“Se isto non é un proceso político por parte da policía non sei que pode selo”

Jon Sáez © Jorge M. de la Calle

Recibo a Jon na estación de tren de Ourense, no barrio da Ponte. Coma sempre, positivo, animado, en aparencia forte, só por dentro leva algo de inquedanza polo resultado dunha sentenza que, ao final, seralle desfavorable. Militante das Xuventudes Comunistas e Esquerda Unida dende os 16 anos, licenciando en Ciencias Políticas e da Administración, traballador e curtido xa na loita estudantil, aos 23 anos, en 2011, xa encabezara a candidatura á alcaldía de Ourense polo seu partido, e en 2012 presentárase como número 4 na lista da provincia ás autonómicas por Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Con 27, ten sobre si o peso dunha sentenza penal e, afirma, dun “proceso político” contra a súa persoa e seis estudantes máis.

Un 11 de outubro de 2012, ao remate dunha folga estudantil, Jon atopábase ante as portas da Biblioteca Pública da cidade manifestándose xunto a outros estudantes pola educación pública e tentando entrar no centro, fronte a un cordón policial que llelo impedía. No transcurso da protesta, foi presuntamente agredido por policías que lle racharon os lentes, sendo reducido violentamente e esposado. Cando conseguiu quitar as esposas e escapar, denunciou os feitos ante a prensa, cun parte de lesións que demostraba os feitos. No primeirísimo atestado despois dese episodio o seu nome non figuraba, el non existía. Mais cando foi denunciar publicamente a violencia policial, de súpeto atopouse a si mesmo denunciado xunto a outros estudantes por “atentado á autoridade”.

O xuízo pasou, e viviuno coa “conciencia limpa” e “tranquilo”, aínda que “preparado para afrontar calquera das posibles sentenzas”, porque sabía que “calquera cousa” podía pasar. Agora que me atopo con el por segunda vez, enfróntase a unha sentenza de dous anos de prisión, pola que non terá que entrar no cárcere debido a que non ten antecedentes, mais pola que si deberá pagar unha multa de 3.200 euros. “Dende a distancia observas as cousas con maior perspectiva e dáste de conta de todo o sensentido que foi este proceso persecutorio”. As feridas están por dentro: a rabia, a “resignación”. Por fóra, só unha patilla remendada dá testemuño daquel día. Jon aínda non puido cambiar os lentes. Seguramente vexa as cousas doutra maneira a partir daquel momento.

"Atópome realmente ben. A miña conciencia está limpa, non calquera pode dicir iso, a verdade. O meu avogado xa está preparando o recurso"

Estás recibindo tratamento? Dis que sufriches insomnio e ansiedade.

Pois si, dous días despois da celebración do xuízo pedín vez no médico de cabeceira, xa que a ansiedade era evidente, e supoño que repercutiu negativamente en min, ocasionándome ese insomnio. Recibín uns ansiolíticos que estiven tomando durante unha semana, mais non hai mellor ansiolítico que o cariño da xente que te quere e o apoio dos teus amigos, compañeiros, coñecidos e ata dos descoñecidos.

E agora, como te atopas?

Atópome realmente ben. A miña conciencia está limpa, non calquera pode dicir iso, a verdade. O meu avogado xa está preparando o recurso ou seguramente xa o teña redactado. É un despropósito todo isto pero irase ata onde sexa necesario para que a verdade saia á luz e se faga xustiza. Até que remate todo o proceso político, non haberá que pagar nada, polo que aínda que xa estamos barallando opcións, non hai nada pechado respecto ao de reunir diñeiro. Ao mellor faise un concerto.

"Como a propia policía recoñeceu no xuízo (penso que de forma involuntaria), estásenos a xulgar a nós porque existen fichas policiais ilegais"

É verdade que a policía te vixiou? Como tes constancia disto?

Teño constancia disto, xa que algúns funcionarios dos xulgados mo comunicaron a título persoal despois de que eu xa me decatara. Durante aproximadamente dous meses diante da miña casa había aparcado un coche, se non lembro mal un Renault de cor vermella; eu vivo nunha casiña cos meus pais no barrio do Pino e na zona onde eu vivo coñecémonos todos e sábese de quen é un ou outro coche, polo que se aparece algún novo o primeiro que se fai ao chegar a casa é dicir (como dixen eu) “mamá, ti sabes de quen é ese coche? e ti papá, sabes de quen é?”. Obviamente ninguén o recoñeceu, nin eles nin familiares que viven preto de min, nin ningún veciño, polo que a desconfianza é total, ata que, tempo despois, grazas a estas persoas do xulgado, verificas esa tolemia por parte da policía, que en vez de protexernos dedícase a vixiarnos.

Por que cres que se vos está a xulgar a vós concretamente, e non a outros?

