"Non é un Código Penal de todos. Non hai dereito"

Ferreiro, Roura, Aymerich e Ramos, na Facultade de Dereito © GEPC

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acolleu este mércores un acto de protesta do Grupo de Estudos de Política Criminal (GEPC) contra a próxima reforma do Código Penal. Foi un acto que se repetiu simultaneamente en arredor de vinte universidades do Estado máis por parte desta asociación que xuta uns 150 xuristas -entre docentes, xuíces e fiscais- que impulsaron esta acción na que advirten de que as modificacións do Executivo suporán o "endurecemento da resposta penal sen causa xustificada e unha criminalización da protesta cidadá".  

O grupo de expertos xuristas amosa o seu "rexeitamento ao contido e á forma" do novo Código Penal que prepara o Goberno 

Na Coruña, foron os profesores Carlos Aymerich, José Antonio Ramos, Xulio Ferreiro e Santiago Roura os que deron lectura a un manifesto conxunto en todo o Estado no que o GEPC amosa o seu "rexeitamento" tanto "ao contido como a forma" do novo Código Penal. Para estes expertos, a reforma "dá un salto cualitativo no endurecemento da resposta penal sen que exista estudo rigoroso ningún previo da situación do sistema penal español nin xustificación racional para facelo". 

Así, lembran que as taxas de poboación penada e penitenciaria no Estado "son extremadamente altas" máis cando as taxas de delincuencia "son inferiores á media europea". Malia as afirmacións dalgúns, estes xuristas advirten de que o Código Penal vixente contempla penas "de duración superior aos canons europeos" que permiten ata unha estadía efectiva na cadea de "ata corenta anos". E van máis aló. "A introdución da cadea perpetua como vértice do sistema de peas abandona drasticamente calquera finalidade de reinserción social e utilízase exclusivamente con fins propagandísticos", din, tras recordar que "penas de maior duración non supoñen maior seguridade pero si provocan, sen dúbida, supostos duha crueldade absolutamente innecesaria". 

"A introdución da cadea perpetua abandona calquera fin de reinserción social e só ten fins propagandísticos", denuncia o GEPC

Ao tempo, o GEPC destaca que o pacto PP-PSOE en materia terrorista deixa fóra "medidas moito máis eficaces como a intelixencia, a cooperación ou a política internacional" para "fuxir ao dereito penal, tipificando condutas que xa eran consideradas delitivas cunha clara finalidade propagandística e esvaecendo o concepto de terrorismo, criminalizando a liberdade de pensamento, creando delitos de sospeita e condutas indeterminadas inaceptables nun Estado de Dereito". 

Do mesmo xeito, censuran unha reforma penal que, "en sintonía co Proxecto de Lei de Seguridade Cidadá, criminaliza a protesta co fin de disuadir os moitos colectivos de cidadáns indignados de expresar publicamente a súa rebeldía contra unha política que destrúe os alicerces do Estado do Benestar e aproveitan os que en boa medida provocaron a crise e seguen beneficiándose dela". "Un Estado democrático non pode asumir que o Dereito Penal se convirta nun instrumento de exclusión social, sanción da pobreza e control indeterminado da cidadanía en mans duns poucos", insiste. 

Os xuristas censuran o pacto PP-PSOE en materia terrorista e "a criminalización da protesta" da cidadanía

Por último, advirte dos "múltiples e variados erros técnicos da reforma", que foron postos de manifesto por altas institucións "sen que as súas opinións foran atendidas", e denuncia queu o Goberno saque "a toda costa" a reforma "ignorando esas voces críticas e aso do resto de grupos parlamentarios", obviando así "o consenso que forma parte inescindible da lexitiminación en materia penal". "Non é un Código Penal de todos. E non hai dereito", conclúen. 

Ferreiro, Roura, Aymerich e Ramos, na Facultade de Dereito © GEPC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.