0 Gardados para despois

"O ser humano non ten a capacidade real de crer que todos somos iguais"

Sara TorreiroSara Torreiro | @sara_te


Jesús Blasco de Avellaneda leva desde 1997 desempeñando labores informativas na fronteira sur de Europa, onde foi delegado de Informativos Tele5 en Mellila e Marrocos, director Territorial de Televisión Española en Melilla, redactor xefe de El Telegrama e colaborador habitual en medios europeos e africanos. Actualmente exerce como freelance na zona. A súa é unha formación extensa que vai desde Licenciado en Ciencias da Comunicación, a diplomado en Seguridade e Defensa, pasando por experto en inmigración, fronteiras, relacións internacionais, criminoloxía e o Magreb.

Como debe reaccionar Europa ante traxedias como a recente de Lampedusa?

Europa e o mundo occidental viven excesivamente  pendentes de si mesmos, crense o embigo do mundo. África precisa un Plan Marshall, África agoniza polas políticas levadas a cabo por Occidente. Hai unha desigualdade enorme entre África e Europa e entón a fronteira sur, agora mesmo, é o fiel reflexo dese desequilibrio enorme que contribuímos a crear pero, dende logo, non a acabar con el.

"A inmigración non é un problema, o ser humano nunca pode ser un problema, é parte da solución"

Creo que a inmigración non é un problema, o ser humano nunca pode ser un problema, é parte da solución. Os movementos migratorios son parte do ser humano, unha parte intrínseca á sociedade que existen desde que existe o home e nos que o home busca mellorar o seu status. Unha parte do mundo formamos unha especie de club no que nós podemos andar por onde nos dea a gana pero os demais non, e se o fan, acorde á nosa normativa, á normativa que a nós nos deu a gana e, moitas veces, de xeito irregular. E nós facemos todo o posible por blindar ese Estado de Benestar falso, só para nós, no que falamos da universalidade, da gratuidade e da liberdade. Falamos de que a sanidade é gratuíta e universal, igual a educación, falamos dos dereitos humanos e universais, pero logo non llos queremos deixar gozar ao resto das persoas porque os vemos en perigo para nós.

"Unha parte do mundo formamos unha especie de club no que nós podemos andar por onde nos dea a gana pero os demais non"

Pois imos mudar as normas, para que poidamos xogar todos. Imos deixar de ver a inmigración como un problema: o problema non é a inmigración, non é o valado, non son as fronteiras, é a vulneración dos dereitos humanos e as desigualdades sociais e económicas, son as políticas que se fan en contra de intentar mellorar a situación desas persoas.
O que non pode ser é que no próximo sexenio a Unión Europea destinara unha cifra absolutamente desorbitada para a súa defensa, o que non pode ser é que non haxa un observatorio de dereitos humanos na fronteira, cando se pediu mil veces. O que non pode ser é que as forzas de seguridade españolas se salten a lexislación nacional e europea á torera. O que non pode ser é que en España se vulneren os dereitos humanos. O que non pode ser é que España, Francia, e por ende, a UE, financien as forzas auxiliares, un corpo paramilitar marroquí que ten como única misión partirlle as pernas a esa xente para que non salten o valado. Un corpo que creamos nós, entre o protectorado español e francés para que nos protexeran a zona turística e agora é para matar inmigrantes. E iso é o que non pode ser. Iso non son os problemas, non os movementos migratorios, non que a xente queira ter unha vida mellor.

O que hai que intentar é unha política máis aperturista, con visados humanitarios, económicos, de estudos, mellorar o asilo, axudar aos países en tránsito, pódense facer mil cousas, pero para iso fan falta as países macroeconómicas, ese plan Marshall. Pero o que non pode é deixárselle a responsabilidade a Melilla e a Ceuta, a Italia e a España ou á Unión Europea porque é un problema global.

