0 Gardados para despois

O 15M colle folgos: "Non temos medo, temos fame"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Non temos medo, temos fame". O célebre berro que Os Diplomáticos de Monte Alto inseriron no seu Gaiteiro, himno interxeracional bravú e arroutado, serviulle a un grupo de mozos que secundaron a convocatoria do 15M en Compostela para resumir os múltiples motivos que os levaron, un ano despois das primeiras manifestacións indignadas, a volver ás rúas. "O capitalismo é o terrorismo", "Borbón, traballa de peón", "que pasa, que pasa? que non temos casa". Os motivos son diversos, case tantos como os asistentes, milleiros de persoas que este sábado encheron as rúas na decena de localidades galegas nas que o 15M decidiu conmemorar o seu aniversario collendo folgos contra unha crise que non é tal, "senón unha estafa", e que fai que todo "estea moito peor que hai un ano".

Máis de 8.000 na Coruña, 4.000 longas en Santiago, moitos milleiros en Vigo... As dúbidas que existían no seo do movemento ao formular a convocatoria esvaeron pouco despois do inicio das protestas nunha tarde que en todo o país parecía deseñada para consagrar ao sol, ás terrazas e mesmo á praia. A indignación e as reivindicacións non só seguen vivas, senón que se actualizaron a golpe de crise e recortes. Mostra disto é que en boa parte das marchas moitas das consignas estrela de hai un ano -"non nos representan", "chámano democracia e non o é"- ficaron nun segundo plano, relegadas por moitos dos berros que xa se escoitaron hai poucos días, nas manifestacións do Primeiro de Maio, e un pouco antes na folga xeral, os obxectivos da protesta: a reforma laboral e a banca. Tamén tivo moito espazo unha das institucións un chisco ausentes nos primeiros compases do movemento, a Monarquía. Nesta liña, non foron poucas as siluetas de elefantes que se viron polas rúas.

Pero, ademais de indignárense xenericamente que queren? Que se pediu este sábado nas rúas? Belén, do 15M de Compostela, esforzábase en explicar ante os xornalistas que un ano despois si hai a "concreción" cuxa ausencia se lles reprochaba en 2011. "Queremos seguir creando conciencia para que a xente siga a loitar polos seus dereitos" e isto concrétase en, por exemplo, esixencia de "vivenda digna para todo o mundo", freo aos desafiuzamentos, reclamación de "distribución da riqueza" ou aposta pola "igualdade" con independencia da renda: "aquí hai moita xente estudante que tamén participou na folga xeral do día 10 para que non suban as taxas", exemplifica. Nese abano de reivindicacións tamén xoga un papel relevante "a liberdade cidada". Saír á rúa e protestar "non é delito", reivindican, en resposta "ao Ministerio do Interior". 

"Onde están? Non se ven os empregos do PP", coreouse na Coruña. "Illa, illa, illa, Botín fillo de puta", repetiuse con retranca en Compostela e en Vigo. "Coa sanidade non se xoga", podíase ler en moitas das pancartas, repartidas entre os asistentes ao comezo das marchas: "aquí non hai políticos e por iso non nos pelexamos por elas", explicaba unha moza en Santiago nunha descrición un chisco inexacta. Porque si houbo "políticos" nas rúas. Aínda que nun discretísimo segundo plano, militantes e algún que outro dirixente de diferentes formacións do nacionalismo e da esquerda mesturaronse entre as multitudes. Mesmo algunhas das reivindicacións presentes na marcha están xa en foros parlamentarios da man dalgúns deles, caso por exemplo da esixencia dunha banca pública.

Rajoy, Conde Roa, dación en pagamento

As novidades nas reivindicacións deste 15M que o calendario transformou en 12M tamén mudaron de destinatarios, igual que algúns Gobernos mudaron de cor política. Dende as primeiras mobilizacións as urnas abriron en dúas ocasións, para as eleccións municipais e para as eleccións xerais, e en moitos casos mudaron responsables políticos socialistas e nacionalistas por outros do PP. Por este motivo abondaron as imaxes irónicas dedicadas a Mariano Rajoy e aos seus ministros reclamándolles responsabilidades pola "especulación" ou, simplemente, instándoos a rebaixar os seus soldos ou a marchar. Na marcha de Compostela unha lembranza especial foi para o ex alcalde, Gerardo Conde Roa, quen cesou no cargo tras recoñecer unha débeda con Facenda e que converteu a cruzada contra o 15M nun dos emblemas do seu breve mandato: "non estamos todas, falta Conde Roa", coreuse ao chegar a unha Praza do Obradoiro na que se recuperaron tradicións de hai un ano, como unhas peculiares "carreiras de cabalos" dando palmas, pero na que tamén se introduciron novidades, como o canto do Grándola, vila morena, do Zeca Afonso.

