afirma que "o peor que podería ocorrer sería que IU ou UPyD (non digamos o PSOE) patrimonializasen este inmenso capital social en forma de votos". Sampedro destaca, ademais, o traballo realizado polo movemento en cooperación con outros colectivos: "dende hai un ano lanzou unha rede de autoaxuda para os desafiuzamentos, cooperativas, medios auto-xestionados... Fixo xurdir e soubo converxer coas mareas verde (educación), azul (auga), branco (sanidade), violeta (feminismo)". En opinión de Antón F. de Rota, o 15M deu "unha verdadeira lección de estratexia sen estratega, ou sen máis estratega que esa multitude en rede"

En opinión de Antón F. de Rota, o 15M deu "unha verdadeira lección de estratexia sen estratega, ou sen máis estratega que esa multitude en rede"

Para Raimundo Viejo, "o 15M nom é um movimento", senón que "é um acontecimento que relança a política de movimento" e afirma que "o 15M nunca se constituirá como fronte de massas de um partido de avangarda; nunca satisfará os ideologemas de modelos organizativos desfasados. O 15M é a expressom política de umha nova composiçom técnica de classe". David Rodríguez é máis cauto e opina que "o 15M segue a ser o que foi: un movemento social que mostraba de xeito inarticulado o fartazgo cun estado de cousas. O que é moi probable é que neste ano se dese un proceso de aprendizaxe en moitos e moitas das participantes no mesmo". 

Para Gómez-Reino, "o 15M tem pervivido, impregnando aos movementos com um recordatorio a necesidade de ser inclussivos, horizontais, amplos e plurais que sigue absolutamente vigente", porén, "no que tem que ver a identidade (elemento central num movemento político para gerar consensos e agregaçom) creio que tem perdido a batalha e a día de hoje, a identidade 15M está parcialmente estigmatizada polas contínuas campanhas de intoxicaçom do poder", polo que "o 15M ja nom é especialmente valioso como elemento invocador".

Fernández de Rota afirma, pola súa banda, que un dos principais acertos dos e das indignadas foi "responder á crise económica formando un movemento pola democracia, puido ir máis aló do problema dos recortes orzamentarios e reformas laborais encorsetadas nos lindes da estado-nación", o que levou a que a democracia "non soamente volva suscitar preguntas, senón que volveu a se converter en perigosa para os gobernantes".

 

A relación con outros colectivos

En opinión de Manuel M. Barreiro, a relación entre o 15M e outros colectivos transitou entre o receo inicial e a procura de converxencias e salienta que na actualidade hai unha "axenda de defensa do común, do público e da da igualdade de oportunidades como capital social a conservar, que é un punto de encontro para amplos sectores e activistas da sociedade civil". Sampedro fai fincapé en que "a militancia insubmisa, ecoloxista, feminista, internacionalista e alterglobalizadora atopou nas prazas unha nova xeración de activistas" e converxeu "con mozos socializados en Internet: o único espazo que lles deixaran".

Na actualidade hai unha "axenda de defensa do común, do público e da da igualdade de oportunidades como capital social a conservar, que é un punto de encontro para amplos sectores e activistas da sociedade civil"

David Rodríguez lembra que estes receos continúan e pon como exemplo a manifestación dos traballadores do naval convocada en Vigo para o mesmo sábado 12; a este respecto cre que se debe aumentar a cooperación e a converxencia: "estes novos movementos deberían, con toda a actitude crítica que queiran pois están totalmente lexitimados para iso, redescubrir a tradición de esquerdas da que, por moito que non sexan conscientes, proveñen". Mentres, para Antón  F. de Rota, "os partidos equivócanse ao ver neste movemento una mero colectivo de potencial votantes, ou peor aínda, o inimigo a combater. Eles son, neste momento, a única esperanza democrática".

