A conselleira de Sanidade envía un director xeral a dar explicacións polo peche de camas

SOS Sanidade Pública denuncia que ducias de pacientes agardan ata dous ou tres días por unha cama Dominio Público SOS Sanidade Pública Coruña

Estaba previsto que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, comparecese este xoves no Parlamento para dar explicacións polo peche de camas hospitalarias -ao redor de 1.200- decretado polo SERGAS para este verán. Porén, finalmente foi o director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Ramón Ares Rico, quen interveu. Un cambio que foi moi criticado polos grupos da oposición, chegando Montse Prado (BNG) a cualificalo de "estafa" e de "burla". Prado lembrou, igualmente, que esta negativa da máxima responsable de Sanidade a informar persoalmente dos recortes nos servizos hospitalarios se une á tardía comunicación pública da medida, que en 2014 foi publicada no mes de abril, pero que neste ano só foi confirmada a finais de maio, despois das eleccións municipais.

A negativa da máxima responsable de Sanidade a informar persoalmente dos recortes nos servizos hospitalarios únese á tardía comunicación pública da medida, só confirmada tralas eleccións do 24M

Ares Rico xustificou os peches, como xa fixeron outros cargos da consellaría noutras ocasións, nas vacacións das que gozan nestes meses os e as traballadoras dos centros. Unha explicación que foi rexeitada de plano por Montse Prado, que lembrou que "hai 7.000 enfermeiros e enfermeiras nas listas de contratación dos SERGAS", así coma "máis de 5.000 celadores e celadoras". A deputada do BNG sinalou que a non substitución das vacacións e o peche de camas están a provocar unha merma na calidade asistencial, unha realidade que para Prado responde a unha estratexia do PP para "desmantelar a Sanidade Pública". “Máis camas pechadas, aumento das listas de espera e desviación de doentes á sanidade privada, esa é  a pretensión do PP para acabar coa Sanidade pública do noso país”, dixo.

 

Cada día, máis camas pechadas

Todos os días chegan novas denuncias, dende as organizacións sindicais, pacientes e asociacións profesionais, sobre o peche de camas nos centros hospitalarios e os seus efectos no servizo ofrecido a os e ás usuarias. Na Área Sanitaria da Coruña, por exemplo, onde este verán os centros públicos ofrecerán 213 prazas hospitalarias menos, SOS Sanidade Pública denuncia que cada día o número de camas bloqueadas é maior, comezando a provocar un "novo colapso de urxencias", en palabras de Ramón Veras.

A plataforma sinala que, se o 1 de xuño estaban xa pechadas 25 camas de Medicina Interna do Hospital Abente y Lago, progresivamente vanse bloqueando as camas das unidades que van pechar o 30 de xuño (como coidados paliativos, neuroloxía ou reanimación). "Estas camas non se pechan dun día para outro" -explican- "A medida que se dá de alta os pacientes que ocupan eses espazos, as camas bloquéanse e así continúan ata que definitivamente xa non se ocupan máis". SOS Sanidade Pública alerta do prexuízo que isto está a provocar nos e nas pacientes: "42 en espera de cama o luns pola mañá e 30 o martes, algúns deles xa levaban en espera de cama 2 ou 3 días. E iso que por agora aínda non están pechadas todas as camas previstas", din.

"A medida que se dá de alta os pacientes que ocupan eses espazos, as camas bloquéanse e así continúan ata que definitivamente xa non se ocupan máis"

Ademais do bloqueo de Neuroloxía (40 camas), Cirurxía plástica e Reumatoloxía (31 camas), Reanimación (18 camas), o peche do Hospital de día de adultos no Abente y Lago -que leva cirurxía sen ingreso de cirurxía xeral, mama, uroloxía, trauma, oftalmoloxía, dermatoloxía, colonoscopias con sedación- e do Hospital de día de adultos no Teresa Herrera -cirurxía sen ingreso de Otorrinolaringoloxía, maxiolfacial, xinecoloxía- provoca grandes atrancos. "O número total de cirurxías sen ingreso que se perden de facer diariamente ao pechar estas camas é 40", denuncian. "Non hai estacionalidade, non fan obras, non hai motivos para estes peches de camas salvo reducir gastos e non contratar substitucións do persoal", engaden. Dende a Plataforma explican que os pacientes dos servizos que van pechando e que precisen ingresar "terano que facer noutros servizos" onde a atención "non é igual que cando te atende a planta da especialidade que motivou a entrada no hospital".

Deste xeito, o servizo de urxencias "xa colapsado habitualmente" ten menos camas a onde enviar aos pacientes, feito que obriga a aumentar camas de observación nas mesmas urxencias. "Os pacientes programados destas especialidades tamén vén aumentados os tempos de espera para ingreso", sinalan. Nos centros de saúde, engaden, "sucede algo parecido", pero no lugar de peche de camas "hai peche de axendas" cando falta o profesional ausente (vacacións ou por enfermidade). Cando non hai cita "o paciente vese obrigado a solicitar unha atención de urxencias se se encontra mal e considera que non pode esperar ata que hai cita na axenda", sinalan.

Nos centros de saúde "sucede algo parecido", pero no lugar de peche de camas "hai peche de axendas" cando falta o profesional ausente (vacacións ou por enfermidade)

A situación da Coruña, explicada polo miúdo polos representantes de SOS Sanidade Pública, reprodúcese nas restantes Áreas Sanitarias. No hospital de Lugo, por exemplo, están pechadas 34 camas nunha das unidades de Medicina Interna, provocando unha saturación de traballo e pacientes nas unidades que permanecen abertas, denuncia CIG-Saúde.

SOS Sanidade Pública convoca unha concentración este xoves ás 20 horas no Obelisco da Coruña

SOS Sanidade Pública convoca unha concentración este xoves ás 20 horas no Obelisco da Coruña. No acto, presentado por Isabel Risco, a Plataforma convidará a falar aos catro grupos municipais para que expresen a súa opinión sobre o peche de camas, a situación da sanidade pública e o seu compromiso coa mesma. O acto pecharase coa lectura dun manifesto.

Protesta do persoal sanitario da Área de Vigo © CIG-Saúde
SOS Sanidade Pública denuncia que ducias de pacientes agardan ata dous ou tres días por unha cama Dominio Público SOS Sanidade Pública Coruña
Camas pechadas nun hospital público galego Dominio Público SOS Sanidade Pública Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.