E se houbo novidades nas consignas tamén as houbo nas formas de protesta, nas propias manifestacións e fóra delas. Así, por exemplo, na marcha da Coruña ao tempo que se distribuían estratexicamente diversas pancartas no percorrido da manifestación -a prol da sanidade pública ante unha clínica privada, contra a especulación nun banco- tamén se recollían sinaturas para a iniciativa lexislativa popular que o movemento 15M impulsa en todo o Estado e que foi amplamente difundida nas rúas da Coruña en versión bilingüe; o obxectivo non é outro que evitar "que nos hipotequen a vida", isto é, lograr que a entrega da vivenda á entidade bancaria sexa dabondo para saldar a débeda dunha hipoteca, o que é o mesmo, a célebre dación en pagamento. Tamén en Santiago, Vigo ou Pontevedra se fixo fincapé nesta reivindicación, rematar cunha situación na que hai "casas sen xente e xente sen casas".

Que o Estado "non lle dea un euro máis á banca", "reparto do traballo e salarios dignos" ou "non á privatización dun só servizo básico" foron algunhas das reclamacións que ficaron reflectidas nos manifestos lidos nas diversas prazas en moitas das cales tamén se celebraron asembleas. E agora, que? Os representantes do 15M nas diversas localidades aseguran, como o pasado ano, que o movemento "non remata aquí", ben ao contrario, afirman, rexorde con folgos renovados. Será "o que decida a asemblea", conclúen.

Santiago, contra os deafiuzamentos

Carteis en Compostela

De Cospedal, lembrada en Santiago

Reparto de pancartas en Santiago

Castelao, 'presente' en Santiago

Carteis en Santiago

Manifestación en Santiago contra a reforma laboral

Peticións de banca pública ante a banca privada, en Santiago

Manifestación do 15M en Santiago

Folga e banca, en Compostela

Os motivos para a protesta, en Compostela

Compostela, motivos e razóns

Diante de Bankia, en Compostela

Dous Anonymous en Santiago

Manifestación en Vigo

Milleiros de persoas no centro de Vigo

Propostas en Vigo

Pancartas en Vigo

O naval vigués, indignado

Milleiros de persoas no #12M de Vigo

Diversidade de idades na marcha de Vigo

Remate da manifestación na Coruña

Sentada no entorno do Obelisco da Coruña

Parada na Praza da Peregrina, en Pontevedra

Reivindicación 'en tartaruga' en Pontevedra

Cabeceira da marcha, no casco vello compostelán

De volta no Obradoiro

Sentada no Obradoiro

De volta na praza

Alegoría contra os recortes na Coruña

Cabeceira da marcha coruñesa

Multitude na Coruña, dende o inicio da protesta

Un mozo, na marcha da Coruña

A vixencia de Nunca Máis, na Coruña

Acción pola sanidade pública

Pola banca pública, ante NCG Banco

Percusión contra a violencia

#12M15M

O aniversario do 15M enche as rúas en Galicia

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Centos de milleiros de persoas en todo o Estado

No resto do Estado foron centos de milleiros de persoas as que saíron ás rúas en resposta á convocatoria do 15M. Madrid e Barcelona foron os escenarios das marchas máis multitudinarias. No caso madrileño as protestas comezaron durante a mañá, con catro marchas que partiron dende diferentes barrios e que confluíron na Puerta del Sol e que se desenvolveron sen incidente ningún, circunstancia que non impediu que a Policía realizase numerosas identificacións, segundo fontes presenciais.

É precisamente a presión policial un dos elementos que diferencia a marcha de Madrid ou a de Barcelona das celebradas en Galicia, onde, nos máis dos casos, foron controladas unicamente por efectivos dos corpos policiais locais ou por escasos membros de corpos estatais. Tamén era abondosa a vixilancia en Barcelona, onde os convocantes manifestaron a intención de converter a manifestación nunha "asemblea permanente" de tres días malia á prohibición de acampar. Nesa asemblea permanente debateranse os movementos a realizar no futuro máis inmediato.