 

O futuro

Barreiro salienta que as manifestacións do día 12 serán fundamentais para "recuperar visibilidade" e facer unha demostración de forza

En canto ao futuro, as opinións diverxen un chisco. Barreiro salienta que as manifestacións do día 12 serán fundamentais para "recuperar visibilidade" e facer unha demostración de forza e engade que "non basta con indignarse. O 15-M ten que pensarse como un catalizador de procesos". De igual xeito, David Rodríguez cre que o movemento debe ter clara "a estratexia que se debe seguir para disputar o poder", pois "un movemento cuxo obxectivo sexa unicamente o de erixirse en consciencia crítica, sen vontade de loitar polo poder, acaba por diluírse e ten, a longo prazo, a batalla perdida".

Raimundo Viejo apunta a este respecto que "o reto é nom caer na tentaçom de perfeicionar o mando actual, de saber producir instituiçons que nom rematem sendo integradas aos desenhos institucionais das democracias liberais". E Sampedro cre que o reto debe ser "escapar da cooptación política e empresarial, manter a capacidade de apelación masiva e seguir xerando redes autoxestionadas de resistencia, protesta e propostas" e conclúe "se invertemos a orde anterior, mellor que mellor". Finalmente, en opinión de Fernández de Rota, "non deberiamos contentarnos con só saír da crise. Os indignados impélennos a responder ao medo e á desesperación, xerando unha potencia democratizante".

Para Antón Gómez-Reino, "o desafío presente orbita em dous sentidos que, de partida, podem parecer antagónicos: Por umha parte a necesidade de profundiçar espaços de autonomía e pola outra a necesidade de entrar em litigio polo poder político, convencional e sistémico, desde o que artelhar um muro de contençom ante o tsunami liberalizador".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Cal cres que vai ser a resposta da cidadanía, perante o agravamento da crise e a intensificación dos recortes?

Manuel M. Barreiro: Quero crer que a resposta cidadá ao chamamento de mobilización do 12M vai ser boa. Debaixo da cinza hai lume: a ofensiva do Partido Popular contra o Estado de benestar, o empeoramento das condicións de vida de moitos cidadáns como consecuencia das políticas de axuste neoconservadoras ou a crise de lexitimidade das elites políticas seguen a favorecer a combustión social.

"Debaixo da cinza hai lume: a ofensiva do Partido Popular contra o Estado de benestar ou a crise de lexitimidade das elites políticas seguen a favorecer a combustión social"

Desde o punto de vista simbólico e emotivo, como forza de motivación, o 15M conserva unha poderosa capacidade de convocatoria e a folga xeral abriu un novo ciclo de mobilizacións que favorece a converxencia de esforzos e activismo. É evidente que se produciu un cambio significativo nas condición subxectivas que animan á protesta e aviveceuse un deterioro social, económico e institucional que manteñen viva a indignación.

Víctor Sampedro: É difícil prognosticar que fará a multitude, que basea o seu impacto na imprevisibilidade. As intencións son claras e fixéronse explícitas mil veces: non-violencia e reunir ao máximo de cidadáns para pór en práctica a democracia da maioría social fronte aos representantes do 1%. Se hai violencia será imputable ás provocacións do goberno; as previas e as que se producirán.

"Ademais da violencia estrutural que supoñen os recortes, hai unha regresión do Estado de dereito"

Ademais da violencia estrutural que supoñen os recortes, hai unha regresión do Estado de dereito: criminalización da protesta, detencións inxustificadas pola folga xeral, regulacións antidemocráticas do espazo público, anonimato dos axentes antidisturbios... A provocación é e será constante. Fronte a elas, a imaxinación e a intelixencia colectivas demostrarán o seu poderío, que non reside no enfrontamento directo, onde o 15M ten todas as de perder.

Raimundo Viejo Viñas: Acho que será umha resposta formidável, com umha enorme participaçom, grande madurez democrática e sobretodo de um empoderamento imprescindível para o progresso da política de movimento. 

Certamente, nestes últimos meses o régimen tem botado mao da estratégia da tensom para mirar de fazer abortar as mobilizaçons. Esta escalada tem levado em ocassons à violaçom flagrante dos princípios mais básicos do Estado de direito. Mas, contrariamente ao esperado polas autoridades, tem gerado umha resposta multitudinária (isto é algo que as ciências sociais, por certo, explicam desde fai tempo e mais se explica pola incompetência da direita que por outra cousa). A tendência continua e o mais seguro é que a persistência no erro do mando, remate num novo éxito de participaçom; num rotundo rejeitamento da estratégia policial.

