Galicia sufriu 20 grandes incendios no último mes

Índice de risco de incendio para este martes 7 de abril © Xunta

Este luns quedou extinguido en Ortigueira un incendio que queimou 50 hectáreas. O sábado fora Ourol a zona que sufrira outro que arrasara outras 33. A finais de marzo dous grandes incendios queimaron 371 hectáreas en Ponteareas, de tal gravidade que Medio Rural tivo que pedir reforzos á Unidade Militar de Emerxencias. Grave foi igualmente a situación en Carballeda de Valdeorras, a comezos de marzo, cando dez lumes (oito deles de máis de vinte hectáreas) acabaron con 200 hectáreas de monte raso, 80 delas pertencentes á Rede Natura, preto de Pena Trevinca. Lobios, A Gudiña, Covelo, Rodeiro, Ordes, Moaña, A Lama..., no último mes Galicia sufriu un total de vinte grandes incendios, superiores ás 15 hectáreas en todos os casos.

Os problemas fanse máis evidentes fóra da época de alto risco de incendio, cando a limitación das dotacións obriga en ocasións a botar man de peticións de reforzos de última hora, como sucedeu nos incendios de Ponteareas

En paralelo, sindicatos e colectivos profesionais comezaron a alzar a voz (como veñen facendo dende hai anos) criticando a falta de medios humanos e materiais, a debilidade dos traballos de prevención, a fragmentación do dispositivo de extinción e os problemas de coordinación entre todas as administracións e empresas implicadas na loita contra o lume. Uns problemas que se fan máis evidentes, precisamente, fóra da época de alto risco de incendio, cando a limitación das dotacións obriga en ocasións a botar man de peticións de reforzos de última hora, como sucedeu nos incendios de Ponteareas. 

Hai uns días a CIG esixiu da Conselleria do Medio Rural a contratación "inmediata" do persoal laboral fixo discontinuo de 3 meses, persoal que habitualmente vén sendo incorporado ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais no período de verán. Porén, segundo o sindicato, a declaración do alto risco de incendios forestais establecida a partir do día 3 de abril pola propia consellaría obriga a "ter un servizo contra incendios operativo na súa totalidade".

A CIG tamén reclama a cobertura de todas as prazas vacantes existentes no propio servizo contra incendios, así como daqueloutras cuxos titulares están na situación de baixa laboral, "prazas todas elas que se contan por centos". A central denuncia que "en distritos forestais coma Vigo-Baixo Miño, de catro emisoristas actualmente están traballando dúas, podéndose dar a circunstancia de haber incendios forestais e a base do distrito estar pechada pola falta de persoal".

Do mesmo xeito, CC.OO. esixiu que "que se cubran todas as vacantes para que as brigadas sexan verdadeiramente operativas", que se amplíe o tempo de traballo de todo o persoal fixo-discontinuo "para levar a cabo todos os traballos de prevención que son necesarios facer ao longo do ano" e que se "unifiquen nun único servizo público autonómico", todas as tarefas "de prevención, vixilancia, extinción e investigación dos incendios forestais".

Entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2014 producíronse 624 incendios que afectaron a 432 hectáreas. Porén, nos restantes meses do pasado ano os incendios queimaron 1571 hectáreas

Nos últimos anos vén sendo cada vez máis habitual ver grandes incendios en Galicia fóra da época de alto risco (do 1 de xullo ao 30 de setembro). Na primavera e no outono o número de traballadores do servizo de prevención e extinción é moi inferior ao do verán, e en moitas ocasións tense revelado como insuficiente. Unha das grandes reivindicacións de sindicatos e colectivos profesionais é que o persoal encargado da loita contra o lume sexa contratado durante todo o ano e non só durante tres meses, de xeito que se eviten estas situacións de falta de efectivos e para que poidan levar a cabo fóra do verán traballos de limpeza e prevención. Entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2014 producíronse 624 incendios que afectaron a 431,7 hectáreas. Porén, entre xaneiro e xuño e entre outubro e decembro houbo 614 incendios que queimaron 1571 hectáreas.
O Índice de risco diario de incendio forestal volve ser extremo este martes en varias das zonas que no que vai de ano sufriron máis o efecto do lume: Valdeorras, Ribeiro, Ortegal e sur de Ourense

Este mesmo martes, o Índice de risco diario de incendio forestal determinado pola Consellaría de Medio Rural volve ser extremo en varias das zonas que no que vai de ano sufriron máis o efecto do lume: Valdeorras, Ribeiro, Ortegal e sur de Ourense. O risco é moi alto no Morrazo e alto no resto das provincias de Ourense e Pontevedra e no sur das provincias de Lugo e A Coruña.

 

Grandes incendios no que vai de ano

Índice de risco de incendio para este martes 7 de abril © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.