Unha marca de cervexa homenaxea os voluntarios do 'Prestige' cunha web e un documental de Isabel Coixet

Voluntarios recollendo chapapote Dominio Público Praza Pública

Cando estamos a poucos meses do décimo aniversario da catástrofe do Prestige e do nacemento do movemento Nunca Máis, comezan a xurdir as primeiras iniciativas para conmemorar a efeméride. A que se presentou este mércores ten unha orixe singular: unha marca de cervexa que dende hai anos vén promovendo a iniciativa Save the Beach para recuperar praias contaminadas.

Marea Branca é un documental de trinta minutos realizado por Isabel Coixet para homenaxear os e as voluntarias que entre 2002 e 2003 colaboraron na limpeza da costa galega e que recolle imaxes do momento e entrevistas gravadas na actualidade con protagonistas recoñecibles e persoas anónimas. O filme estréase este mércores en Madrid, pero xa se pode ver online en www.coronasavethebeach.org e, a partir do 5 de xuño, Día Mundial do Medioambiente, estará libre para podelo descargar.

O documental conta a historia, por exemplo, de Soledad Méndez, una voluntaria que chegou de Extremadura e decidiu quedar a vivir en Fisterra. A súa filla, froito da relación con outro dos voluntarios, chámase Alegría Fisterra. Tamén se narra a historia do galego Nacho Castro e da catalá Nuria Blanco, que se coñeceron aqueles días en Muxía e hoxe están casados. Coixet, que está preparando unha nova longa de ficción, The Age of Adaline, dixo este mércores na presentación do filme que os 300 mil voluntarios e voluntarias constituíron "un dos movementos de voluntarios máis importante da Historia e, ademais, un movemento absolutamente eficaz".

A web pídelles a todas as persoas que participaron nos labores de limpeza da costa que insiran o seu nome nunha xigantesca fotografía que amosa os 295 quilómetros de litoral máis afectados pola marea negra

O filme preséntase canda a unha iniciativa que procura construír colaborativamente a memoria da experiencia vivida polos voluntarios. A web pídelles a todas as persoas que participaron nos labores de limpeza da costa que insiran o seu nome nunha xigantesca fotografía que amosa os 295 quilómetros de litoral máis afectados pola marea negra. Ademais, tamén poden incorporar comentarios, fotografías e vídeos gravados daquela, conformando unha obra multimedia interactiva e elaborada socialmente.

Cartaz do documental © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.