"Nestes últimos meses o régimen tem botado mao da estratégia da tensom para mirar de fazer abortar as mobilizaçons. Mas, contrariamente ao esperado polas autoridades, tem gerado umha resposta multitudinária"

Pense-se, por exemplo, no que tem acontecido no laboratório catalam no que vai de mes. Controis policiais nos que mesmo se chegava a preguntar pola ideologia das gentes que passavam perto de centros sociais ou polas inmediaçons das manifestaçons. Embora estes dispositivos tam próprios da excepçom como paradigma de governo, a manifestaçom do 1 de maio anti-capitalista quintuplicou a participaçom do ano precedente e se desenvolveu sem o menor incidente. Está claro que nesta fase da vaga de mobilizaçons certos repertórios repressivos indignam ainda mais e favorecem umha maior participaçom.

Aliás, o movimento tem amosado umha capacidade táctica tam interessante como a nom-convocatória co galho da cimeira europea. Assi, longe de caer na tentaçom de legitimar os desorbitados gastos policiais para controlar a uns supostos violentos anti-sistema, a conselheria foi posta em evidência e o movimento conseguiu manter a coessom interna entre redes mais partidárias de repertórios mais "moderados" e redes partidárias de repertórios mais "radicais". Éxito total, já que logo, na marcage dos ritmos políticos. Só no que vai de mes: movimento 2 - mando 0.

David Rodríguez: Por falar en vellos termos marxistas ;) poderíase dicir que as condicións obxectivas para que as mobilizacións do 12M sexan un éxito están aí. En poucos meses, a acción do goberno de Rajoy -que, cómpre non esquecelo, está a continuar a senda marcada polas últimas decisións do goberno ZP co apoio do PSOE rubalcabiano ao completo (exemplo: pacto constitucional contra o déficit)- está a destruír, no estado español, os mecanismos de redistribución social dos que se dotaron as sociedades europeas, con anos de loitas e sacrificios, desde a segunda guerra mundial.

"A mobilización do 12M servirá para saber se hai unha corrente de fondo na cidadanía capaz de vencer ao medo e á incertidume que toda situación de crise xera na poboación"

Cousa diferente será ver como están as condicións subxectivas. Se atendemos á última enquisa do CIS, que tampouco é palabra revelada, parece que o bipartidismo non acaba de sufrir unha merma insuperable e continúa a obter uns índices de apoio considerables. A mobilización do 12M servirá para saber se o que sucedeu hai un ano foi froito dunha conxuntura na que o efecto novidade xogou un papel moi importante ou se hai unha corrente de fondo na cidadanía capaz de vencer ao medo e á incertidume que toda situación de crise xera na poboación.

Antón Gómez-Reino: Está claro que o contexto social e económico é máis propicio que no ano passado para atravesar respostas masivas debido, sobre todo, a profundizaçom dos ataques contra os direitos e as libertades sociais e políticas. A tenssom nas rúas está numha linha ascendente a raiz da extenssom sem paliativos das consecuencias da crise as maiorías sociais.

Porem penso que a percepçom cidadá ao respeito do 15M e as súas demandas tem mudado e a empatía tem-se tornado em certa apatía. A erossom que o aparato mediático do poder tem conseguido sobre 15M nom é menor e a cidadanía em geral é hoje menos permeável as propostas mobiliçadoras ao movemento indignado.

A erossom que o aparato mediático do poder tem conseguido sobre 15M nom é menor e a cidadanía em geral é hoje menos permeável as propostas mobiliçadoras ao movemento indignado

Con estes dos elementos em contradiçom, é umha auténtica incógnita saber o que pode suceder o sábado. É mui probavel que a nivel estatal a resposta seja boa nas grandes cidades (especialmente em Barcelona, onde a vaga mobiliçadora está máis avançada dada a contestaçom as políticas de recurtes do governo CIU). Veremos que sucede no país, onde a proprio movemento é singular tanto a respeito do fluxo estatal como em si proprio entre as diversas ciudades do país.

