'Todo pirolos', 100% de masculinidade

Un dos eventos sinalados por 'Todo pirolos' Dominio Público Praza Pública

Un debate a piques de comezar; na mesa, pluralidade, representantes dun bo número de forzas políticas, da esquerda á dereita. Porén, todos homes. Un ciclo de conferencias organizado pola universidade; media ducia de relatores. Todos homes. Inauguración; numerosa presenza de autoridades, cantas máis mellor. Todos homes. Un xornal; unha ampla e diversa lista de colaboradores. Case todos homes. A igualdade vai avanzando na sociedade, aos poucos. Porén aínda estamos lonxe, moi lonxe, de que a presenza masculina e feminina en todos os espazos, sobre todo nos máis públicos e destacados sexa equiparable.

Haberá que ver, por exemplo, cantos alcaldes e alcaldesas temos finalmente en Galicia a partir do día 13 (na pasada lexislatura foron menos do 10% e nestes comicios 4 de cada 5 cabezas de lista eran homes). Ou con cantas catedráticas contan as universidades galegas (menos do 15% do total), ou cantas mulleres ocupan postos nos consellos de administración das grandes empresas (unha porcentaxe ínfima). Os homes son ampla maioría na maior parte das mesas redondas, xuntanzas, equipos directivos e actos públicos e non son poucos aqueles que non contan nin sequera con unha muller.

Hai un par de semanas botaba a andar unha páxina de Facebook, Parabéns, fixeches unha xuntanza de todo pirolosque quere sinalalos, como unha forma de visibilización e protesta contra esta situación. A iniciativa segue o ronsel doutras, iniciada recentemente, coma All Male Panels. Esta páxina, aberta en febreiro pola feminista finesa Saara Sarma, recolle xa 200 imaxes de acontecementos públicos nos que as mulleres non aparecen nin sequera de forma simbólica. 

En Todo pirolos recóllense achegas de internautas que envían os "eventos fully machotes, todo pirolos, mostras de masculinidade 100%" que van atopando no día a día de Galicia

De igual xeito, en Todo pirolos, recóllense achegas de internautas que envían os "eventos fully machotes, todo pirolos, mostras de masculinidade 100%" que van atopando no día a día de Galicia. Tanto no plano político, sindical, deportivo, xornalístico, cultural ou en calquera profesión. A iniciativa conta tamén cunha conta de twitter e cun enderezo electrónico ao que remitir achegas e suxestións: todopirolos@outlook.com.

Un dos eventos sinalados por 'Todo pirolos' Dominio Público Praza Pública
Un dos eventos sinalados por 'Todo pirolos' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.