A destitución dunha supervisora no Chuac provoca a 'revolta' unánime do persoal

Francisco Vilanova, durante a protesta do persoal sanitario CC-BY-SA Praza Pública

A sorpresiva destitución dunha supervisora de enfermería do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) provocou un unánime malestar entre compañeiros, sindicatos, médicos e persoal sanitario do centro. Logo de 22 anos neste posto de confianza de supervisión da área de Cirurxía Xeral B, a dirección de enfermaría anuncioulle a esta muller (Ángeles Guntín, Kely), a pasada semana o seu cesamento no posto -polo que pasará a ocupar a súa praza en consultas- malia que pacientes e traballadores coinciden en sinalar a súa "excelente profesionalidade e bo facer".

A supervisora de enfermería foi destituída tras 22 anos no cargo malia a "excelente profesionalidade e bo facer" que destacan pacientes e compañeiros

A decisión provocou que varios centos de persoas -incluídos paacientes- se mobilizasen para pedir explicacións. Acudiron á finalización do acto de recibimento dos novos residentes, onde estivo presente o xerente da área sanitaria da Coruña, Francisco Vilanova. Foi a "desmedida" reacción deste cargo o que máis sorprendeu aos alí presentes. "Alterouse e púxose como un energúmeno, empregando un ton ameazante", segundo varias fontes, que aluden ás imaxes para corroborar os feitos. 

O xerente da área sanitaria reaccionou "alterado e como un energúmeno" segundo os traballadores mobilizadas polo cesamento

O que ninguén se explica é a destitución. "O argumento foi que se precisaban novos aires", aseguran compañeiros dunha muller á que lle falta pouco máis dun ano para a xubilación. "Por algún motivo, non lles interesaba que seguise, malia que nunca houbo unha queixa dela e a pesar de que todo o mundo a apoia". De feito, traballadores do Chuac aseguran que o rexeita"mento unánime a esta medida foi algo "nunca visto", con "máis unión mesmo que en anteriores manifestacións por temas laborais". Foi unha convocatoria unánime das centrais da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña (CCOO, CESM-Omega, CIG, CSIF, SAE e UGT).

Aínda que as sospeitas son varias, o feito de que o posto sexa de confianza impide calquera tipo de consideración legal. "Non é nada ilegal o que están a facer, outra cousa é como se pode cualificar eticamente", explican fontes que seguen sorprendidas pola reacción de Francisco Vilanova, o xerente da área sanitaria, "Perdeu os papeis e chegou a afirmar que non sabía nada do tema, cando non é verdade", insisten. As imaxes e os vídeos gravados durante a protesta mostran o cargo da Xunta visiblemente alterado e encarándose cos que alí protestaban. "Acusounos de ter boicoteado un acto cando iso non foi así. Foi denigrante", engaden. 

Francisco Vilanova, durante a protesta do persoal sanitario CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.