0 Gardados para despois

Nace a plataforma galega contra a incineración

Redacción | @prazapublica

O obxectivo da Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe, que se contituíu este luns en Ourense é unir os esforzos de todos os colectivos, organizacións, plataformas e persoas que rexeitamos a incineración como sistema para o tratamento dos residuos e defendemos as alternativas baseadas na redución, a reciclaxe e a compostaxe. Inicialmente promovida polas principais organizacións ecoloxistas galegas (ADEGA, Amigos da Terra, a FEG -18 organizacións-, SGHN e Verdegaia) a Plataforma está aberta a todos os colectivos sociais, dende partidos politicos e sindicatos a organizacións sectoriais, profesionais e por suposto ás plataformas locais que asinen o Manifesto fundacional.

O manifesto, que parte do convencemento de que o modelo de xestión exemplificado pola planta incineradora de Sogama é un fracaso, aposta por cambio de orientación nas políticas de xestión dos residuos e a potenciación "das tres erres: Redución, Reutilización e Reciclaxe". O manfesto rexeita a incineración porque considera que é contraria á lexislación europea, estatal e galega, é perigosa para a saúde, é insustentable ambientalmente, ineficiente e caro, e xera poucos postos de traballo en comparación con outros sistemas. 

En cambio, apóstase por fomentar a participación activa da cidadanía, priorizar a redución en orixe e a reutilización, potenciar novos modelos de recollida selectiva, converter a compostaxe no motor principal da redución, desevolver industrias da reciclaxe para a fracción non compostable, especialmente o vidro, metais e papel-cartón, establecer un sistema descentralizado de xestión

O manifesto está asinado por ADEGA, Amigos da Terra, Feferación Ecoloxista Galega (formada polos grupos ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Luita Verde, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, e Xevale), Sociedade Galega de historia Natural e Verdegaia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.