Stop Desafiuzamentos: "Os nosos dereitos son innegociables"

Faixa de Stop Desafiuzamentos ante unha vivenda desaloxada CC-BY-SA Stop Desafiuzamentos

David Bouza, ten 25 anos e licenciouse en Administración e Dirección de Empresas. Traballa nunha asesoría. Mabel González é desempregada da hostalería ten 36 anos e nai dun neno menor de idade. Foi desafiuzada por partida dobre co seu fillo menor, e maltratada pola ex-parella, que non lle pasaba a pensión alimenticia correspondente. Ambos son activistas contra os desafiuzamentos en Santiago. Involucráronse no activismo por motivos diferentes, pero cun mesmo obxectivo: que a capital do país sexa un territorio libre de desafiuzamentos. Ela fala menos, pero explica con toda crueza en que consiste esta realidade tan brutal e inxusta, vivida en carne propia. Din estar lixeiramente esperanzados co novo tempo político. Pero alerta.

Cómo e cando foi a vosa entrada no activismo social?
David- Stop Desafiuzamentos nace na cidade de Compostela a raíz do 15-M, pero eu persoalmente comecei no activismo xa da man do movemento estudantil universitario. Desde o 15-M decidimos comezar con isto posto que viamos que existía a necesidade, aínda que non se falara moito da problemática aquí. Nin nos medios, nin en ningún lugar. Decidimos comezar para expresar que si que existía, situala na axenda e opoñerse a esta realidade tan dura. Levounos varios meses, e foron difíciles os comezos. Ademais de denunciar a problemática, dedicámonos a colaborar e axudar.

Mabel- A raíz da miña experiencia persoal decidín involucrarme. Por min, polo meu fillo, e polos demais.

Ademais da denuncia ¿desenvolvedes outras liñas de traballo?
David- Si, aínda que por falta de especialización non era tanto esa idea ao comezo. Ao final, pola necesidade, tamén facemos esa labor de apoio xurídico, etc. Os servizos sociais non cumpren coa función que corresponde e os avogados ás veces non poden asesorar ben, en boas condicións. Foi por unha obriga. Agora xa colabora máis xente, de forma totalmente gratuita.

"Os servizos sociais non cumpren coa función que corresponde e os avogados ás veces non poden asesorar ben, en boas condicións"

 

Cómo é a relación coas forzas políticas da cidade?
David- En xeral é distante, aínda que agora co novo tempo político que se abriu estamos comezando a medir e ver. Temos pendente una rolda de contactos con todos. Obviamente a relación co PP é nula, pero esperemos que agora mude a situación coa nova corporación entrante. Desexamos que, cando menos, a relación que exista sexa en termos de comunicación fluída. Tampouco queremos valorar ata que vaiamos vendo. Co BNG si tivemos mais contacto neste tempo pois algún militante si que veu a colaborar e negociamos algunhas propostas para elevar aos plenos. Mais, en xeral, hai certa distancia.

E con outras forzas sindicais ou plataformas e movementos sectoriais doutro tipo?
David- Si, hai relación con outras plataformas e movementos sociais, coma o sindicalismo ou o ecoloxismo. Temos contacto por canto que parte da xente que participa nisto participa tamén noutras loitas civís.

Canta xente hai desafiuzada en Compostela?
David- Non temos datos claros, e manexamos os do Poder Xudicial. Ese é un problema. A nos preocúpanos que só chegamos a unha minoría de casos e quixéramos que alá onde non podemos chegar nós si poidan chegar os servizos sociais. Non sabemos a que porcentaxe deles chegamos, mais os datos vanse actualizando constantemente: en Galiza son uns 200 desafiuzamentos ao mes, aproximadamente. E hai unha porcentaxe non menor de afectados en Santiago de Compostela. E hai que ter en conta que das cifras que dan, aquí son moito mais altas, tanto en  execucións hipotecarias como en despexos de aluguer. A maioría deles prodúcense de forma silenciosa, accedendo as familias a marchar, sen máis. Incluso temos constancia dalgún que non foi silencioso, onde tivo que ir a policía, pero ao que non puidemos acudir por non ter coñecemento antes . Iso é un problema frustrante. Temos unha capacidade limitada e moitos dos que nos chegan son polo “boca a boca”, aínda que facemos campaña para darnos a coñecer e que acudan a nós. Ao non ter financiamento é tamén máis complicado. Pero, resumindo, a situación é o suficientemente grave para actuar xa.

Mantedes relación  con outras estruturas do país?
David- Si, e celebramos xuntanzas mensuais. Cada plataforma, a de cada lugar, é independente. Alí poñemos liñas de traballo en común e intercambiamos experiencias e información. Mais actúase en forma de colaboración, mais que de coordinación. A nivel do Estado español tamén hai contacto a través de canles telemáticas, pero estas si que son só a nivel informativo e non tanto de traballo.

Cales son as perspectivas que tedes co novo goberno entrante en Compostela?