Dos catro grandes continentes, África, Europa, América e Asia, o que menos emigra é o africano e o 75% das emigracións africanas son interiores, dentro do propio continente

A inmigración nin sequera é tan grande de África a Europa, dos catro grandes continentes, África, Europa, América e Asia, o que menos emigra é o africano e o 75% das emigracións africanas son interiores, dentro do propio continente. E a chegada a través do valado tamén é pequena, chegan moitos máis polos aeroportos, a inmigración irregular en España entra por Barajas e polo Prat. O que non pode ser é, porque nos interesa politicamente, visibilizar máis unha parte da inmigración e criminalizala e, pouco máis, tachala de invasión. Non hai invasión nin a inmigración é o problema.

O que ocorre no valado evitaríase cun protocolo interno para as forzas de seguridade?

É certo que non hai un protocolo interno, que podería habelo, deféndeo a Unión de Gardas Civís, eu non o defendo pero tampouco o ataco, se ten que habelo que o haxa, pero o protocolo márcao a lexislación vixente. Hai unha lei orgánica que nos di o que temos que facer, eu nunca vin un policía ir pola rúa e que teña ningún problema en pedir a documentación e que diga non, isto aplícocho por esta lei. Saben as leis e aplícanas e cumpren as súas funcións de cumprir a lei e facela cumprir. Por que o valado é distinto? Unha vez que pasan o valado hai unha lei de estranxeiría, orgánica que di o que hai que facer. O artigo 58 di que cando unha persoa está entrando, non que entrou xa, cando está nese proceso, débeselle coller, abrir un expediente de expulsión. Hai tres figuras xurídicas para isto pero todas recollen que debe ser devolta por un sitio habilitado, despois de identificala, cos seus datos de saúde, se é peticionario de asilo, ter un tradutor e un avogado, para que esta persoa saiba que está sendo expulsado, legalmente, acorde coa lei vixente. O que ti non podes facer é pegar paus a destro e sinistro a quen sexa, ferir á xente, dicir que son elementos pasivos, non lesivos. Uns valados de 6 metros cheos de coitelas, como vai ser un elementos pasivos? Hai que ter pouca vergoña para dicir iso. Ata o seis de febreiro a Garda Civil recibía a bolazos na cabeza aos inmigrantes, e en 2005 disparábase con fogo real, houbo mortes por iso. Melloramos algo? Si, pero seguimos saltando a lei.

Eu, como xornalista e como melillense, o que non podo consentir é que haxa o primeiro valado, o segunda, o terceira e o cordón policial e que cando os inmigrantes superan todo iso e van correndo ao centro de estancia temporal de inmigrantes, como se fose unha embaixada, collelos de camiño e tamén expulsalos, iso non se fai, non é así o protocolo. Iso non pode ser, vai en contra mesmo da normativa que vimos de aprobar, que xa está aprobada ad hoc para poder saltarnos a lei orgánica, e resulta que tamén a saltamos. Non ten ningún sentido. A Garda Civil ten que facer o seu traballo e custodiar a fronteira? Si, pero se o seguimos facendo así, entón ou facemos outra lexislación ou mudamos a que temos.

"Entre o valado español e o marroquí hai un foso de 4 metros, construído por Marrocos, e financiado tamén pola UE, cheo de concertinas"

Nos valados, á parte de a altura, os inmigrantes atópanse coas concertinas…

As famosas concertinas son unha clara violación dos dereitos humanos e a xente non sabe as mentiras que se dixeron. As concertinas puxéronse en marzo do 99 cando se inaugura o valado de Melilla, xa había concertinas, sempre as houbo e nunca se retiraron. Houbo un xogo de vale, eu quítoas de arriba e póñoas abaixo, eu quítoas de abaixo e póñoas no medio, pero sempre estiveron, fóronse modificando. Antes estaban coroando ambos valados, logo só nun, logo de superficie, é dicir, no chan.

