O Concello do Irixo rexeitou por unanimidade a instalación dunha incineradora na comarca en 2011

Manuel Penedo, alcalde do Irixo Dominio Público Praza Pública

O 18 de marzo de 2011 o pleno do Concello do Irixo aprobou por unanimidade unha moción, presentada polo concelleiro nacionalista Óscar Freixedo, que expresaba "o rexeitamento do Concello do Irixo á implantación da planta incineradora e do complexo de residuos urbanos do sur de Galiza, na comarca do Carballiño ou limítrofes, xa que este tratamento dos residuos afecta de xeito prexudicial e irreversíbel ao noso medio e á saúde das persoas".

A moción obedecía aos ruxe-ruxes da instalación da planta que comezaran coa aprobación, no Consello da Xunta do 13 de xaneiro do novo plan de xestión de residuos urbanos, no que se indicaba que o lugar axeitado para a situación da planta incineradora sería algún concello limítrofe entre as provincias de Ourense e Pontevedra no eixo da A-52. Daquela a corporación estaba formada por 6 concelleiros do PP, 2 do PSOE e 1 do BNG (na actualidade hai 8 do PP e 1 do PSOE). 

A moción obedecía aos ruxe-ruxes da instalación da planta que comezaran coa aprobación, no Consello da Xunta do 13 de xaneiro do novo plan de xestión de residuos urbanos

Porén, despois da eleccións municipais, o PP de Irixo, encabezado polo alcalde, Manuel Penedo, muda a súa posición e apoia que a incineradora se contrúa no Concello, argumentando que sería unha solución para o desemprego, que traería "o progreso" á comarca e que, ademais, non contaminaba. Segundo o Encontro Irmandiño do Irixo, naquel momento dimitiu o concelleiro Manuel Cardedo Fernández, por opoñerse ao cambio de posición dos seus compañeiros, que Purificación Fernández Dieguez, voceira do EI no concello, cualifica de "hipócrita".

O Encontro Irmandiño pide a dimisión do alcalde, Manuel Penedo, e dos restantes concelleiros populares que formaban a anterior corporación e seguen na actual

O Encontro Irmandiño pide a dimisión do alcalde, Manuel Penedo, e dos restantes concelleiros populares que formaban a anterior corporación e seguen na actual: Nuria Penedo Taboada, José Luís Alén Trigás e María José Villanueva Dejuane, "por ser todos eles responsábeis  desta gran mentira, da decisión da localización da incineradora, da crispación e do enfrontamento que se está a vivir no Irixo". Os membros do Encontro Irmandiño subliñaron que "isto demostra como son e o que podemos fiarnos deles", dixo Purificación Fernández.

Manuel Penedo, alcalde do Irixo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.