O Sergas ascende un dos grandes promotores do modelo público-privado de xestión sanitaria

Ramón Ares © Correo Farmacéutico

O pasado xoves o Consello da Xunta aprobou o nomeamento de Ramón Ares (Melide, 1960) como novo director de Asistencia Sanitaria do SERGAS. Ares substitúe a Félix Rubial, que foi enviado a apagar o lume creado pola decisión de Mario González de abandonar a xerencia da área sanitaria de Vigo, xusto no momento en que están a piques de rematar as obras do novo hospital da cidade olívica. 

Ares ocupa un posto na directiva de SEDISA, un lobby formado por xestores de centros sanitarios públicos e membros de empresas privadas do sector, que traballa para promover a xestión público-privada

Ramón Ares acumula unha longa experiencia no servizo galego de saúde: entre 1996 e 2005 foi xerente do Hospital comarcal de Valdeorras, do Hospital da Costa e do Xeral Calde de Lugo. En 2006 púxose á fronte da dirección médica da Fundación Pública Hospital do Salnés, para ocuparse despois da xerencia do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e chegar finalmente ao posto de director de Procesos Asistenciais da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña. Ares foi nos últimos anos un gran defensor do modelo público-privado de xestión sanitaria e forma parte da directiva da Sociedad Española de Directivos de la Salud (Sedisa), un lobby formado por xestores de centros sanitarios públicos e tamén por membros de empresas privadas do sector, e que traballa para promover esta colaboración público-privada, favorecendo modelos mixtos de xestión e a participación destas empresas no negocio da saúde.

CC.OO. denuncia que "os grupos de presión empresariais teñen cada vez maior protagonismo no SERGAS"

É por isto que o nomeamento de Ares xa espertou as críticas dalgúns sindicatos, como CC.OO., que denuncia que "os grupos de presión empresariais teñen cada vez maior protagonismo no SERGAS" engadindo que "nos últimos tempos destacados membros destas organizacións foron situados en postos de responsabilidade do sistema sanitario público". Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade, fai fincapé sobre todo na actividade de SEDISA, "unha entidade nacida para empresarializar o sistema sanitario", á que pertencen tanto Ares coma o dimitido Mario González. Cameselle destaca que Ramón Ares é unha "persoa clave á hora de entender o proxecto de xestión clínica en Galicia".

Nos últimos anos o novo máximo responsable de Asistencia Sanitaria do Sergas tense posicionado publicamente en varias ocasións tanto a prol do modelo de fundacións para a xestión dos hospitais públicos ("a fórmula é boa; permite xestionar, creo, cun pouco máis de flexibilidade e ser un pouco máis eficiente que os hospitais de xestión tradicional") coma a favor de todos os modelos de colaboración publico-privada ("permiten traballar dunha maneira máis flexible; non ter un corsé tan ríxido coma o que ás veces temos nos hospitais de xestión tradicional; e dispoñer, en fin, de máis liberdade para implantar medidas máis eficientes e poder conseguir unha xestión máis eficiente").

Ángel Cameselle (CC.OO.) destaca que a presión dos traballadores e traballadoras, centrada sobre todo na folga levada a cabo a finais de 2013, freou o proxecto de creación das unidades de xestión clínica

Por outra banda, Ares asegurou nunha entrevista publicada en Redacción Médica que as fundacións sanitarias desapareceron en Galicia pola "presión" dos traballadores e sindicatos". Algo que tamén lembra Ángel Cameselle, destacando que esa mesma presión, centrada sobre todo na folga levada a cabo a finais de 2013 foi a que freou o proxecto de creación das unidades de xestión clínica: "a folga de 2013 cambiou radicalmente a concepción que os traballadores tiñan sobre a xestión clínica, unha campaña de información púxoos en alerta de que implicaba un descenso orzamentario, que o ían pagar os propios traballadores e sobre todo os usuarios, que ían ver recortadas as prestacións". "Estaba prevista a posta en marcha das primeiras unidades no primeiro trimestre de 2014, e un ano despois non hai ningunha en funcionamento", salienta.

 

Eventos de SEDISA en Galicia

A través de SEDISA Ramón Ares foi ademais o organizador de dous encontros -en Baiona e A Coruña- que nos últimos anos buscaron fomentar en Galicia estes modelos de xestión privatizada, coa presenza de altos cargos da Consellaría de Sanidade, entre eles a propia conselleira Rocío Mosquera. De feito, foi nesta xuntanza de Baiona, en 2011, organizada por Sanitaria 2000 e SEDISA co patrocinio de Dräger (empresa fabricante de equipos médicos), onde por vez primeira a conselleira Mosquera anunciou publicamente o proxecto de unidades de xestión clínica. Nos últimos anos vén sendo cada vez máis frecuencia a presenza neste tipo de foros de responsables da sanidade pública galega, por exemplo nos encontros organizados polo Club Gertech, nos que participaron entre outros Pablo Torres (director xeneral de Recursos Económicos do SERGAS), Francisco Vilanova Fraga (xerente do CHUAC) ou Mario González (xerente do CHUVI).

A través de SEDISA foi o organizador de dous encontros -en Baiona e A Coruña- que nos últimos anos buscaron fomentar en Galicia estes modelos de xestión privatizada

Para o segundo evento galego de SEDISA, celebrado na Coruña en novembro de 2013 (VI Jornadas Nacionales de SEDISA), Ramón Ares escribiu un texto (editorial do boletín Sedisa Siglo XXI), titulado "Obligados a entendernos", no que revela con claridade a súa visión do modelo sanitario e das relacións que deben manter os hospitais e a industria sanitaria. Coa crise económica como xustificación, Ares alertaba da situación das institucións sanitarias, "cunha diminución do orzamento dispoñible e sen posibilidade de xerar débeda, o que dificulta o acceso ás novas tecnoloxías e a introdución de novos fármacos de alto impacto económico". Tamén advertía da situación das empresas da industria sanitaria, "con grandes dificultades financeiras que non permiten manter o investimento en I+D e a innovación, así como afrontar e desenvolverse nun mercado con moitas restricións na venda de novos produtos e coa dificultade engadida de demora no cobro dos servizos e produtos vendidos".

Ares avogaba por "buscar solucións imaxinativas que nos permitan manter e mellorar as prestacións dos nosos hospitais e á industria asegurarse un mercado"

Ante isto propuña "buscar solucións imaxinativas que nos permitan manter e mellorar as prestacións dos nosos hospitais e á industria asegurarse un mercado e unha posición segura que permita a súa supervivencia e crecemento no futuro". E concluía que "estas solucións teñen que plantearse de forma conxunta, polo que necesariamente estamos obrigados a entendernos". Chamaba finalmente a "compartir riscos nos resultados e no custe asociado ao éxito destas experiencias", de cara a "avanzar na consolidación dun sistema de saúde estabilizado que segue buscando as canles que permitan a súa sostibilidade a longo prazo".

Ramón Ares © Correo Farmacéutico
Ramón Ares e a conselleira Rocío Mosquera © Sedisa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.