Autorizan unha nova fumigación masiva de eucaliptos cun produto tóxico para as abellas

Manifestación contra as fumigacións © Plataforma contra as Fumigacións

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente vén de autorizar, a petición da Xunta, a fumigación masiva de milleiros de hectáreas de plantacións de eucaliptos afectadas polo gorgullo. A superficie na que se poderá levar a cabo esta fumigación abrangue a totalidade das provincias da Coruña e Pontevedra e dos distritos forestais VI (A Mariña) e XI (O Ribeiro). A substancia que se aplicará en todo este territorio é o tau-fluvalinato, orixinalmente formulado para combater os pulgóns nos cultivos de horta e froiteiras.

"Existen publicacións e estudos que describen interaccións tóxicas nas colmeas en conxunción con outros produtos"

ADEGA denuncia que este principio activo é "nocivo, irritante, bioacumulativo e altamente tóxico para a vida acuática" e que no caso das abellas "existen publicacións e estudos que describen interaccións tóxicas nas colmeas en conxunción con outros produtos". A entidade engade que "mesmo nalgunhas bases de datos internacionais sobre pesticidas, como a da Universidadede Hertfordshire, indícase que este composto por si só ten unha toxicidade 'moderada' para as abellas".

O Ministerio xustifica a excepcionalidade desta medida (fumigación cun veleno non específico para o gorgullo) en que concorren "circunstancias especiais" porque o gorgullo supón un "perigo imprevisíbel" non pode controlarse por outros "medios razoables". Porén, ADEGA pregúntase "como é que a praga do gorgullo, que leva décadas afectando aos monocultivos de eucalipto, pode ser considerada como algo 'excepcional' e 'imprevisíbel', cando ademais existen outros métodos de loita, tanto químicos como biolóxicos que xa amosaron a súa efectividade".

A asociación ecoloxista ve a man da industria papeleira detrás da aplicación desta fumigación masiva

A asociación ecoloxista ve a man da industria papeleira detrás da aplicación desta fumigación masiva: "non será que a pasteira, ante a perspectiva de expander o seu negocio dos eucaliptos á biomasa, opta por unha "solución final" con resultados a curto prazo, sexan cais sexan as consecuencias para o medio?", pregúntase. "Galiza non é o campo de experimentación da papeleira", engade.

O permiso expecpional para a aplicación do insecticida ten vixencia dende o 9 de abril ao 6 de agosto. ADEGA alerta "as comunidades de montes, propietarios/as forestais, apicultores/as, labregos/as e veciñanza en xeral" que desenvolvan a súa actividade ou moren preto de grandes masas de eucaliptos a estar "atentos/as ante esta nova vaga de fumigacións tóxicas".

Manifestación contra as fumigacións © Plataforma contra as Fumigacións

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.