0 Gardados para despois

"Para frear a prórroga a ENCE é importante reactivar a oposición cidadá"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Nos últimos meses fíxose cada vez máis transparente a estratexia iniciada polo PP para asegurar a continuidade de ENCE na súa actual localización en Lourizán, no interior da ría de Pontevedra, máis aló de 2018, a data na que inicialmente estaba previsto o seu traslado a outro emprazamento. Unha estratexia na que os intereses da empresa e as declaracións dos dirixentes populares, dende Jacobo Moreira a Alberto Núñez Feijoo pasando por Rafael Louzán, foron cada vez confluíndo máis e máis, facendo fincapé uns e outros na importancia da empresa para a economía da cidade e a xeración de emprego.

Este mesmo martes, no marco da Xunta Xeral de Accionistas de ENCE, celebrada en Madrid, o presidente da compañía, Juan Luis Arregui, agradeceulles persoalmente a Feijoo e Moreira o seu "respaldo á continuidade" da planta, un obxectivo para o que contan con “positivas perspectivas”, destacou, ao tempo que prometeu un "novo pacto coa cidade de Pontevedra e a súa comarca" e "poñer en marcha un conxunto de proxectos que permitirán garantir a excelencia medioambiental" da factoría.

Arregui tamén tivo palabras para o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que estivo presente na Xunta de Accionistas como convidado, un feito que Antón Masa cualifica de "impresentable"

Arregui tamén tivo palabras para o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que estivo presente na Xunta de Accionistas como convidado, un feito que Antón Masa, presidente da Asociación para a Defensa da Ría (APDR), cualifica de "impresentable". Masa chamou á cidadanía de Pontevedra e aos grupos políticos opostos ao PP "a dar a batalla" e a formular propostas para un futuro sen a pasteira e para os proxectos e actuacións que se poderían levar a cabo nos terreos que na actualidade ocupan ENCE e Elnosa. Falamos con el.

Como valorades as recentes declaracións de dirixentes do PP, dende Moreira a Núñez Feijoo, apoiando sen matices a continuidade de ENCE no interior da ría, mesmo contradicindo algunhas posicións previas?

A posición do PP foi sempre clara. Houbo, si, un tempo no que se fixo máis ambigua, porque buscaban sacar votos en Pontevedra. E agora parece que pensan que é o apoio  a ENCE o que lles pode dar eses votos, co argumento da crise. Creo que nisto tamén están trabucados, porque maioritariamente a sociedade pontevedresa segue pensando que ENCE-Elnosa deben estar fóra da ría. É importante ademais sinalar a influencia que nos últimos movementos do PP tivo a presión de dous pequenos partidos, como Ciudadanos e Todos por Pontevedra. Pero na base de todo esta a súa necesidade de defender como sexa a empresa, porque facendo iso están a defender mesmo os seus intereses persoais.

"Pretenden resucitar un morto, a planta de ENCE en Pontevedra é un proxecto empresarial morto e que representa un modelo industrial caduco, obsoleto e que fracasou"

O principal argumento empregado polo PP é o do emprego. É ENCE unha fonte de riqueza e postos de traballo para Pontevedra?

Pretenden resucitar un morto, a planta de ENCE en Pontevedra é un proxecto empresarial morto e que representa un modelo industrial caduco, obsoleto e que fracasou. É o modelo industrializador do franquismo, que pasaba por riba de problemas medioambientais ou de calidade de vida. Dicían que ía ser a solución a todos os problemas económicos e de falta de emprego. É para nada foi unha solución para o emprego. ENCE comezou con 500 traballadores, baixou a 400 e agora xa está en pouco máis de 200 empregos directos, con outros empregos indirectos ou inducidos que non atribuíbles directamente a ENCE. ENCE non só non creou emprego, senón que destruíu centos de postos de traballo na explotación racional dos recursos naturais, no marisqueo. E a pesar diso o PP basea a súa aposta pola permanencia da planta na súa suposta creación de empregos, e non dubidan en facer referencia a datos falsos.

É posible frear a prórroga da concesión?

O PP está disposto a darlle a ENCE unha prórroga de 50 anos e está dando un por un todos os pasos para facelo. Creo que para freala é importante reactivar a oposición cidadá a ENCE. Pero nestes momento é moi difícil a mobilización en calquera loita. O problema é que mentres o PP estea á fronte do Goberno central, eles van poder facer o que queiran. Mesmo a Xunta tería pouco que dicir aquí, porque dende Madrid poden alegar que é unha cuestión de interese xeral en base á situación económica.

"O monte pode ser devolto á súa condición inicial, para que deixe de ser unha fábrica de pasta de papel e teña unha explotación multifuncional"

Que impacto tería a continuidade de ENCE en Lourizán máis aló de 2018?

Non entendo por que en Galicia ten que haber unha fábrica de pasta de papel. Non se pode xustificar en base á existencia dun monte que previamente encheron de eucaliptos, asumindo que, dado que hai tantos eucaliptos, hai que ter unha fábrica. O monte pode ser devolto á súa condición inicial, para que deixe de ser unha fábrica de pasta de papel e teña unha explotación multifuncional, fomentando outras produción sustentables, sendeirismo e calidade de vida, algo que é rendíbel social e economicamente. E ese tipo de monte non existe precisamente pola existencia de ENCE aquí. Por non falar dos incendios forestais. Esta situación non se pode manter outros 50 anos. Eu creo, ademais, que a ENCE non lle interesa manter aí a fábrica de papel, senón que o que quere é instalar fábricas de biomasa, algo que leva tempo solicitando e para o que nunca lle concederon autorización.

"Imos tentar adiar esa decisión todo o que poidamos, a ver se podemos chegar ata as eleccións xerais, á espera de que o PP non continúe no poder"

Hai novidades no campo xudicial? En que aspectos centrará a APDR a súa estratexia? 

Non hai novidades importantes. Temos un fallo do Supremo, que non é recorrible, e que anula a Autorización Ambiental Integrada de ENCE, ao botar por terra o proxecto de supramunicipalidade que aprobara a Xunta para pasar por riba do Concello de Pontevedra, e anulando todas as actuacións que se levaran a cabo en base á aplicación deste decreto, entre elas esta Autorización. Pero agora semella que aquí as decisións xudiciais xa non hai por que cumprilas. Cambiaron a lei para non ter que acatar o fallo. E por outra banda está a cuestión da caducidade da concesión, o proceso aberto polos incumprimentos nos que incorrera a empresa na concesión inicial. Nós presentamos alegacións e estamos pendentes da súa resolución. O positivo neste caso é que mentres que non se resolvan, non se pode conceder a prórroga da concesión. Imos tentar adiar esa decisión todo o que poidamos, a ver se podemos chegar ata as eleccións xerais, á espera de que o PP non continúe no poder.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.