Alumnado da USC, sen clase pola non substitución de dous docentes de baixa

Facultade de Ciencias da Educación © USC

Un grupo de alumnos e alumnas da USC, dos graos de Pedagoxía e Educación Social, denuncian que dende o 27 de xaneiro non se cubriu cun substituto ou substituta a baixa de dous docentes. Esta situación está facendo que perdan clases. Este grupo de alumnos e alumnas puxo de manifesto a pasada semana ante o propio reitor Juan Viaño "o descontento xeral", denunciando a falta de profesorado na Facultade de Ciencias da Educación.  Esta mesma mensaxe foi remitida por escrito á propia reitoría xunto con máis de 200 sinaturas das persoas afectadas.

Un escrito semellante foi enviado ao Conselleiro de Cultura e Conselleiro de Facenda a través do rexistro xeral, "partindo da base de que ambos suxeitos son figuras claves no cambio desta situación tan lamentable", sinalan. Critican a "tardanza" de todas as institucións responsables á hora de solucionar este problema. Así mesmo, este grupo de universitarios e universitarias solicitaron a colaboración do Valedor do Pobo e do Valedor da Comunidade Universitaria para axilizar o proceso.

Á espera "dunha solución", este conxunto de alumnos e alumnas esixen "responsabilidades" e ameazan con "mobilizacións" no caso de "seguir atentando contra os que son os seus dereitos fundamentais: un ensino público, gratuíto e de calidade".

Facultade de Ciencias da Educación © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.