Pois como a propia policía recoñeceu no xuízo (penso que de forma involuntaria), estásenos a xulgar a nós porque existen fichas policiais ilegais; isto quere dicir que sabían a por quen ían e lles daba igual que estivésemos alí ou non. De feito, un rapaz que aparecía chamado a declarar tivo que demostrar que el non estaba alí ese día para que o sacasen do proceso político, e eu mesmo o día dos feitos non aparezo no atestado policial, é dicir, eu segundo dixo a policía nin estaba o propio día dos feitos: incorporáseme ao proceso político días despois cando dou unha rolda de prensa denunciando as agresións que sufrín ese día, e por vinganza incorpóraseme a dito proceso.

"A actitude deles era chulesca e agresiva, debe de ser que lles gusta mallar en menores de idade"

Se isto non é un proceso político por parte da policía non sei que pode selo; cando se fala de xuízo político gústame salientar o proceso completo, non o xuízo en si, xa que creo que o xuíz se decatou en todo momento de que os acusados debiamos ser os acusadores e a policía -que é quen nos acusa- debería ser a que se sentase na bancada dos acusados.

Imos ao momento en que ti estabas, xunto a outros estudantes, en primeira liña diante da Biblioteca Nodal de Ourense. Que era o que se pretendía e por que? Cal era a actitude de axentes e manifestantes?

Cada un pretendía unha cousa (risos). Quero dicir que foi algo espontáneo, non había nada programado por así dicilo, eu persoalmente o que pretendía era que o barullo desaparecese e así poder decidir entre os alí presentes que facer, se marchar, se entrar na biblioteca, se concentrarnos alí, etc., mais non puidemos falar nada xa que a policía comezou a cargar violenta e temerariamente contra nós, eu o primeiro. A actitude deles era chulesca e agresiva, debe de ser que lles gusta mallar en menores de idade.

"Eu en ningún momento denunciei os feitos, xa que naquel momento dixéronme que non fixera ruído por temor a represalias, e eu sinceramente tiña medo de ir denunciar"

E como se desenvolveron os acontecementos? Ti chegaches a pór unha denuncia por agresións, así como pola rotura dos lentes.

Eu podo saír de alí, xa que a policía, a cabalo entre unha detención ilegal e unha chea de temeridades, quítame as esposas que me puxeran -non sei por que e nunca o saberei; penso que nin eles o saben-. Saio polo meu propio pé, nun primeiro momento en volandas por parte da xente, e diríxome cara ó centro de saúde onde se fai un parte de lesión; polos lentes nada, un pouco de pegamento e ata hoxe que se me seguen soltando as patillas de vez en cando, téñoas que seguir pegando (risos). Eu en ningún momento denunciei os feitos, xa que naquel momento dixéronme que non fixera ruído por temor a represalias, e eu sinceramente tiña medo de ir denunciar; de feito sempre se fala de como unha policía que agrediu a unha rapaza que estivo alí ese día se mofaba dela dicíndolle "si si, vai denunciar se queres, a ver se che fan caso".

Días antes un grupo de estudantes de Secundaria tentara pecharse nesa mesma biblioteca. Cres que isto influíu na actitude dos axentes?

Non sei que pode influír na actitude de xente que vive dos nosos impostos para chegar ó punto de torturar a menores de idade en público e ante a mirada de centos de persoas.

"As probas que presentaron estaban manipuladas, e a propia policía non presentou probas que testemuñas puxeron a disposición policial, supoño que con ánimo de esconder a realidade"

Dis que se manipularon probas. Hai una foto na que se te ve cun aceno expresivo de dor, e por tras, unha porra. Porén, esa mesma foto córtase de xeito que non se vexa a arma nas probas achegadas pola policía, que di ademais que non empregou a forza de ningún xeito.

Creo que iso se resposta por si mesmo. Eles din que non empregaron porras, pero calquera que estivese alí sabe que iso é falso. As probas que presentaron estaban manipuladas, e a propia policía non presentou probas que testemuñas puxeron a disposición policial, supoño que con ánimo de esconder a realidade. Ben, non é unha suposición, é unha afirmación: fixérono con premeditación e aleivosía.

Ademais, hai uns vídeos aos que aluden pero non están expostos como proba publicamente...

Esas son as probas que unha testemuña puxo a disposición da policía, testemuña que non sei que credibilidade pode ter, cando as probas que achega fanse desaparecer por parte da policía. Gustaríame saber se a versión que dá no xuízo é orixinal ou tamén foi adulterada por parte da policía.

"O policía que supostamente agredo di nun primeiro momento que o agredo cara a cara, por diante. Logo cambia a sua versión e di que lle dou tres puñazos polas costas; ese mesmo policía non me recoñece na rolda de recoñecemento"

Que máis contradicións existen, entre policías e testemuñas?

