O guerrilleiro descansa en Sandiás 65 anos despois

Homenaxe ao guerrilleiro Perfecto de Dios © ARMH

Máis de 65 anos despois do seu asasinato, o guerrilleiro galego Perfecto de Dios descansa xa xunto á súa nai no cemiterio de Sandiás. Faino logo da homenaxe que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) lle rendeu nesta localidade e en Xinzo. Honras a un antifranquista que foi atopado hai máis dun ano polo seu irmán, Camilo de Dios, o último guerrilleiro galego, que deu con el nunha fosa extramuros do camposanto da localidade de Chaherrero, en Ávila. 

Os restos de Perfecto de Dios volveron a Galicia 65 anos despois grazas á busca do seu irmán coa axuda da ARMH

Púxose fin así a máis de seis décadas de busca, logo de que en maio de 1950 Perfecto fose abatido pola Garda Civil cando marchaba camiño de Francia xunto a súa nai, enlace da guerrilla naquela época. Foron os voluntarios da ARMH os que atoparon e exhumaron os restos dun antifranquista que non foi recuperado, nin moito menos, grazas á axuda das administracións. Tivo que ser un sindicato de Noruega o que, coas súas achegas, permitise abrir a fosa deste ourensán, así como a doutros asasinados pola ditadura, entre eles outros galegos. A central sindical de electricistas Elogit fixo unha doazón de 6.000 euros e o seu secretario nacional, Henning Solhang, acudiu á homenaxe desta fin de semana. 

"A colaboración internacional evidencia que o desleixo do Goberno de España vai máis aló das fronteiras, pero 114.226 desaparecidos que aínda quedan non se poden ocultar", sentenciou durante o antropólogo forense René Pacheco, voluntario dunha ARMH que aínda hai pouco recuperou os restos de nove veciños dunha vila de Léon, "mentres o Executivo, Europa e a ONU miran cara a outro lado"

As achegas dun sindicato noruegués permitiron a exhumación á que non axudan as administracións

O caso de Perfecto é máis que simbólico, aínda que son moitos os galegos que aínda quedan nas cunetas. Este guerrilleiro tiña 19 anos cando foi asasinado e era fillo de Jesús de Dios, fundador do PCE en Sandiás, e de Carmen Fernández, que se botou ao monte en 1941. Cando a muller escapaba co fillo a Francia, foron detidos xunto a outros antifranquistas. Uns foron fusilados e outros, como a nai, acabaron presos.

Carmen foi condenada a 30 anos e cumpriu 13 anos de cade en diferentes prisións, onde continuou coa actividade clandestina organizando células comunistas. Foi torturada, segundo conta a familia, pero nunca contou nada. Logo de ser liberadda, volveu a Sandiás, onde morreu en 1999. Non puido recuperar os restos do seu fillo, pero outro deles, Camilo, pediu axuda á ARMH, que comezou a busca nos arquivos militares até localizar a fosa na parte de atrás do cemiterio de Chaherrero.

Logo de moitas xestións, o propietario do terreo contou que llo expropiaran para cavar unha fosa. O rexistro xudicial do 17 de maio de 1950 especifica que o soterramento tiña "dous metros de lonxitude, un metro de ancho e un trinta centímetros de profundidade, co cadáver enterrado en posición sur-norte". Era, segundo o xuíz instrutor, un cemiterio civil. En realidade, unha fosa que os veciños máis vellos daquela localidade lembraban ben. Mesmo axudaron a sinalar o lugar exacto dos restos, os mesmos que 65 anos despois volveron a onde sempre deberon estar. 

Á homenaxe acudiron históricas figuras políticas, así como Yolanda Díaz, voceira nacional de EU; Eva Solla, secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia, ademais do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Co himno guerrileiro de fondo e baixo un arco de bandeiras republicanas e comunistas, o féretro foi conducido ao panteó familiar, onde descansará para sempre. Máis de sesenta décadas tarde e poucos días despois de que os reis de España homenaxeasen a La Nueve en París.

Botas do galego Perfecto de Dios, na exhumación en Ávila © ARMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.