"Cosmos ataca a Marcos, pero tamén a mobilización e a liberdade de expresión"

Concentración ante os xulgados por Marcos Celeiro © Contraminacción

Este pasado xoves, o activista da asociación O Iribio, Marcos Celeiro, acudiu á vista oral do proceso xudicial que a empresa Cementos Cosmos abriu contra el e co que lle reclaman 45.000 euros en concepto de indemnización polos supostos "danos e prexuízos no seu honor" que terían provocado os seus comentarios nas redes sociais contra os polémicos traballos que a cementeira leva a cabo en Triacastela e que, segundo varias organizacións ecoloxistas e políticas, están a danar o patrimonio cultural, paisaxístico e arqueolóxico da zona e, nomeadamente, a Cova Eirós. 

Cosmos reclama 45.000 euros ao activista por supostos "danos e prexuízos no seu honor"

Foron varios os veciños de Triacastela e representantes de diversos colectivos contra a minería agresiva en Galicia os que quixeron acompañar a Celeiro no xulgado, amosándolle o seu apoio, que tamén foi manifestado por medio cento de organizacións sociais de Galicia e doutros moitos lugares a través dunha campaña na Rede. Entre elas, Contraminacción, a rede contra as explotacións mineiras destrutivas nas que se inclúe a propia asociación O Iribio que dirixe o agora imputado. 

Na vista pública, ademais do denunciado, declararon un representante da empresa e dous peritos en cuestións relacionadas coas redes sociais. As conclusións de ambas dúas partes, tanto acusación como defensa, que non chegaron a lerse por falta de tempo, serán analizadas agora pola xuíza antes de ditar sentenza, nun prazo de menos dunha semana.

A demanda da multinacional foi tan só unha máis dunha serie de denuncias a varias persoas que se opoñen aos traballos da cementeira

A demanda que presentou Cosmos foi tan só unha máis dunha serie de denuncias que chegaron a diferentes persoas que desde hai tempo se opoñen aos traballos da cementeira, que foi tamén denunciada en numerosas ocasións polos danos que provoca na zona, especialmente na Cova Eirós, o maior e máis importante xacemento arqueolóxico de Galicia. 

A multinacional demanda a Marcos Celeiro por expresar opinións persoais en Facebook sobre as agresións de Cosmos na zona, publicar ligazóns a noticias sobre o caso no Twitter, subir a Youtube un vídeo no que se apreciarían os traballos da empresa no lugar sen licenza e baixo unha orde de paralización, así como por unha suposta "denuncia falsa" na que se pedía unha investigación sobre uns feitos que acabaron sendo levados á xustiza.

A empresa demanda a Marcos Celeiro por opinións en Facebook e Twitter, por colgar un vídeo en Youtube e por unha suposta "denuncia falsa" 

"O que está en xogo neste xuízo non é só se Marcos é ou non inocente -algo do que non temos dúbida-, nin se a empresa, que acumula un gran número de denuncias nos xulgados por diversas irregularidades, ten ou non dereito a unha indemnización. O que está en xogo é algo que vai moito máis aló: a nosa posibilidade de continuar loitando libremente para defender o noso medio ambiente e a nosa terra. E o noso dereito á liberdade de expresión", advirte Contraminacción, que considera a demanda "un castigo da multinacional contra unha das cabezas visibles da loita contra as irregularidades detectadas na súa actividade".

"Preténdese, á vez que manter un activista (e mesmo todo un colectivo) apartado da súa loita, ocupado en responder a esa demanda, desactivado, en fin; amedrentar tamén todas as persoas, todos os colectivos que se atreven a levantar a súa voz contra a inxustiza, as irregularidades empresariais e os abusos", denuncia, tras advertir que "o ataque a Marcos só serve para mobilizarnos aínda máis e unirnos". 

Concentración ante os xulgados por Marcos Celeiro © Contraminacción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.