0 Gardados para despois

"Non imos consentir que fagan negocio coa nosa saúde"

Redacción | @prazapublica

Milleiros de persoas participaron nas 11 mobilizacións celebradas este xoves en defensa da sanidade pública e en denuncia dos recortes e as privatizacións, convocadas por SOS Sanidade Pública. A marcha máis numerosa tivo lugar en Vigo, pero tamén A Coruña, Pontevedra, Cangas e Moaña reuniron varios centos de persoas.

"A Sanidade Pública é hoxe máis necesaria que nunca e non podemos deixar que a destrúan, polo noso futuro, polo futuro das nosas fillas e fillos"

No manifesto lido nas distintas convocatorias, destacouse que "coa chegada do Sr Feijóo á Xunta, o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade sexa un privilexio, accesible só para uns poucos, para quen poida pagar". "Non imos consentir que fagan negocio coa nosa saúde" -dixeron- "Non teñen ningún dereito a privatizar a sanidade pública, nin a facer negocio coa nosa saúde, o goberno do PP só é un xestor provisional dos servizos públicos". Os manifestos pecháronse sinalando que "a Sanidade Pública é hoxe máis necesaria que nunca e non podemos deixar que a destrúan, polo noso futuro, polo futuro das nosas fillas e fillos" e facendo un chamento á mobilización do conxunto da cidadanía: "precisamos do apoio de todas e todos para esixir o remate dos recortes e privatizacións da Sanidade Pública e que se recuperen os seus valores fundamentais: a universalidade, a equidade e a gratuidade na prestación". 

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que participou na mobilización convocada en Compostela, asegurou que estas mobilizacións son a resposta da sociedade galega ás políticas deste goberno. “As galegas e galegos envían así a mensaxe de que non queren que se privatice a sanidade pública, nin que a regalen os seus amigos e amigas para que fagan negocio con ela a custo da nosa saúde”.

Representantes da Plataforma de afectados pola Hepatite C leron outro manifesto: "Podemos dicir con orgullo que a nosa loita é un exemplo. Un exemplo de como as políticas sanitarias non son inamovibles"

Así mesmo, representantes da Plataforma de afectados pola Hepatite C leron outro manifesto, no que se destacaba que "o colectivo que formamos as persoas enfermas de Hepatite C somos probablemente un dos exemplos máis dramáticos de como o recorte dos investimentos na Sanidade Pública comprometen non só a saúde senón tamén a propia vida das persoas". "O que sempre pensamos que debera ser unha prioridade absoluta das políticas públicas (salvar vidas) converteuse por obra e graza dos que administran a nosa sanidade nun privilexio concedido de xeito escurantista, decidindo que eramos os doentes quen tiñamos que pagar en sufrimento e en vidas a súa incompetente ou malintencionada xestión", engadiron.

A súa intervención concluíu subliñando que "lonxe do que esperaban, as e os doentes de Hepatite C decidimos non resignarnos a non ser tratados (...) Ese combate librámolo con determinación, e nesa loita polo elemental dereito á esperanza de curarnos, atopamos o apoio da sociedade (...) Podemos dicir con orgullo que a nosa loita é un exemplo. Un exemplo de como as políticas sanitarias non son inamovibles. De como a loita colectiva, organizada e respaldada socialmente produce froitos. De que a sociedade ten na mobilización e na autoorganización as armas para frear os recortes e facer recuar as políticas de desmantelamento da Sanidade Pública".

Manifestación SOS Sanidade Pública en Vigo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.