Cara á coalición municipal antitouradas

Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

Máis de 217.000 persoas asinaron xa a petición promovida pola plataforma Galicia, mellor sen touradas (GMST), a prol da abolición da tauromaquia en territorio galego. A maioría destas reclamacións proceden da Coruña e Pontevedra, as únicas grandes cidades nas que sobreviven estes espectáculos. Mentres a recollida de sinaturas continúa o colectivo cidadán continúa a recabar apoios e, cadrando coa precampaña das eleccións municipais, GMST coida que é posible acadar outro tipo de coalición: a antitaurina, un obxectivo que comezarán a procurar na cidade da Coruña.

A plataforma dirixirase "nos vindeiros días" ás persoas que aspirarán á alcaldía por todas as formacións distintas do PP para "demandar un novo paso na oposición política ás touradas" que acrecente o "compromiso elaborado en 2013, ao que se sumaron trece partidos políticos con implantación na cidade". O que GMST reclama, en última instancia, é que "os alcaldables" se comprometan a que, no caso de chegaren ao poder, retirarán os "recursos humanos e económicos" públicos que permiten continuar a celebrar a feira taurina.  Ademais, pedirán que "os grupúsculos taurinos non poidan influír nas decisións do futuro goberno" sobre aspectos como a "participación da Banda Municipal de Música" nos espectáculos ou a "cesión do Coliseum a custo cero".

GMST reclamará que as persoas que aspiran á Alcaldía da Coruña se manifesten abertamente contra o apoio público ás touradas

"Os partidos políticos que asuman o compromiso terán o apoio do 75,5% das coruñesas e coruñeses", subliña a plataforma, toda vez que o "último estudo sociolóxico ao respecto dos subsidios taurinos, elaborado en 2014", reflicte esta porcentaxe de rexeitamento. Mentres "a oposición cidadá ás touradas" se "incrementaba notablemente", destacan, ao longo do mandato municipal que remata o PP "asumiu ata tres concesións da feira taurina con diferentes condicións económicas" que "supuxeron un desembolso de 700.000 euros". "O cumio do despropósito -resaltan- foi a recente rebaixa dun 60% do canon que ten que pagar a actual adxudicataria", unha unión temporal de empresas "conformada por un ex edil do PP noutra comunidade".

"Reforzo" da rede contra a abolición

Neste contexto, GMST, xunto á Asociación Libera! e a fundación Franz Weber apostan tamén por reforzar a Rede de Municipios Galegos pola Abolición, que conta xa con once vilas oficialmente opostas non só ás subvencións directas ás touradas, senón tamén a todo tipo de "apoio público ao entramado taurino". Este soporte institucional, subliñan, "chega a situacións como a entrega de axudas para que peñas taurinas merquen mobles ou organicen charangas previas ás touradas de Pontevedra", por exemplo. "No lado contrario sitúanse os colectivos en defensa dos animais" que, por exemplo, "os rescatan do abandono e de situacións de maltrato" sen que, "na práctica, reciban as mesmas axudas nin ao mesmo nivel".

O debate da abolición, salienta a plataforma, volverá tamén ao Parlamento, neste caso a través do trámite da proposición de lei presentada en xaneiro e canalizada a través do grupo de AGE. "O traballo", conclúen, implica colectivos sociais pero "tamén os partidos políticos", xa que os seus "compromisos electorais" poden "apuntalar a fin da tauromafia".

Pobre asistencia ás touradas na Coruña, en outubro de 2014 Dominio Público @sentouradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.