Traballadores da TVG volven denunciar "presións" para favorecer o PP ante as municipais

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

Os traballadores da TVG volven denunciar a "manipulación" dos informativos, a "presión" sobre os traballadores e a intensificación do sesgo nas novas dos telexornais con motivo da precampaña para os vindeiros comicios. O comité de empresa da canle pública, que leva tempo advertindo destas prácticas, "alerta publicamente" nun comunicado do "agravamento destas prácticas anticonstitucionais, relacionado coa vindeira convocatoria de eleccións municipais".

O comité de empresa denuncia o "agravamento" da "manipulación" e da "presión" sobre os traballadores

O órgano de representación dos traballadores e traballadoras denuncia, en concreto, un "tratamento desigual das diferentes candidaturas políticas, coa promoción das pertencentes ao PP e a ocultación sistemática das conformadas por outros partidos ou coalicións, que, cando aparecen nos informativos, é só en relación con polémicas ou conflitos".

O comité de empresa denuncia así "un repunte da inxerencia dos mandos intermedios sobre o traballo dos profesionais, con chamadas e presións constantes para determinar o sentido que deben levar certas informacións e mesmo para censurar a cobertura doutras". Estas prácticas levan tempo sendo denunciadas polos propios xornalistas da canle pública a través do blog Eu non manipulo, pero "a gravidade da situación fai que nestes momentos o comité asuma a responsabilidade de alertar publicamente sobre unha manipulación que considera burda, anticonstitucional e constitutiva de delicto".

Os xornalistas son "chamados e presionados para determinar o sentido das informacións e censurar a cobertura doutras"

O comité da TVG lembra oura vez que os profesionais do medio aínda non contan cun mecanismo "que evite as presións coas que teñen que traballar cada día e que garanta a liberdade e a independencia no exercicio dos seus labores informativos". Esa ferramenta cuxa creación, segundo denuncia o comité, non se quere abordar é o Estatuto Profesional que contempla a Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que obriga tamén a crear un Consello de Informativos, como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, que terá como obxectivos “velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”. O Comité de empresa úrxelle ao Goberno e ao Parlamento a non demorar nin un minuto máis a creación destas ferramentas previstas na lei, imprescindibles para avanzar cara á democratización da televisión pública galega.

Captura de imaxe do blog do comité da TVG © Eunonmanipulo
O director xeral da CRTVG, nun acto público © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.