Galicia volve mirar ao ceo no inicio da temporada de incendios

Incendio en Calo (Teo), o pasado luns © @Batallont15

Chega o día. Dende este 1 de xullo un dispositivo de máis de 5.700 persoas estará mobilizado en Galicia para actuar fronte aos incendios forestais. Como pórtico, nos dous últimos días de xuño o lume e o fume xa foron protagonistas en varias localidades do país como Boborás, onde xa arderon 100 hectáreas, Lobios, con 20 hectáreas, Sober, con 16 hectáreas ou Teo, onde arderon 55 hectáreas nun incendio que acadou o nivel 2 de alerta e no que varias vivendas estiveron en perigo. Neste contexto, o factor meteorolóxico preséntase de novo como clave mentres a Xunta di ter todo controlado e o persoal de extinción denuncia, unha vez máis, descoordinación e falta de medios.

O Goberno galego afronta a campaña de 2015 tras un 2014 no que as cifras oficiais din que o balance foi bo. As pouco máis de 2.000 hectáreas que arderon no pasado exercicio converten o 2014 no mellor ano da serie histórica -a Consellería de Medio Rural ofrece datos dende 1976-. Isto sucedeu tras dous anos relativamente bos se son considerados en perspectiva -en 2012 arderon algo menos de 16.000 hectáreas e en 2013, algo menos de 20.000- e despois dun 2011 notablemente negativo, no que o lume arrasou máis de 42.000 hectáreas.

No ano 2014 o balance dos incendios foi bo e as chuvias estiveron case un 20% por riba da media

No caso de 2014 o obxectivamente bo dato produciuse nun ano que, segundo Meteogalicia, as chuvias estiveron un 17% por riba do agardado e tras un 2013 no que a pluviosidade foi un 20% superior á media. Segundo o informe climatolóxico da entidade pública, tras unha primavera seca "no comezo do verán as precipitacións estiveron por riba do normal no oeste" de Galicia. Xullo foi "húmido" en xeral e "agosto e setembro" presentaron unhas chuvias "en valores normais". No entanto, o ano 2011, por exemplo, as chuvias estiveron un 22% por baixo do agardado e o balance dos incendios foi peor. Así e todo, no ano 2006, o peor en canto a incendios da última década, choveu un 8% por riba da media.

Datos coma estes fan que entidades como a Alianza Rural Galega -integrada pola CIG, a organización ecoloxista Adega ou responsables de montes comunais- veñan advertindo de que a climatoloxía segue sendo "o principal factor determinante" para que cada ano Galicia arda moito ou pouco. Os incendios, subliña esta organización, "son un conflito cunha fonda base social, sensíbel ás políticas sobre a xestión do territorio". "Cunha climatoloxía adversa", isto é, con temperaturas altas, vento forte e pouca humidade, "tanto teñen as medidas de extinción que artelle a Xunta, o monte seguirá ardendo".

O persoal denuncia improvisación e falta de medios, mentres Medio Rural proclama que a poboación "está en boas mans" ante a campaña de loita contra o lume

Mentres o persoal que está en primeira liña de loita contra o lume advirte unha vez máis de "improvisación" e de carencia de medios materiais, caso por exemplo dos helicópteros, a Consellería do Medio Rural nega esa "suposta falta de medios". A través da súa titular, