Acto contra as mortes no Mediterráneo e o "xenocidio migratorio"

Cartel da campaña contra as mortes no Mediterráneo © SOSRacismoGalicia

Varias entidades galegas organizan este sábado na Coruña un acto contra o que considera un "xenocidio migratorio" e para denunciar "con forza" unhas políticas "de morte". A campaña Stop Mortes no Mediterráneo fai referencia ao falecemento de milleiros de persoas nas augas no seu intento de chegar a Europa, simbolizadas naquel pasado 19 de abril, cando un barco pesqueiro con preto de 1.000 cidadáns naufragou no mar e "deixaba tras de si un regueiro infinito de inxustas mortes, todas elas de persoas que viaxaban fuxindo de guerras, violencia ou a pobreza".

As entidades convocantes denuncian "o espectáculo de hipocrisía da UE e dos diferentes Estados"

"Un episodio terrible e cruel que se suma a outros iguais ano tras ano, convertindo o Mediterráneo nunha auténtica fosa común", denuncia SOS Racismo Galicia e outras moitas entidades que din "asistir con indignación e carraxe a un espéctaculo de hipocrisía por parte da UE e os diferentes Estados da mesma, cunhas políticas migratorias nas que os dereitos humanos se pisotean cada día e cunhas políticas exteriores que contribúen a explotar e empobrecer os países de orixe destas persoas".

Ante iso, a campaña quere visibilizar este "xenocidio migratorio" e convida a cidadanía a participar nun acto que se celebrará no paseo marítimo da Coruña. Será unha "performance" alusiva aos milleiros de persoas que perden a vida no Mediterráneo. Os convocantes piden aos que acudan ás 12:30 que vaian vestidos completamente de negro a calquera dos dous puntos de encontro fixados: a fonte dos surfistas ou a beira do Playa Club de Riazor. Desde estes dous puntos, os asistentes marcharán en fila polo paseo ata se adentrar na praia, onde terá lugar o acto. 

O acto no paseo marítimo da Coruña consistirá nunha 'performance' para denunciar o "xenocidio migratorio"

"É unha crise humanitaria na que prima a vixilancia, o control e a represión nas fronteiras da UE a través de Frontex1, por riba do rescate e a acollida, definindo como 'inmigrantes ilegais' milleiros de persoas que son vítimas de conflitos e violencia nos seus países", lembra SOS Racismo. "Por se fose pouco, o propio Ministro de Interior do Estado español, Fernández Díaz, segue a falar de 'efecto chamada' e mantén a súa posición contraria a realizar operacións de rescate por parte da UE, nu claro exemplo de racismo institucional e falta de humanidade", din. 

"Ata cando? Cantas persoas máis deben morrer para que os gobernos europeos entendan que deben antepor a protección das persoas?", pregúntanse as entidades convocantes, que volven reclamar que "a mobilidade non é delito, senón un dereito" e que "ningún ser humano é ilegal"

O acto está organizado polas entidades África Universal, Amnistía Internacional, Asociación Veciñal Agra do Orzán, Comunidade Cristiana Vangarda Obreira, Domu África, Foro Galego de Inmigración, Fronte Cívica, La Paz, Médicos del Mundo, Mundo sen guerras e sen violencia, Ong Viraventos e SOS Racismo Galicia.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.