0 Gardados para despois

A semana da lingua da (aínda) maioría do país

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Semana das letras". É o nome oficioso que dende hai anos se lle vén aplicando aos días colindantes co 17 de maio, data de reivindicación do idioma e, cunha intensidade variable segundo o ano, dunha figura da literatura do país. A proximidade dun novo Día das Letras xa multiplica o número de actos, publicacións, manifestos e reivindicacións de diverso ton en torno á lingua galega. Moitas delas apóianse en dous piares, un festivo, de celebración do idioma propio, pero tamén de alerta. O segundo piar está sustentado, á súa vez, en indicadores tan fríos como ilustrativos, números que din que o galego pasa por un mal momento, cando menos no que atinxe ao número de falantes nos límites administrativos de Galicia e tamén no vencellado á tradución práctica da súa protección legal.

Esas cifras máis que frías son xélidas cando o obxecto de estudo son as persoas máis novas. Atendendo aos últimos datos dispoñibles, difundidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2010 máis do 60% dos nenos e nenas de entre 5 e 14 anos falan "en castelán sempre" ou "máis castelán ca galego" e máis do 55% fan o propio entre os 15 e os 29 anos. Só a preponderancia do galego entre a cidadanía de entre 50 e 64 anos e, sobre todo, entre os maiores de 65, permite que o cálculo global sexa aínda positivo para a lingua propia, podendo afirmar que o 56% da poboación é monolingüe en galego ou, cando menos, emprega máis o galego ca o castelán.

Os rexistros do IGE amosan tamén un panorama no que o emprego ou non do idioma é alleo, nos máis dos casos, ao coñecemento que se ten del. No mesmo estudo fica reflectido que un 89% dos enquisados aseguran falar galego "moito ou bastante", fronte un raquítico 10% que o empregan "pouco ou nada". Estes indicadores, unidos aos de cambio de idioma por razóns de traballo ou amizades permiten tamén bosquexar un cadro no que os condicionantes sociais son a pedra angular da supervivencia ou non do idioma.

Reivindicacións, festa e retranca

Con estes datos no horizonte a "semana das letras" supuxo xa o sinal de saída para os múltiples actos no eido literario, social e político. A figura do homenaxeado nesta edición do Día das Letras, Valentín Paz Andrade, é lembrada xa en ámbitos diversos, dende o ensino á política. Así, por exemplo, este luns o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, anunciaba, no marco da Executiva Nacional do partido, a elaboración dun manifesto "a prol da cultura e da lingua de Galicia" que o día 16 lerán ante a tumba de Paz-Andrade. Do mesmo xeito, este martes preséntase na Real Academia Galega o volume Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país, elaborado por Tucho Calvo e Xosé Luís Axeitos.

Os actos reivindicativos culminarán na manifestación de Queremos Galego, en Compostela

Pero o inicio da semana foino tamén da recta final dos actos reivindicativos, que culminarán o 17 na manifestación de Queremos Galego en Compostela. Precisamente en Santiago este luns o BNG celebraba un "acto de compromiso" coa lingua ao carón do monumento a Rosalía, centrado nunha "lectura reivindicativa" de textos a cargo de diferentes representantes do tecido sociocultural da cidade. A plataforma en defensa da lingua desenvolve ao longo da semana actos en todo o país baixo o lema Paremos os ataques contra o galego, cunhas reivindicacións sintetizadas no manifesto que se lerá na propia marcha, redactado por Agustín Fernández Paz. Como xa acontecera en anteriores edicións a esa marcha unirase o "bloco laranja", formado por diversos colectivos reintegracionistas. A estas accións de promoción e reivindicación da lingua propia uniuse tamén unha retranqueira iniciativa que, fundamentalmente a través das redes sociais de Internet, aposta por sacarlles punta ás contradicións do Día das Letras conmemorando La semana del gallego.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.