O movemento evolucionou, foi mutando no último ano; que función debe ter hoxe en día?

Manuel M. Barreiro: O 15-M manifestouse nos últimos meses como unha corrente subterránea, desapareceu dos focos informativos, pero revalorizouse con un fermento da sociedade civil. Hoxe máis que un movemento social ao xeito clásico adoita a forma dun hashtag que permite agregar experimentacións sociopolíticas moi diferentes, pero con algúns elementos compartidos: exercicio cotiá da soberanía cidadá, un horizonte democrático alén da democracia representativa, activación dos controis cívicos sobre os poderes públicos e os gobernantes, defensa de lecturas avanzadas en materia de dereitos sociais e liberdades, defensa dos bens comúns, práctica dunha solidariedade inclusiva... Convoca, en definitiva, experiencias e novas forzas diante da encrucillada destes tempos democracia solidaria ou barbarie.

"O 15-M manifestouse nos últimos meses como unha corrente subterránea, desapareceu dos focos informativos, pero revalorizouse con un fermento da sociedade civil"

Víctor Sampedro: O 15M é puro movemento e, por tanto, non acepta ningunha forma de estancamento. As marcas e as siglas sonlle alleas. Forman parte dun vocabulario que non recolle as moitas estruturas que xa xerou. Non son fixas, no sentido de xerárquicas e institucionalizadas, nin falta que lle fan.

O peor que podería ocorrer sería que IU ou UPyD (non digamos o PSOE) patrimonializasen este inmenso capital social en forma de votos. Os soños do 15M non caben nas urnas. Queremos que os think tanks lles díten os eslógans? Que o seu financiamento dependa das administracións? Que lle esiximos ao 15M? Desde hai un ano lanzou unha rede de autoaxuda para os desafiuzamentos, cooperativas, medios auto-xestionados... Fixo xurdir e soubo converxer coas mareas verde (educación), azul (auga), branco (sanidade), violeta (feminismo). Por primeira vez este país mira os dereitos sociais non como concesións do poder, senón como conquistas a defender. E, indo máis aló, expandir con novos contidos e reinventar con métodos participativos.

"O peor que podería ocorrer sería que IU ou UPyD (non digamos o PSOE) patrimonializasen este inmenso capital social en forma de votos"

Aínda nos parece insuficiente? Non temos ganas de máis? O tempo e a correlación de forzas internas e externas irá dando formas máis estables. Pero confiemos en que non sexan diques, senón novas canles de transparencia e participación.

Raimundo Viejo Viñas: O 15M nom é um "movimento" é um acontecimento que relança a política de movimento. Tambem pode ser considerado (no caso que acotemos o 15M aos desenvolvimentos havidos no marco da estrutura de oportunidade política da fim de legislatura de Zapatero) um ciclo de loitas concreto que, após o 20N remata e fai que o movimento entre numha fase de recombinaçom repertorial, de redefiniçom estratégica e de reformulaçom programática. 

O caso de DRY é o exemplo paradigmático do cámbio de paradigma: por umha banda, o clássico oportunismo que procura sacar partido da institucionalizaçom no régimen (que nom institucionalizaçom fóra do mesmo) é negado, denunciado e anulado desde as mesmas redes que instituem DRY. Pola outra, o régime nom tem a menor intençom de integrar, polo que qualesquer repetiçom das pautas de vagas precedentes (ao jeito da mitologia da geraçom cínica do 68) é tam ideológica como chamada a erro. 

"O 15M pode ser considerado um ciclo de loitas concreto que, após o 20N remata e fai que o movimento entre numha fase de recombinaçom repertorial, de redefiniçom estratégica e de reformulaçom programática"

O 15M, por moito que a moitxs lhes custe asumi-lo, acepta-lo ou entende-lo inscreve-se numha ruptura constituinte. É um processo que só adquire sentido numha matriz autónoma da política. Desde as ferramentas liberais ou (neo)republicanas nem se entende, nem se operacionaliza umha estratégica atinada.