Por exemplo, o policía que supostamente agredo di nun primeiro momento que o agredo cara a cara, por diante. Logo cambia a sua versión e di que lle dou tres puñazos polas costas; ese mesmo policía non me recoñece na rolda de recoñecemento; outro policía di que fun eu quen agrediu o policía pero que non me puido ver agredíndoo nin puido ver como foi a agresión, etc. etc. etc.

Viches algunha agresión de estudantes a policías, coma o golpe coa man que recoñeceu dar un dos rapaces acusados?

Non, eu non vin a ningún neno pegarlle a ningún policía, e o rapaz que recoñeceu iso non o vin na miña vida. A primeira vez que o vin foi no xuízo e teño serias dúbidas de que fixese algo ou de que estivese alí. De feito, o que penso é que ese rapaz se autoinculpou por medo a unha sentenza maior, xa que ó autoinculparse o que consegue é unha redución de condena e non ir ó cárcere.

A ti ofrecéronche iso?

Si, por suposto. Ofrecéronme pactar a condena. Nun descanso durante o xuízo, os avogados viñeron dicindo que se queriamos asumir a culpa e a condena, para así non ir ó cárcere. Pero eu dixen que non podía asumir esa carga. Non podía declarar algo que non fixera.

"Todo o que sexa defender o público, defender os dereitos da maioría ou que sexa loitar polo ben común inmediatamente vese reprimido e se non calas e segues a defender o xusto, as consecuencias serán peores"

Cres que este xuízo ten conexión con outros de marcado carácter político, coma o do 4-F en Barcelona, o de Alfon e o de Isma e Dani en Madrid? Por que esta represión xeneralizada dos movementos de rebelión cívica? Algo apodrece neste réxime?

Teñen que ver uns con outros, por suposto. Todo o que sexa defender o público, defender os dereitos da maioría ou que sexa loitar polo ben común inmediatamente vese reprimido e se non calas e segues a defender o xusto, as consecuencias serán peores. Creo que esta é unha variable aplicable a todos os casos, polo cal é obvia a relación.

Algunha organización política ou social solidarizouse contigo?

A nivel autonómico, só Alternativa Galega de Esquerda (Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista e EQUO) e BNG. A nivel municipal, Anova, BNG e Esquerda Unida e Xuventudes Comunistas, obviamente. Valóranse positivamente todos os apoios, aínda que hai que facer unha crítica aos partidos do réxime. E serven tamén para darnos de conta do que é a solidariedade. En Bilbao faise un muro humano para evitar unha detención, mentres que aquí dicimos  “Pobriño, a ver se tes sorte”. Non hai campañas para denunciar isto. Parece que o feito de que unha persoa vaia ao cárcere sen ter feito absolutamente nada non é importante para algunhas organizacións. Queda aí a reflexión.

Seguiredes defendendo a educación pública? Cales son as próximas mobilizacións?

Pois parece que o período mobilizador polo de agora está parado, pero por suposto séguese a defender a educación pública, tamén universal, totalmente gratuíta, en galego e de calidade, xa que é o piar fundamental para o conxunto de calquera sociedade.

E por último, xa persoalmente: pensas volver presentarte á política con AGE ou EU?

Pois recentemente rexeitei presentarme ó proceso de primarias aberto en Esquerda Unida para elixir o candidato de cara ás eleccións municipais, xa que se empregaría a inxustiza que se está a cometer con este proceso político tanto contra min coma contra o conxunto da miña organización, cousa que non estou disposto a asumir de ningunha das maneiras. O futuro dirá, penso que xa cumprín en política un primeiro ciclo que se iniciou alá por 2007 cando fun por primeira vez nas listas electorais de EU ó Concello de Ourense, posteriormente fun candidato á alcaldía en 2011 -cando se duplicou o número de votos obtidos na cidade-, e uns meses máis tarde, con toda a ilusión do mundo, fun de número 4 nas listas ó Parlamento de Galicia, sendo esta a participación máis salientable. Teño 26 anos e aínda queda moito por camiñar.

"A revolución non se fai soa, organízase dun xeito ou doutro, polo que esperanza non haberá se non hai compromiso, se non hai militancia, se non hai conciencia de clase, se non hai solidariedade"

Cales son as túas esperanzas de cambio para este ano?

Esperanza é sinónimo de revolución, esperemos que se dea a revolución, conformaríame con iso (risos). De todos os xeitos a revolución non se fai soa, organízase dun xeito ou doutro, polo que esperanza non haberá se non hai compromiso, se non hai militancia, se non hai conciencia de clase, se non hai solidariedade, desinterese, altruísmo, se en esencia non hai xuventude labrando o seu camiño, e como a xuventude é o sustento principal da esperanza, só lle podo pedir a todos os rapaces que de verdade tremen ante as inxustizas, que se organicen, que se organicen para cambiar de sistema, non para darlle trazos amables. Se entre a reforma ou a revolución, escóllese a segunda, sempre quedará a esperanza.

Jon Sáez © Jorge M. de la Calle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.