Persoal médico da Coruña denuncia a degradación da atención pola política de substitucións do Sergas

Protesta de persoal sanitario no Hospital de Burela CC-BY-NC-SA CIG

O Colectivo de Médicos de Familia da área sanitaria de A Coruña-Cee, formado por persoal temporal que forma parte dos listados de substitución de médicos de familia nesta área, denuncia que a política de cobertura de baixas e de contratación levada a cabo polo SERGAS está a afectar moi negativamente á calidade asistencial, ademais de prexudicar notablmente a moitos e moitas profesionais, especialmente o persoal son praza fixa. Este luns vén de remitirlles un escrito aos responsables da Xerencia da Área, á Dirección de Recursos Humanos do SERGAS, á Conselleira de Sanidade e a diferentes organizacións sindicais, no que detalla a súa denuncia, apoiado por máis de 300 medicos da área sanitaria, titulares e eventuais, polo Colexio Oficial de Médicos da Coruña e pola AGAMFEC (Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria). O colectivo sinala, ademais, que "algúns compañeiros substitutos non se atreveron a firmar o escrito de protesta por medo a posibles represalias que empeoren mais a súa situación laboral".

Denuncian que a cobertura das ausencias do persoal fixo abusa "de bloqueos de axenda, intersubstitucións dentro do propio centro e prolongacións de xornada"

Este grupo de traballadores e traballadoras denuncia que a cobertura que fai a Xerencia da Área Sanitaria de A Coruña das ausencias do persoal fixo é "totalmente irregular e contradí o reflexado no pacto de contratación vixente, abusando de bloqueos de axenda, intersubstitucións dentro do propio centro e prolongacións de xornada". E engaden que todas estas formas de cobertura empréganse de forma sistemática nas ausencias programadas tales como vacacións, días de libre disposición, permisos sen soldo ou incluso en vacantes por xubilación durante un periodo de tempo indeterminado, habendo nos últimos anos sempre persoal substituto dispoñible para realizar un tipo de cobertura continuada da ausencia.

Danse moito casos, sinalan, de contratos de luns a venres quedando o substituto sen contrato a fin de semana para voltar o luns á mesma consulta

Explican que os bloqueos de axenda van "en contra dos principios básicos de xustiza e equidade deixando a poboación dese cupo desatendida ese día" e que co abuso das intersubstitucións xérase "unha importante sobrecarga na axenda dos outros médicos do centro que teñen que atender ademais das súas citas programadas, ós pacientes do cupo que queda sen médico, tendo na axenda as veces varios pacientes citados á mesma hora". Ademais, subliñan que as prolongacións de xornada consisten en reducir o tempo dunha axenda normal a 3 horas coa mesma carga asistencial ca unha xornada completa, e realízanse por persoal que vén de realizar ou realizará posteriormente a súa xornada laboral completa, "feito que deteriora enormemente a calidade asistencial por dispoñer dun tempo moi inferior ó necesario para cada paciente e a diminución do rendemento médico", din.

En canto á cobertura das baixas laborais dos médicos titulares, denuncian que se empregan os mesmos mecanismos, e en caso de realizar substitución, "é maioritariamente feita con distintos profesionais e a días soltos ou por semanas". Danse moito casos, sinalan, de contratos de luns a venres quedando o substituto sen contrato a fin de semana para voltar o luns á mesma consulta, ou de interrupción do contrato en caso de que coincida algún festivo entre semana.

"Con esta forma de cobertura" -alertan- "ademais da precariedade laboral á que son sometidos os médicos substitutos, foméntase o deterioro do sistema público de saúde, provocando o aumento do número de consultas en urxencias"

"Con esta forma de cobertura" -alertan- "ademais da precariedade laboral á que son sometidos os médicos substitutos, foméntase o deterioro do sistema público de saúde e a desigualdade, provocando o aumento do número de consultas no servizo de urxencias dada a ausencia dun seguimento adecuado en atención primaria". "É imposible manter unha continuidade na atención e é imposible establecer o vínculo médico-paciente que tan imprescindible é nesta especialidade para o correcto diagnóstico de patoloxias aínda por diagnosticar, e fundamentalmente, para o seguimento dos nosos pacientes crónicos", explican.

"A Atención Primaria é o piar básico na sanidade. Se esta funciona mal, o sistema funciona mal"

Salientan, finalmente, que "a Atención Primaria é o piar básico na sanidade" e que "se esta funciona mal, o sistema funciona mal". "Como se pode chegar a coñecer, sospeitar, estudiar e seguir a un paciente se cada día hai un médico substituto diferente contratado?, como un paciente pode adquirir a confianza tan necesaria no seu médico para plantexarlle os seus problemas sociosanitarios?", pregúntanse. "A Atención Primaria necesita dunha contratación laboral non precaria para que a cidadanía poida gozar do dereito a unha boa calidade de atención e asistencia", conclúen.

Concentración convocada pola CIG en defensa do "emprego digno". Hospital da Costa © CIG
Protesta de persoal sanitario no Hospital de Burela CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.