Aliás, as estruturas do 15M som mais eficazes precissamente polo seu dinamismo, nom polo seu inmobilismo ou "fixaçom. O que se passa nas redes activistas a partir do 15M funda-se na constituiçom inmaterial da rede. Nom há um erro mais grave de enjuiçamento que esperar que o 15M poida gerar estruturas "sólidas", "sérias", "fixas" ou como for que as queiramos chamar. Seria a sua fim. 

Por sorte reificar o movimento nom é mais que umha teima desfasada das ideologias militantistas da extrema esquerda. Dito de um jeito outro: o 15M nunca se constituirá como fronte de massas de um partido de avangarda; nunca satisfará os ideologemas de modelos organizativos desfasados. O 15M é a expressom política de umha nova composiçom técnica de classe, de umha constituiçom material que supera os límites da rigidez fordista.

"O 15M deveria ser um momento constituinte, de ruptura co régime; o ponto de inflexom e partida de umha nova vaga de mobilizaçons o objectivo da qual deveria ser deixar de ser tal para devir instauraçom do régime político do comum"

Polo que fai ao que deveria ser, acho que o 15M deveria ser um momento constituinte, de ruptura co régime; o ponto de inflexom e partida de umha nova vaga de mobilizaçons o objectivo da qual deveria ser deixar de ser tal para devir instauraçom do régime político do comum. Cómpre superar a ciclicidade do movimento por meio de umha institucionalidade que precissamente seja quem de responder ao carácter extremadamente dinánico, fluido e contingente dos marcos organizativos e de intervençom. 

Se o 15M se quer projectar alem do actual estado de cousas, haverá de inventar prácticas instituintes diferentes, formular lógicas de agregaçom federativas, producir meios simbióticos para a confluência de singularidades produtivas, etc. Em suma: o 15M deveria ser o cámbio de clima, a mutaçom de subjectividade que fixo possível instaurar o régime político do comum. E nisso está, de feito.

David Rodríguez: Eu a sensación que teño é que o 15M como tal, sen ter en conta os colectivos organizados que se moven no seu seo, segue a ser o que foi: un movemento social que mostraba de xeito inarticulado o fartazgo cun estado de cousas. O que é moi probable é que neste ano se dese un proceso de aprendizaxe en moitos e moitas das participantes no mesmo. No sentido de que moitos dos que aí participaron hai un ano desde posicións utópicas, cidadanistas, etc. hoxe teñan unha concepción das cousas moito máis crúa e máis acaída á realidade.

"O 15M segue a ser o que foi: un movemento social que mostraba de xeito inarticulado o fartazgo cun estado de cousas. O que é moi probable é que neste ano se dese un proceso de aprendizaxe en moitos e moitas das participantes no mesmo"

Se isto provocará que o movemento se articule creando estruturas que permitan a loita polo poder ou, cando menos, pola hexemonía ideolóxica -ben creándoas ex-novo, ben converxendo con cousas preexistentes- está por ver. Probablemente os tempos dun movemento como o 15m son moito máis lentos do que sería necesario no momento histórico no que estamos. Pero as cousas son as que son.

Antón Gómez-Reino: O 15M foi um extraordinario elemento disparador para a repolitizaçom de questons que até ese momento estavam fora da agenda política cidadá. Porem, penso que o 15M foi, máis que outra coisa, umha forma de fazer e umha identidade.

Como forma de fazer política o 15M tem pervivido, impregnando aos movementos com um recordatorio a necesidade de ser inclussivos, horizontais, amplos e plurais que sigue absolutamente vigente. Pola contra, no que tem que ver a identidade (elemento central num movemento político para gerar consensos e agregaçom) creio que tem perdido a batalha e a día de hoje, a identidade 15M está parcialmente estigmatizada polas contínuas campanhas de intoxicaçom do poder. É neste sentido que penso que a día de hoje, no nosso país, o 15M ja nom é especialmente valioso como elemento invocador.

