Queiman 90.000 prendas incautadas na Pedra, a pesar das peticións das ONG

Mercado da Pedra, en Vigo CC-BY-NC-SA Septen Trionis

90 mil das 110 mil prendas de roupa falsificadas incautadas pola policía no mercado vigués da Pedra nos últimos meses foron queimadas este luns na planta incineradora de Sogama. Distintas entidades sociais solicitaran que estas prendas fosen entregadas a ONGs para que chegasen a persoas con grandes necesidades en todo o planeta. Da mesma opinión era a xuíza encargada do caso. Porén, marcas como Hugo Boss, Bikkembergs ou Adidas exerceron unha forte presión para que estas prendas fosen destruídas, como así esixiu a Fiscalía, e evitar así que regresasen ao circuíto comercial, prexudicando os seus intereses e engrosando as contas das mafias.

Marcas como Hugo Boss, Bikkembergs ou Adidas exerceron unha forte presión para que estas prendas fosen destruídas, como así esixiu a Fiscalía, e evitar así que regresasen ao circuíto comercial

A Asociación Nacional para a Defensa da Marca sinalou que "naquelas ocasións en que os produtos falsificados foron entregados con fins humanitarios sen que previamente se eliminaran os logotipos, eses produtos ilícitos volveron ao mercado como consecuencia do aproveitamento que certos individuos fixeron da boa vontade das institucións benéficas", engadindo que detrás do negocio das falsificacións hai "grupos criminais que controlan todas as rutas. E atopamos casos en que unhas partidas supostamente destinadas ao Sahara estaban aos dez días en mercados de Madrid".

A Operación Tron, iniciada en decembro de 2013, acabou coa venda ilegal de roupa neste mercado vigués, comisando prendas cun valor total de 2,25 millóns de euros, e cun negocio que fabricaba en Portugal imitacións de gran calidade, que despois distribuía a once comunidades autónomas de toda España. Tras a negativa da Fiscalía a aceptar unha doazón a unha ONG internacional, para evitar que as mafias lle seguisen a pista, de xeito que cando menos unha parte destas prendas non fose destruída, a xuíza do caso ordenou en outubro de 2014 que fosen queimadas.

O pasado mes de decembro outra sentenza aceptou unha doazón simbólica de dúas ducias de prendas

Con todo, o pasado mes de decembro outra sentenza aceptou unha doazón simbólica de dúas ducias de prendas. En setembro foran detidos dous mozos vigueses por mercar e revender pezas de roupa falsificadas das marcas Bikkembergs, Adidas, Levitas S.P.A. e Hugo Boss. Fóronlles incautadas 200 prendas, que a xuíza recomendou que fosen entregadas ao albergue dos Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres de Teis, "dado o seu ínfimo valor". Adidas, Levitas S.P.A. e Hugo Boss presentaron un recurso para esixir que estas pezas de roupa fosen tamén destruídas. Porén, o seu recurso (que non contaba co apoio da Fiscalía) foi desestimado, procedéndose á doazón previo borrado dos logotipos das marcas con tinta indeleble, para que así perdesen o seu hipotético valor no mercado, no caso de ser revendidas.

A lei prevé "a destrución ou cesión con fins humanitarios, se for posible, a elección do actor, e a costa sempre do condenado, dos produtos ilicitamente identificados coa marca"

Quedan aínda 20 mil prendas das requisadas na Pedra, que foron recollidas na última redada practicada, o pasado mes de outubro no marco da Operación Cuarzo. A entidade Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres, que recibiu hai unhas semanas a devandita doazón simbólica, solicitou tamén recibir unha parte dese depósito. A Lei de Marcas de 2001, reformada en 2011, prevé "a destrución ou cesión con fins humanitarios, se for posible, a elección do actor, e a costa sempre do condenado, dos produtos ilicitamente identificados coa marca que estean en posesión do infractor, salvo que a natureza do produto permita a eliminación do signo distintivo sen afectar o produto ou a destrución do produto produza un prexuízo desproporcionado ao infractor ou ao propietario", ao igual que tamén o fai a Lei de Enxuizamento Criminal. Pero habitualmente óptase pola súa destrución directa.

Mercado da Pedra, en Vigo CC-BY-NC-SA Septen Trionis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.