En galego cara aos novos concellos

Manifestación de Queremos Galego en Vigo CC-BY-SA GZ Foto

Como cada catro anos, este Día das Letras estivo, inevitablemente, ligado á campaña que dentro dunha semana desembocará nas eleccións municipais do 24-M. As mensaxes a respecto da lingua galega lanzadas por colectivos sociais, forzas políticas e mesmo institucións públicas tiveron, dun xeito ou doutro, encaixe na dinámica dos comicios e boa parte das candidatas e candidatos tomaron, por acción ou omisión, postura a respecto do idioma.

Unha das principais citas do día foron as mobilizacións convocadas pola plataforma Queremos Galego, nesta ocasión baixo o lema O galego, garantía de futuro. A ausencia dunha única convocatoria provocou que a xa tradicional imaxe dunha multitude a prol da lingua polas rúas de Compostela fose substituída por unha multitude de imaxes dos oito actos -as sete cidades e Ribadeo- de menor dimensión que se desenvolveron dende media mañá e nos que foi posible ver a boa parte das persoas candidatas en cada localidade, agás no caso de forzas como o PP ou Ciudadanos.

As de Vigo e Santiago foron dúas das mobilizacións máis concorridas e nas que participou un maior número de líderes políticos. Ao remate das marchas representantes de diferentes colectivos integrados na plataforma leron, baixo o intenso sol que acompañou a xornada, o manifesto no que instaron a defender e usar a lingua cada día, "non só o 17 de maio", xornada na que, di o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, cómpre salientar que o "futuro" do galego pasa por un "cambio rotundo na política lingüística" da Xunta, a comezar pola derrogación do denominado decreto do plurilingüismo.

Feijóo nega o conflito lingüístico que proclamou

Mentres se desenvolvían as marchas de Queremos Galego en Pontevedra celebrábase o acto oficial do Día das Letras, dedicado a Xosé Filgueira Valverde e encabezado polo presidente da Xunta. Un lustro despois de proclamar que o país estaba inmerso nun "conflito lingüístico sen precedentes" Feijóo asegurou durante este acto solemente que en Galicia nunca "tiveron acollida entre nós as ideas tendentes a asociar idioma e conflito". "Hai, e é bo que as haxa, diferentes visións sobre leis, regulacións e normativas que se resolven democraticamente". Pero "na sociedade galega, a realidade do idioma nunca foi conflitiva, senón natural", asegura agora.

Feijóo asegura agora que "nunca tiveron acollida entre nós as ideas de asociar idioma e conflito"

O galego, di o presidente, "resoa nas fábricas e nas cátedras universitarias, nunha casa de aldea e no café onde se xunta a tertulia intelectual; está na rúa e no Parlamento", todo isto sobre un "pouso de amor ao idioma" que "é o código lingüístico que mellor expresa a nosa condición máis íntima". Nesta ocasión a celebraicón do idioma desenvólvese en torno a Filgueira Valverde, "un home digno, íntegro e que soubo cumprir co seu deber en circunstancias non sempre doadas". "Alí onde outros optarían polo ensimesmamento para preservaren o seu prestixio -eloxiou- el decidiu implicarse".

Mensaxes das forzas políticas

Mentres o PP facía público un manifesto no que, nun ton practicamente idéntico ao do seu líder, eloxiou o "plurilingüisom" e a "difusión do galego en liberdade" as forzas da oposición combinaron a aposta pola protección do galego coa crítica á política lingüística dos conservadores. Durante un acto do seu partido sobre o Día das Letras en Lugo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, amosouse convencido de que "outra das pragas que trouxo o PP a Galicia, dende a Xunta e dende os concellos" foi "a da dereita acomplexada que renuncia ao noso, ao que somos", aínda que iso implique "perder un potencial social e económico fundamental para o noso país e a nivel internacional, o galego".

Besteiro: "Outra das pragas que trouxo o PP a Galicia foi a da dereita complexada que renuncia ao noso"

"Con Fraga, xa sen facer mención ao goberno de Touriño, neste país investíase no idioma tres veces máis do que o fai Feijóo en 2015" lembra Besteiro, para quen estas cifras son mostra dabondo do "comrpomiso do PP co noso idioma, co que somos". "Non investir no noso idioma e na nosa cultura non é unha opción", asegura o líder socialista, quen afirma que o PSdEG "invives en cultura baixo a premisa da tolerancia e do respecto" e "sen renunciar ao que é propio e noso". Mentres, lamenta, o PP exerce a "falla de aprezo e agarimo" polo galego.

Vence: "Feijóo despreza o galego como nunca antes fixera un presidente da Xunta"

Dende o BNG o seu portavoz nacional, Xavier Vence, expresou durante a manifestación de Queremos Galego en Vigo que o Día das Letras debe ser un "día de orgullo" polo "principal sinal de identidade do país". "O futuro de Galiza vai ligado á supervivencia do seu idioma", sinala Vence, quen agarda que tras o 24-M as novas corporacións asuman "compromisos claros co galego". Mentres o Bloque fai esta reivindicación, reprocha, "vemos en campaña un Feijóo que fai uso sistemático do español para dirixirse ás galegas e galegos, desprezando o idioma do país como nunca antes fixera un presidente da Xunta".

Anova propón un decálogo de medidas para promocionar o galego dende os concellos

Pola banda de Anova optouse por non organizar actos electorais e apelar a "deter un momento a maquinaria electoral" para "encher Galiza, concello a concello, de actos de compromiso coa lingua". A formación nacionalista difiundiu, asemade, un "decálogo de compromiso coa lingua" para aplicar dende o ámbito local e titulado Unha lingua para gobernar un concello. "A lingua galega é o texto en que se escriben os nosos compromisos colectivos", di o documento, e por iso "queremos que os concellos de Galiza se constitúan en motor dun novo proceso de normalización lingüística" que "pivote" sobre "os dereitos lingüísticos activos e pasivos" da veciñanza, a "conservación, transmisión e recuperación da lingua" e a "promoción pública do galego en todos os eidos da vida social e das actividades económicas".

Remate da manifestación de Compostela CC-BY-SA Praza Pública
Participantes na manifestación de Vigo CC-BY-SA GZ Foto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.