0 Gardados para despois

A Xunta recúa e manterá as enfermidades detectables no cribado neonatal

Redacción | @prazapublica

Nas últimas semanas pairou sobre o programa galego de cribado prenatal a sombra do recorte. Este servizo ten demostrado nas últimas décadas unha grande efectividade na detección precoz de moitas enfermidades e, en concreto, o galego é un dos programas con mellores resultados no Estado. Porén, ao abeiro da modificación da carteira básica de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde, que garante unicamente a detección precoz en neonatos e neonatas de sete enfermidades, o SERGAS barallaba a posibilidade de recortar o programa, eliminado probas coma a análise de urina e reducindo de 40 a 12 o número de enfermidades detectables.

O subdirector xeral de Saúde Pública, Jorge Suances, adiantara que o programa contería entre 12 e 14 enfermidades

Aínda que tanto a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera coma o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, rexeitaron confirmar ou desmentir estes rumores, o propio subdirector xeral de Saúde Pública, Jorge Suances, confirmou que o programa contería entre 12 e 14 enfermidades.

Finalmente, a Xunta semella ter dado marcha atrás nos seus plans e este martes vén de anunciar o mantemento das patoloxías que se viñan cribando ata o de agora, e que sumando as sete previstas polo Ministerio de Sanidade, fan un total de 29. No modelo actualmente vixente analízanse 24 doenzas e, a través de diagnóstico diferencial, pódense detectar ata 40 problemas. 

Nas últimas semanas a presión de profesionais, sindicatos e pacientes foi moi importante. CESM-Omega e CIG-Saúde amosáronse moi críticos, o mesmo, que entidades coma a Asociación Fenilcetonuria e Outros Trastornos do Metabolismo de Galicia (Asfega) ou persoas moi respectadas neste campo, coma José Ramón Alonso, antigo xefe da Sección de Metabolopatías do CHUS e un dos promotores deste programa, xubilado dende hai dous anos, que lanzou unha petición en Change.org que sumou máis de 20 mil sinaturas. O propio José Ramón Alonso escribía esta mesma tarde: "Noraboa, conseguíchedelo, coa colaboración dos medios de comunicación, a implicación dos que traballan e traballaron no Programa e o bo criterio das Autoridades".

Semella que a opinión -practicamente unánime- dos mellores coñecedores do programa, que desaconsellaban o recorte proposto, ten pesado moito no cambio de posición da Consellaría

A propia Consellaría de Sanidade, na nota de prensa distribuída aos medios, destaca que para chegar á solución finalmente aprobada "traballouse conxuntamente cos profesionais o deseño conxunto do programa, de xeito que se mantén a súa elevada calidade". Semella que a opinión -practicamente unánime- dos mellores coñecedores do programa, que desaconsellaban o recorte proposto, ten pesado moito no cambio de posición da Consellaría.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.