0 Gardados para despois

Senra: "Despois de ver os documentos, reafírmome en toda a crítica contra o TTIP"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Unha sala pequena e escura. Unha mesa e dúas cadeiras. Máximo de dúas horas e sempre baixo a supervisión dun funcionario. Sen teléfono móbil nin bolígrafo ou ordenador. Estas son as estritas condicións baixo as que a eurodeputada galega Lidia Senra (AGEe) tivo acceso, por vez primeira, a algúns dos documentos secretos e confidenciais (ou non oficiais, seguindo a eufemística denominación oficial) que compoñen as negociacións entre a UE e os Estados Unidos para aprobar o TTIP (Tratado de Libre Comercio e Investimento).

“Despois de ver os documentos, reafírmome en todo o que viñamos dicindo e en toda a crítica e oposición que viñamos facendo contra este tratado”

“Despois de ver os documentos, reafírmome en todo o que viñamos dicindo e en toda a crítica e oposición que viñamos facendo contra este tratado”, sinalou Senra en entrevista telefónica con Praza, xusto despois de abandonar a reading room (sala de lectura) imposta pola Comisión. Pouco máis pode revelar sobre o que alí puido ler. En calquera caso, reitera, “nada do que alí vin me di que os motivos de preocupación que temos sobre este tratado deben ser menores". Ademais, alerta -como xa o fixeron anteriormente outros eurodeputados e eurodeputadas que pasaron pola sala- de que "non toda a documentación sobre o TTIP está alí", pois "algúns documentos que consultei facían referencia a anexos que non están alí". "Seguramente as negociacións están moito máis avanzadas", advirte.

Denuncia, igualmente, o procedemento para o acceso a esta información, tan complexo e escasamente transparente: “Estes documentos non tiñan que ser secretos. Non ten sentido que se siga negociando así algo que vai afectar de forma tan importante as nosas vidas". E describe un escenario que limita moito este suposto dereito de acceso dos eurodeputados e eurodeputadas á documentación: "Entras nunha sala escura, con apenas unha mesa e dúas cadeiras, para ti e para o funcionario encargado de darche e custodiar os documentos que solicitaches. Quítanche mesmo o bolígrafo e alí danche outro, cun folio para que escribas. Ao remate tes que asinar un rexistro deixando constancia dos papeis que viches". Critica, ademais, como tamén o fixeron outros representantes, as dificultades de consultar, en apenas dúas horas, documentos moi técnicos que só están en inglés, sen a posibilidade de contar con outra persoas expertas nese tema ou dun tradutor. 

"Non toda a documentación sobre o TTIP está alí. Algúns documentos que consultei facían referencia a anexos que non están alí. Seguramente as negociacións están moito máis avanzadas"

A posibilidade de que os e as parlamentarias poidan consultar parte da documentación do TTIP nesta reading room foi unha das medidas adoptadas pola nova Comisaria de Comercio, a sueca Cecilia Malmström, para combater a imaxe e as acusacións de opacidade que dende a esquerda se lle viñan facendo ás negociacións. Calquera dos 751 europarlamentarios pode solicitar a consulta, pedindo cita e concretando os documentos exactos a revisar. De entre os 70 dispoñibles, Lidia Senra solicitou ter acceso a 18, referidos a agricultura, Indicacións Xeográficas Protexidas, químicos, sanitarios e fitosanitarios ou as relacións de cooperación (partnership) público-privadas, entre outros asuntos.

"Colleron medo"

Hai apenas dúas semanas as autoridades comunitarias decidiron anular a votación prevista na eurocámara sobre o informe Lange, que debía fixar a posición da cámara sobre as negociacións. Ao final, tras unha axustada votación o informe nin sequera foi debatido. Esta votación evidenciou as dúbidas crecentes existentes en moitos parlamentarios ao respecto das negociacións, sobre todo entre o grupo socialista, que hai meses apoiaba o tratado sen fisuras. "Colleron medo, porque as votacións, sobre todo na cuestión do mecanismo de resolución de conflitos, non ían saír como eles pensaran", sinala Senra, que non advirte unha modificación substancial na estratexia da Comisión despois desta derrota parcial.

"Na medida en que a sociedade siga coñecendo máis detalles do tratado, en que sigamos falando do moito que hai en xogo, a presión sobre eses deputados e deputadas vai ser maior"

A eurodeputada galega amósase optimista sobre a posibilidade de botar abaixo o tratado e salienta que a clave neste momento é a difusión e que o debate sobre o TTIP estea na sociedade: "Se a súa estratexia pasa por convencer estas persoas que poderían ter votado en contra para que agora voten a favor, se cadra levan un desgusto. Porque na medida en que a sociedade siga coñecendo máis detalles do tratado, en que sigamos falando do moito que hai en xogo, a presión sobre eses deputados e deputadas vai ser maior".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.