O 15M foi também umha porta ampla para que miles de pessoas, muitas delas mui jovens e sem experiencia activista ou militante, entraram a participar da quotidianidade das loitas sociais.

Por último, o 15M foi também umha porta ampla para que miles de pessoas, muitas delas mui jovens e sem experiencia activista ou militante, entraram a participar da quotidianidade das loitas sociais. A este respeito, penso que a día de hoje ja nom hai fronteira ou separaçom entre o 15M e os velhos movementos sociais. Alem de aqueles miles de pessoas que simplesmente atravessarom as praças naqueles días de maio, o corpo, o esquelete humano que ficou após esses días de efervescencia está hoje felizmente permeado nos colectivos e movementos activos nas luitas sociais presentes.

Como foi e como debe ser a relación entre o 15M e outros movementos sociais con visións transformadoras?

Manuel M. Barreiro: A relación do 15M con outros movementos sociais transitou desde o receo –singularmente coas organización sindicais– á procura de converxencias. A sintonía cos movementos de raigame máis comunitarista –movemento veciñal...– ou aqueles outros instalados en posicións desafiantes co sistema ou nas súas marxes foi desde o inicio moito mellor. A día de hoxe é bastante evidente que hai unha axenda de defensa do común, do público e da da igualdade de oportunidades como capital social a conservar, que é un punto de encontro para amplos sectores e activistas da sociedade civil.

"Hai unha axenda de defensa do común, do público e da da igualdade de oportunidades como capital social a conservar, que é un punto de encontro para amplos sectores e activistas da sociedade civil"

Víctor Sampedro: O 15M demostrou forza para rexuvenecer os perdedores dunha transición que se vende como pechada, unha vitoria final. A militancia insubmisa, ecoloxista, feminista, internacionalista e alterglobalizadora atopou nas prazas unha nova xeración de activistas. Converxeron con mozos socializados en Internet: o único espazo que lles deixaron os publicistas dos partidos disfrazados de xornalistas e os reality-show que lles denigraban como NIN-NIN.

"A militancia insubmisa, ecoloxista, feminista, internacionalista e alterglobalizadora atopou nas prazas unha nova xeración de activistas"

Os vellos (agora con 40 anos ou máis) transmitiron saberes e prácticas, autoridade intelectual e estratexias. Os mozos imprimironlle ao 15M unha transversalidade, unha capacidade de apelación transideolóxica ausente no tecido máis movementista. O resultado é fascinante: as loitas contra o desmantelamento dos Estados de Benestar e mesmo do Estado de Dereito únense coa batalla política que marcará a democracia (ou non) do s. XXI: o exercicio pleno da cidadanía dixital nunha Internet libre e neutral.

Raimundo Viejo Viñas: O 15M sorprende pola sua potência constituinte: é a transformaçom de seu. Como tal, nom precissa de pensar noutras vissons ou leituras eventuais, já que coincidirá com elas. Estas leituras integram já o 15M. Nom podem ser fora do 15M. Toda negaçom do 15M como acontecimento constituinte é, simplesmente, reaccionária. 

"Cómpre entender até que ponto o 15M obriga à redefiniçom, à recombinaçom, à mutaçom última do político"

Mais ainda, o 15M favorece o desplegue da agência política que interroga às redes activistas pre-existentes: o movimento. Pregunta-lhes se realmente eram ou seguem a ser transformadoras (como adoitam pensar) ou se, pola contra, nom som já mais que um remanente histórico de vagas de mobilizaçom passadas. Cómpre entender até que ponto o 15M promove a subsunçom de todo o anterior, até que ponto obriga à redefiniçom, à recombinaçom, à mutaçom última (que nom derradeira) do político. Nom olhar desde este ponto de vista é persistir nos erros de sempre.