Unha empresa española, con cartos españois, vén de facer un cuarto valado, que é o marroquí, que está antes dos tres españois, completamente rodeado de concertinas en subida e en baixada. É un elemento pasivo e non lesivo? Mentira, eu vin xente cos brazos desgarrados , cos glúteos abertos, coas pernas rebentadas, xente que queda sen ollos, xente que morreu. Ah, e entre o valado español e o marroquí hai un foso de 4 metros, construído por Marrocos, e financiado tamén pola UE, cheo de concertinas. Todas as concertinas que sobraron das obras anteriores fóronse tirando ao foso, de xeito non lesivo, pasivo. Entón, cando chove e o foso se inunda, non se ven as concertinas, entón houbo inmigrantes que quedaron enganchados e morreron afogados.

Non coñezo aínda ningunha época nin de crise nin de bonanza, no que ningún emigrante nos quitara nada

Coa crise calla cada vez máis en Europa o discurso político interesado da inmigración...

Non coñezo aínda ningunha época nin de crise nin de bonanza, no que ningún emigrante nos quitara nada e se cho quitan é que o merecían máis ca ti, porque o loitou máis, porque estaba mellor preparado ou porque é un traballo que ningún español quería, como pasou historicamente cos plásticos do Ejido ou as fresas de Huelva. É vender unha moto que non é certa.

Polo valado entra moi pouca xente e a pouca que entra, é derivada a centros de internamento de estranxeiros ou de acollida provisionais onde, ou rematan sendo repatriados a países, e a países que non son o seu, e en avións españois, pagados polo Ministerio, cos nosos impostos. Entre a xente que se expulsa e a xente que non quere quedar en España, os que quedan aquí son 4 gatos, que son os que vemos moitas veces malvivindo no top manta, en traballos moi mal pagados da economía somerxida.

"Os inmigrantes que veñen aquí quitarnos o traballo? Messi, claro, cantos rapaces haberá na canteira do Barça cun bo nivel?"

Os inmigrantes que veñen aquí quitarnos o traballo? Messi, claro, cantos rapaces haberá na canteira do Barça cun bo nivel? Que eses se queixen da inmigración, que hai un arxentino que lles quitou o traballo e dámoslle a nacionalidade e abrímoslle as portas. Por que? Porque gaña moito e deixa moito diñeiro a facenda, ai non! Que iso Messi tampouco, que non paga.

Diso non nos queixamos porque somos o país da pandeireta, do fútbol e o folclore, pero eses son os inmigrantes que nos quitan o traballo.

Como está a situación nos centros de internamento cando chegan?

Os centros de internamentos son cárceres encubertas, centros de privación total da liberdade e os dereitos, non só de movemento, senón de todos os dereitos das persoas. A pena máxima por entrar irregularmente a un país é a apertura dun expediente de expulsión ou un rexeitamento en fronteira. Pois nós collemos e metémolos en cárceres nas que, teoricamente só poden estar 60 días pero unha leche en vinagre, que hai xente que pasa meses e meses. E pasan cousas moi duras, e pecháronse centros que funcionaban moi mal, como o de Málaga, onde se cometían todo tipo de atrocidades, pero é que seguen pasando todo tipo de atrocidades: violacións a internos, enfermidades que non se diagnostican, mortes inexplicables, tundas brutais. Son centros de privación da liberdade a xente que non cometeu ningún delito.

"Os centros de internamentos son cárceres encubertas, centros de privación total da liberdade e os dereitos, non só de movemento, senón de todos os dereitos das persoas"

Moitas das ONG´s que traballan en terreo afirman que é importante conciencias á mocidade de que o soño europeo non é tal...

Iso tamén é xogar politicamente. Se unha persoa, no máis íntimo do seu ser, quere saír da súa terra e buscar vida noutra parte e ten todo o dereito do mundo e nós non somos ninguén para dicirlle o que é soño europeo ou non. O mundo é de todos. Si é certo que o 90% da xente que salta son mozos, fortes, de entre 17 e 25 anos, que son o futuro dos seus países, que ao mellor facían máis favor á súa terra e ás súas familias loitando alí pola liberdade. Pero cando unha persoa non pode máis, sae do seu país e eu cólloo e doulle una charla de ai non, non sigas, que Europa non che convén, que o soño europeo non é o que ti pensas. Agora, si explicar que pode facer máis quedando no seu país, pero claro, para iso hai que axudalos.