"Non podemos facernos ilusións de ningún tipo nin relaxarnos pero, obviamente, temos depositadas certas esperanzas en que muden cousas; cando menos, esperamos que os novos sexan máis transparentes"

David- Consideramos que non podemos facernos ilusións de ningún tipo nin relaxarnos pero, obviamente, temos depositadas certas esperanzas en que muden cousas. Cando menos esperamos que sexa a comunicación fluída e os novos sexan máis transparentes. Antes non podíamos propoñer nada, nin ningún protocolo nin ningunha recomendación. Non se nos escoitaba e facían coma se non existiramos. O diálogo era nulo totalmente. Por exemplo: propuxemos que sempre, antes dun desafiuzamento, debería haber un estudo de Servizos Sociais para evitar calquera situación de risco, e que non quedase na rúa ninguén sen que ninguén se entere. Esiximos transparencia á hora de obter datos para saber cantas familias están realmente nesa situación ou tamén en canto a vivendas dispoñibles que poidan estar sendo empregadas noutros usos. Queremos información, e que sexan transparentes. Queremos colaboración. Haberá que estar atentos, e proporemos liñas de actuación.

A nivel do Estado: Credes que se abre unha porta ao cambio político?
David- Nos somos sempre moi escépticos, a base de levar decepcións. Pero dentro diso, desde que comezamos até hoxe, as reivindicacións pasaron de semellar utópicas (como a moratoria) a ser de sentido común e ocupar un papel central no conxunto da reivindicación social. É moi grave o que aconteceu e acontece. Están os dereitos humanos en xogo. O mesmo discurso que mantemos hoxe hai catro anos era, supostamente, irrealizable. Hoxe hai mais conciencia. Entón temos esperanza en que, pouco a pouco e coa presión social, acabe producíndose o cambio político necesario para que nunca máis aconteza o que aquí aconteceu.

Os desafiuzamentos e a realidade dos sen-teito forman parte de circunstancias e realidade diferentes que deben abordarse de xeito distinto? Por exemplo, o que acontece en Compostela coas persoas que dormen na dársena de Xoán XXIII?
David-
Alí viven entre 20 e 30 persoas. A actuación que tivo o Concello aí non ten calificativo posible: por dar “mala imaxe ao turismo” botou ás persoas e puxo unhas macetas. Non lles importaba a xente. Para nós todo forma parte de algo que hai que atallar de xeito global. A problemática da vivenda englóbase en algo moito máis amplo e que ten que ver co desemprego, coa precariedade laboral, a falta de axudas e a pobreza e miseria en xeral… todo está relacionado. Cando deixas de pagar a hipoteca é por estar nunha situación limite. A problemática da vivenda forma parte de toda unha situación na que interveñen moitas causas:  fillos, cargas familiares, a veces situacións de violencia familiar derivadas tamén da falta de ingresos, depresións…

"Sendo muller , desempregada, maltratada e cun fillo menor miraban para outro lado. Iso fai que o teu ánimo acabe polo chan. Es invisible"

Mabel- No meu caso particular todo comezou fai 5 anos: separeime por violencia de xénero. A parella deixa de pagar a hipoteca e a pensión. Non existía Stop Desafiuzamentos. A situación que se xerou levounos a sufrir un lanzamento en toda regra, con todo o que iso supón: irse co neno a un piso de aluguer sen ter outra alternativa, nin traballo estable. Comecei a traballar moitas horas limpando noutras casas, e vinme de novo nunha situación insostible e desafiuzada. Non era vida durmir os dous nunha cama de 1,35, e todo nun piso dunha soa habitación, con todo empaquetado en caixas. No Concello sabían perfectamente moitas cousas, e os problemas cos recibos: ata que cortaron a luz. Se non é por Stop Desafiuzamentos, que foron a falar á desesperada… á tarde xa me puxeron auga e luz. Sendo muller , desempregada, maltratada e cun fillo menor miraban para outro lado. Iso fai que o teu ánimo acabe polo chan. Es invisible. A todo isto hai que sumar episodios de abuso bancario, etc…

David- Sempre nos vimos saturados pola cantidade de casos que tivemos. Sempre foron situacións límite na que había que actuar a contra-tempo. En Santiago pecharon o albergue. Nos pensamos que un concello ten que ter alternativa habitacional para todas as persoas e debe dispor dos medios necesarios para una vivenda e condicións de vida digna: auga, luz… debera ser obriga das institucións e administracións comprometerse a cubrir esas carencias tan básicas. Nos propoñemos medidas de custo cero, que só requiren de vontade, para os 100 primeiros días de goberno: coma a in-embargabilidade da RISGA.  Non se respecta e os propios Concellos cometen unha ilegalidade aí. É tan sinxelo como escoitar e ter vontade de atallar un gravísimo problema social.

Mabel- E non estarían facéndonos ningún favor. Os nosos dereitos son innegociables!

Intres previos ao desaloxo na parroquia compostelá de Arins CC-BY-SA GZ Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.