David Rodríguez: A relación foi complicada. E aínda a é se temos en conta cousas como que 12M vai haber en Vigo unha mobilización de traballadores do naval independente da do 15M. Na miña opinión, esta falta de entendemento está causada por motivos que teñen que ver coa derrota histórica da esquerda despois do fracaso soviético (un estertor desa derrota histórica é o fracaso actual da socialdemocracia que, literalmente, quedou sen discurso e sen capacidade de levar a cabo os seus programas). Esta derrota histórica provocou un descrédito, case sempre fundado, das organizacións tradicionais da esquerda e dos seus discursos e valores e propiciou a penetración absoluta na sociedade dos valores capitalistas, até o punto de que, mesmo os sectores golpeados polo capitalismo, utilizan argumentos espallados polos medios de comunicación capitalistas (os políticos son todos iguais, os sindicatos están subvencionados, etc.) e parten dun individualismo recalcitrante propio da ideoloxía liberal.

"Estes novos movementos deberían, con toda a actitude crítica que queiran pois están totalmente lexitimados para iso, redescubrir a tradición de esquerdas da que, por moito que non sexan conscientes, proveñen"

Se a tradición da esquerda está chamada a revisar moitas cousas (a tradición comunista as súas inercias teleolóxicas e vangardistas, a socialdemocracia a crenza de que se pode transformar o mundo usando os marcos ideolóxicos do capital para limitarse a xestionalo) estes novos movementos deberían, con toda a actitude crítica que queiran pois están totalmente lexitimados para iso, redescubrir ou, nalgúns casos descubrir, a tradición de esquerdas da que, por moito que non sexan conscientes, proveñen. E non por unha cuestión estética o nostálxica, senón porque só coñecendo esa tradición, esas experiencias de anos e anos, evítase perder o tempo percorrendo camiños inútiles que outros xa percorreron e pódese, verdadeiramente, innovar na procura dun novo camiño para todos os que desexen ser donos das súas vidas.

Cales son os retos e as tarefas que debe abordar o 99% nos vindeiros meses?

Manuel M. Barreiro: O reto principal é facer unha poderosa demostración de forza día 12-M. Recuperar visibilidade. E actualizar a orde do día da mobilización crítica. Non basta con indignarse. O 15-M ten que pensarse como un catalizador de procesos. É o momento de ensaiar de coordinación política dos cidadáns críticos, desconformes ou disidentes, hai necesidade dun relato político radical democrático. Hai que contribuír a empoderar á sociedade civil.

"É o momento de ensaiar de coordinación política dos cidadáns críticos"

Víctor Sampedro: Ninguén ten dereito a ditar ou impor tarefas sen participar no movemento. A Tabacalera de Lavapiés, centro social cedido polo Ministerio (primeiro caso, fronte ás regalías inmobiliarias, exclusivas até entón para a Igrexa e as fundacións de patróns amigos) empezou cunha máxima: Quen propón, cómea. A Tabacalera converteuse, xunto co Observatorio Metropolitano, nun dos dous logros do 15M que se queren reproducir en todas as provincias. Estes lugares de autoxestión e os órganos cidadáns de fiscalización das políticas públicas non eran metas previstas no 15M, pero este serviulles de catalizador.

"Abandonemos a idea de que podemos ditar e programar en pechado como debe ser a democracia do s.XXI. O código da democracia é sempre aberto e algúns dos seus froitos máis valiosos son procomún"

Abandonemos a idea de que podemos ditar e programar en pechado como debe ser a democracia do s.XXI. O código da democracia é sempre aberto e algúns dos seus froitos máis valiosos son procomún: bens sociais non sometidos á apropiación do mercado (nin sequera o electoral), xerados de forma colaborativa, combinando democracia directa e representativa. Desde aí hai que reformular os dereitos civís e servizos sociais que nos están arrebatando. Esa reformulación nunca pode ser pechada nin igual en todas partes; ou se xera con transparencia e ábrese á participación ou volveremos caer en trampas programáticas.

O reto, en todo caso, sería escapar da cooptación política e empresarial, manter a capacidade de apelación masiva e seguir xerando redes autoxestionadas de resistencia, protesta e propostas. Se investimos a orde anterior, mellor que mellor.