Se unha persoa, no máis íntimo do seu ser, quere saír da súa terra e buscar vida noutra parte e ten todo o dereito do mundo e nós non somos ninguén para dicirlle o que é soño europeo ou non

O inmigrante é inmigrante, non é parvo. Eles saben que Europa está en crise, pero hai países nos que a xente está traballando, pero explícanche que non soportan a falta de liberdade política ou relixiosa. Non saben o que son os dereitos, por que non van ter dereito a gozar deles?

Como deben contar os xornalistas que é a inmigración?

É fácil e sinxelo e á vez tan difícil e complexo como ter moito coñecemento da realidade, das normas, crer moito no que fas, non é sinxelo, non o pode facer calquera xornalista. Tes que contar a verdade, e iso é moi difícil hoxe en día. A verdade non nos gusta, doe. Moitas veces autocensurámonos. A mediación do xornalista é moi difícil, pero moi difícil e á vez tan fácil como preguntarte que é o que queres e con todo o coñecemento que che dá o teu traballo, o terreo e a lexislación, usalo para contar a verdade e concienciar á xente.

"O ser humano non ten a capacidade real de crer que todos somos iguais e merecemos os mesmos dereitos"

O problema está en que o ser humano non ten a capacidade real de crer que todos somos iguais e merecemos os mesmos dereitos. Por moito que o digamos non o cremos. Veño de dar unha charla no curso de xornalismo social e eu dicíalles aos alumnos que se chegara un inmigrante a sentar nunha cadeira baleira, unha negro que acaba de cruzar o valado, como ule, a roupa que leva, por moito que quixeran, no profundo do seu ser, non o tomarían como un igual, disimularían, socialmente. Pero porque o ser humano, o racismo, a xenofobia, a clasificación, é unha necesidade humana básica, precisamos sentirnos distintos, superiores. É moi difícil inculcar que alguén distinto a ti, con outra lingua, outra cultura ou outro idioma veña á túa terra para ter os mesmos dereitos ca ti. Agora, se verdadeiramente cremos que o mundo cambiou logo da Segunda Guerra Mundial e coa caída do Muro de Berlín e coa globalización, temos que levalo á práctica.

"O ser humano non ten a capacidade real de crer que todos somos iguais e merecemos os mesmos dereitos"

Como é o traballo dos xornalistas do valado?

Non existe ningunha lexislación ao respecto. Os únicos que se posicionaron un pouco foron reporteiros sen fronteiras ante casos moi graves. Pero mira, eu fun detido en España 3 veces e multado outras tantas e en Marrocos 5. Eu teño denuncias abertas coa Garda Civil. Eu fun perseguido, sigo séndoo e ameazado. Este móbil que teño aquí tívoo dous anos a Garda Civil. E confiscáronme cámaras, borráronme tarxetas.

Eu chegueime a erguer e saír á rúa e una parella da secreta detrás de min

O meu traballo é de freelance e hai pouco contratoume o programa de Ana Rosa para facer unha reportaxe das planeadoras da droga de Melilla. E parte da reportaxe era dar unha volta coa Garda Civil do mar, para ver como se moven eles, como vixían e cando pediron os permisos, eu era o cámara, pois o meu viña o meu nome. A oficina de protocolo e comunicación da comandancia de Melilla chamaron ao programa para dicirlles que se querían facer esa parte da reportaxe tiñan que contratar outro cámara porque esa persoa era non grata, e mentres eu fose o cámara non tiñan permiso. E iso pasoume hai dúas semanas. E é unha de tantas. Eu chegueime a erguer e saír á rúa e una parella da secreta detrás de min. Eu estou denunciado por favorecer a inmigración ilegal, por revelar segredos de estado, por desobediencia grave, por traballar en zona de seguridade.
Os xornalistas somos o último mono, estorbamos no valado. Quen nos defende? A min ninguén. A Asociación de Prensa de Melilla, xamais; a FAPE, xamais, Reporteiros sen Fronteiras foron os únicos e xa con casos moi bochornosos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.