O PP tenta blindar a volta das touradas ás festas da Coruña antes das municipais

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

As touradas volverán ás festas da Coruña no vindeiro verán. É o que pretende, cando menos, o actual goberno municipal do PP, cuxos representantes mantiveron a pasada semana unha xuntanza coa empresa Tauro Siglo XXI, do empresario Tomás Entero, que confirmou que as corridas se celebrarían o vindeiro 1 e 2 de agosto. Anunciou tamén que os supostos festexos servirían para homenaxear a Picasso, aproveitando os actos e a exposición que se dedica nestas datas ao pintor na cidade, e que se incluirían tamén actividades para nenos e benéficas, concertos ou faladoiros. E todo malia que as vindeiras eleccións municipais de maio poderían provocar un cambio de goberno e cando toda a oposición actual amosou o seu compromiso a non subvencionar nin facilitar espazo ou axuda pública ningunha ás devanditas touradas. 

O empresario que organizou as do ano pasado anuncia xa touradas para agosto e vincula tamén os festexos á figura de Picasso

O Concello da Coruña, tras o fracaso na procura de cartel para o pasado mes de agosto, licitara de novo o concurso nun intento de atraer algunha oferta, rebaixou nun 60% (de 2.500 a 1.000 euros) o que a empresa beneficiaria debería abonar en concepto de canon polo uso do recinto municipal e fixou a posibilidade de que, ademais da corrida de outubro, a empresa adxudicataria puidese organizar a feira taurina durante os dous vindeiros anos, nos meses de xullo e agosto, nun contrato que mesmo se podería prorrogar outros dous anos.

Con ese acordo intentou o alcalde Carlos Negreira facilitar a continuidade dunhas touradas rexeitadas masivamente na Coruña segundo varias enquisas e que o pasado ano, en outubro, tan só venderon un terzo das entradas que se puxeron á venda. Antes, para facilitar o interese das empresas xestoras de espectáculos taurinos, reducira o pasado ano (na primeira licitación, que quedou deserta) as dimensións da feira, que se celebrou unicamente en dous días (no canto de tres). De igual xeito, asegurara a subvención parcial da celebración, achegando con cartos públicos o aluguer do Coliseum, o custo da montaxe da praza de touros, e tamén cedendo de balde as actuacións da banda de música municipal. A presión do lobby taurino, que mesmo logrou que toureiros se ofrecesen gratis a participar na feira da Coruña, e as facilidades postas polo Concello permitiron a celebración deste espectáculo que volveu contar con escaso público.

O Concello achegou cartos públicos ás touradas e facilitou a súa continuidade malia que tan só se vende un terzo das entradas

Rubén Pérez, voceiro de Galicia Mellor sen Touradas (GMST), cre que a xuntanza da empresa taurina co Concello e o anuncio da festa ten "un motivo electoral". "Saben que se entra un novo goberno municipal, non apoiaría a feira", explica, mentres aclara que desde a asociación xa se están a "explorar diferentes opcións para que non se poida celebrar", ben sexa polos posibles incumprimentos no contrato de concesión como co intento de "dificultar a ceisón de espazos e traballadores públicos", o que non faría rendible a súa celebración. "O de vinculalo a Picasso xa é un intento de forzar a situación e xustificalo", engade. 

Galicia Mellor sen Touradas xa advirate de que se "pode impedir a celebración das touradas" malia o contrato asinado

 

Toda a oposición en contra das touradas

GMST mantén que "hai posibilidades de impedir a realización da feira taurina" no caso de que haxa un goberno diferente a partir do 24 de maio e cre tamén que o anuncio por parte de Eventauro é "un intento de presionar o Concello". O que si ten claro Rubén Pérez é que o acordo asinado polo goberno local o pasado ano foi "unha xogada do PP para supeditar o contrato a outro goberno municipal". "Saben que as circunstancias políticas están mudando e que poden perder a maioría absoluta", di. Nese caso, as touradas terían os días contados.

Marea, BNG, PSOE e Ciudadanos comprométense a non apoiar de maneira ningunha desde o Concello a celebración das touradas

Acabaríanse no caso de que todas as formacións da oposición, con representación ou sen ela, cumprisen o prometido. Marea Atlántica, BNG, PSOE e mesmo Ciudadanos comprométense a non subvencionar con cartos públicos, nin con cesión ningunha de espazos ou traballadores, a celebración das touradas. Este mesmo xoves, nun debate en Radio Coruña, confirmaron a súa postura. 

Xulio Ferreiro, candidato da Marea, foi claro."Aquí parece que ninguén gobernou e que as touradas apareceron por xeración espontánea, hai que asumir responsabilidades", dixo en referencia sobre todo aos socialistas, que da man de Francisco Vázquez instauraron os touros e concedéronlle milleiros de euros en subvencións. O BNG tamén amosou o seu total rexeitamento a estes festexos e mesmo o candidato de Ciudadanos, cuxo líder é un gran defensor dos touros en Catalunya, asegurou que nin un só peso público iría destinado a eles. 

O goberno de Negreira gastou máis de 700.000 euros públicos desde 2011 na promoción dos touros

Mentres, Libera leva recollidas máis de 175.000 sinaturas denunciando "o sistemático apoio do Concello a unha actividade que non esperta interese algún e que si engule milleiros de euros en forma de subsidios" e lembra que o Concello da Coruña gastou máis de 700.000 euros dos cidadáns dende 2011 en promover touradas nun recinto público. Ademais, GMST vén de lanzar a súa propia campaña para o espazo preelectoral do 24M onde "xira" o actual rexedor da Coruña e candidato do PP, Carlos Negreira, e lémbralle o seu inxente gasto en fomentar as touradas no municipio.

Campaña de Galicia Mellor sen Touradas © GMST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.