Unha ILP, inspirada en Paz-Andrade, pide promover o portugués no ensino e nas empresas galegas

Presentación da ILP no rexistro do Parlamento Dominio Público Praza Pública

Valentín Paz-Andrade, homenaxeado no Día das Letras deste 2012, era un claro defensor do achegamento de Galicia aos países da lusofonía, sobre todo a Brasil, que coñecía ben polas súas actividades empresariais. E son o empresariado e o ensino os ámbitos que os promotores da Iniciativa Lexislativa Popular que esta mañá se rexistrou no Parlamento consideran fulcrais para o fomento da lingua portuguesa en Galicia. 

Contén unha serie de medidas concretas, coma a progresiva incorporación do portugués no ensino, o fomento da participación das institución e empresas galegas nos foros económicos, culturais e deportivos lusófonos, ou a recepción aberta das televisións e radios lusas

A ILP, que leva o nome de Valentín Paz-Andrade, contén unha serie de medidas concretas, coma a progresiva incorporación do portugués no ensino (nun prazo de catro anos), o fomento da participación das institución e empresas galegas nos foros económicos, culturais e deportivos lusófonos, a recepción aberta das televisións e radios lusas e o recoñecemento desta competencia linguística para o acceso á función pública. Salientan que son peticións realizables, tanto no caso do ensino -a través de pasarelas ou das propias materias de galego-, coma no da recepción das televisións portuguesas en Galicia -xa aprobada polo Parlamento-, coma no da participación de entidades galegas en foros empresariais ou culturais, aos que que xa foron convidadas en varias ocasións.

Unha vez admitida, necesitará 15 mil sinaturas para ser debatida na cámara, sempre dentro desta lexislatura e despois pasaría a ser debatida polos grupos políticos. Un dos seus promotores, Xosé Morell, asegura, con todo, que se non hai tempo para que a ILP se debata antes das vindeiras eleccións autonómicas, se volverá presentar na vindeira lexislatura.

 

"Unha iniciativa asumible por todos"

Os promotores, entre os que están Valentim Fagim ou Isaac Alonso Estravis, indican que “a iniciativa parte da sociedade civil, non nace dun esquema ideolóxico ou académico previo- É asumible por todos os galegos e galegas independentemente da concepción que teñan do idioma, tanto se pensan que o galego e o portugués son a mesma lingua, ou son nai e filla ou linguas irmás”. “Queremos concienciar á sociedade civil, especialmente ao empresariado, de que Galicia non debe desaproveitar unha das súas principais riquezas. Castela-León, Extremadura ou Arxentina teñen aulas de Portugués e nós en Galicia vivimos de costas a isto. É un luxo que non nos podemos permitir, xusto nun momento no que hai que aproveitar todos os recursos”, di Morell. 

“Queremos concienciar á sociedade civil, especialmente ao empresariado, de que Galicia non debe desaproveitar unha das súas principais riquezas"

Os demandantes argumentan que "é coñecido que a economía do Brasil é a quinta maior do mundo e a primeira de toda a América Latina, respondendo por tres quintas partes de toda a produción industrial da América do Sur" e que "a vantaxe competitiva que para as xentes da Galicia representa a lingua non se limita á potencialidade de establecer novas relacións comerciais ou culturais directas, mais en acadar un estatuto de mediador entre bloques xeográficos e lingüísticos".

Morell conclúe que “non é nada que vaia contra ninguén” e lembra que esta iniciativa non parte de ningunha ideoloxía concreta, polo que lles pediu aos voceiros dos tres grupos políticos con representación parlamentaria que sacasen esta cuestión dos seus debates partidarios.

 

Valentín Paz-Andrade e o reintegracionismo

Consideran que esta proposta se une ao espírito da conmemoración de Valentín Paz-Andrade, que, ademais de ser un dos principais impulsores da industria pesqueira moderna galega, foi tamén vice-presidente da Comisión Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa, que posibilitou a participación de Galicia nas reunións para o acordo ortográfico da lingua portuguesa que tiveron lugar no Río de Janeiro (1986) e Lisboa (1990).

Foi tamén vice-presidente da Comisión Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa, que posibilitou a participación de Galicia nas reunións para o acordo ortográfico da lingua portuguesa

No seu artigo “A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa” de 1968, Paz-Andrade cuestionaba e respondía afirmativamente á pregunta “O galego ha de seguir mantendo unha liña autónoma na sua evolución como idioma, ou ha de pender a máis estreita similaridade coa lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e o Brasil?”. Consciente do potencial “transcontinental” da nosa lingua non só para a súa consolidación como tamén para favorecer a potencialidade económica da Galiza, cualificouna “de una lengua con la cual pueden entenderse millones y millones de personas, aunque lo hablen con distinto acento o escriban de forma diferente cierto número de vocablos” (en Galicia como tarea, 1959). Para a Comisión Promotora da ILP, “esse potencial global é ainda mais evidente e relevante no momento atual, onde a crise económica em que está a Galiza contrasta com o auge de novas potências como o Brasil na América, Angola na África ou a China, com o enclave de Macau, na Ásia”.

Presentación da ILP no rexistro do Parlamento Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.