0 Gardados para despois

A lingua galega vence os mitos das cidades

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Nas cidades o galego é residual. Esa é a impresión que moitas persoas teñen sobre a situación do idioma propio nas urbes. Non lles falta razón, pero hai estereotipos que non se corresponden sempre coa realidade que reflicten. En plena Semana das Letras, os expertos inciden na diminución do uso da lingua do país, especialmente nas vilas máis poboadas e entre os máis novos.

Na actualidade, o 56% dos galegos é monolingüe en galego ou, cando menos, emprega máis o galego que o castelán, unha maioría de galegofalantes que non é tal nas cidades. Nin moito menos. No entanto, o proceso histórico de castelanización sufrido polas urbes non foi igual en todas as vilas do país nin tan sequera tan masivo como adoitan marcar algúns mitos e pregoar moitos políticos.

A diminución do uso do galego nas cidades é tan evidente como o feito de que adoita ser máis acusado a medida que nos achegamos ao centro das urbes, tal e como ocorre en Vigo, A Coruña, Ferrol ou Pontevedra. No entanto, os estereotipos case nunca coinciden coa realidade, tal e como se tira dos últimos datos estatísticos feitos públicos polo IGE en 2010.

O que si é real é que o problema lingüístico do galego nas cidades é xeral nas sete grandes da comunidade, aínda que máis importante nunhas que noutras. Se preguntaramos que urbe é a que menos usa o galego, posiblemente o resultado do imaxinario social non coincidiría coas estatísticas oficiais. Ferrol, malia ao que poida parecer, é a urbe máis castelanizada –ou a que menos usa a lingua propia– de Galicia, seguida de Vigo e A Coruña, que carga desde hai anos cun mito non tan exacto e alimentado polas tendencias localistas dalgúns dirixentes.

Ferrol é a cidade onde menos se emprega o galego, seguido de Vigo, A Coruña e Pontevedra

O castelán é maioritario na rúa Príncipe de Vigo ou na de Juan Flórez na Coruña, pero a cousa cambia se camiñamos por Valadares, Coruxo, Teis, Os Mallos, Monte Alto ou Os Castros. Ocorre algo semellante en Ferrol onde, porén, unicamente o 19% da poboación fala sempre en galego ou máis en galego que en castelán, fronte ao case 25% de Vigo ou o 27% da Coruña e o 32% de Pontevedra.

 

 

Os datos son teimudos e revelan que tan só en Compostela (51%) é maior o número de falantes da lingua propia que os que empregan o español como idioma principal. En Lugo e en Ourense a proporción é semellante, pero lixeiramente a prol do español (47% e 37% respectivamente fronte ao 53% e ao 63% que adoitan falar en castelán). 

En canto aos coñecementos da lingua do país os datos do IGE destacan que é Vigo a urbe onde maior número de persoas, ata unha de cada catro, din saber falar pouco ou nada o galego, por diante de Ferrol, Pontevedra e A Coruña. Tamén na cidade máis grande do país, un 13% da poboación entende pouco ou nada a lingua de Galicia.

Vigo é a urbe onde máis xente di saber falar pouco ou nada o galego

Por áreas xeográficas, o conto non cambia demasiado, aínda que hai dúas zonas onde o galego resiste moito mellor que no resto. O sur de Ourense, xunto coa área da Costa da Morte, son as que presentan as maiores porcentaxes de fogares nos que todos os seus membros de cinco ou máis anos falan habitualmente só en galego, cun 59% e un 52% respectivamente. Na banda contraria sitúase a área metropolitana de Vigo, cun escaso 6%, a da Coruña (9%), Pontevedra (10%), Vilagarcía de Arousa (11%) ou Ferrol (12%).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.