Raimundo Viejo Viñas: O principal e mais claro de todos os retos é passar da fase expressiva à fase institucional da política de movimento. Isto nom significa, vai de seu, renunciar à expressom do descontento na rua ou à mobilizaçom multitudinária. Mas supom, em rigor, a esigência de atopar o jeito de subordinar progressivamente a mobilizaçom a umha institucionalidade outra; umha institucionalidade fundada numha gramática política capaz de comprender o mundo actual e nom ancorada nos velhos esquemas ideológicos da esquerda. 

"O reto é nom caer na tentaçom de perfeicionar o mando actual, de saber producir instituiçons que nom rematem sendo integradas aos desenhos institucionais das democracias liberais"

O 99% tem que ter claro que nom haverá alternáncia possível no marco do governo representativo que formule um novo contrato social e que, já que logo, deverá ser quem de ir instaurando, passeninho e devagar, o régime político do comum. Para isto cómpre ir creando as instituçons que façam possível o régime político do comum; cómpre pensar desde a autonomía como matriz normativa instituinte. O 99% dispom dos recursos, capacidades e vontade para levar a cabo umha alternativa institucional sobre as bases da constituiçom material das sociedades postfordistas.

O reto nom é, daquela, que ganhe de novo a esquerda, como em França, nem tampouco que ganhe umha esquerda mais à esquerda, como em Grécia (por mais que sejam duas boas notícias e a segunda ainda melhor que a primeira). O reto é nom caer na tentaçom de perfeicionar o mando actual, de saber producir instituiçons que, a diferência dos grandes sindicatos, dos partidos de esquerda e de outras instituçons de tempos idos, nom rematem sendo integradas aos desenhos institucionais das democracias liberais, a um liberalismo 3.0. Aliás de necessário é possível, e, de feito, é já um processo em curso que cómpre fornecer e desplegar. O #12m15m será o momento para faze-lo.

"Un movemento cuxo obxectivo sexa unicamente o de erixirse en consciencia crítica, sen vontade de loitar polo poder, acaba por diluírse e ten, a longo prazo, a batalla perdida"

David Rodríguez: O maior triunfo dos indignados e dos seus semellantes no mundo foi situar na axenda algúns temas que estaban desaparecidos. Nese sentido, o movemento indignado foi o máis eficaz, en moito tempo, para disputar ao establishment neoliberal a hexemonía ideolóxica. O reto debería ser converter ese éxito parcial, fráxil e momentáneo, nunha corrente aínda máis potente que acabe por vencer de vez no plano da hexemonía ideolóxica á apisoadora mediática neoliberal. Así mesmo compre que o movemento, ou as individualidades que o integran, comecen a se propoñer a tarefa máis importante que calquera movemento político debe ter presente: cal é a estratexia que se debe seguir para disputar o poder. Un movemento cuxo obxectivo sexa unicamente o de erixirse en consciencia crítica, sen vontade de loitar polo poder, acaba por diluírse e ten, a longo prazo, a batalla perdida.

Antón Gómez-Reino: Creio que debemos ser conscientes de que em realidade o 99% é máis um recurso retórico que umha realidade social. Contúdo é claro que o desafío presente -para aqueles movementos que caminham desde a oposiçom as políticas neoliberais até para os que, buscam claramente a confrontaçom com o sistema- orbita em dous sentidos que, de partida, podem parecer antagónicos, pero que temos que atopar o jeito de sinergiçar.

Por umha parte a necesidade de profundiçar espaços de autonomía onde poder organiçar de forma propria os destinhos das nossas vidas, superando o público como forma delegada de gestom dos asuntos colectivos e construindo novas formas de organizaçom do quotidiano, as proprias do común. Por outra, a urgencia presente por defendernos dos ataques neoliberais asumindo a necesidade de entrar em litigio polo poder político, convencional e sistémico, desde o que artelhar um muro de contençom ante o tsunami liberalizador.

Eis os dous caminhos aparentemente inversos pero que temos que fazer necesariamente paralelos na defessa da vida e dos bens comúns.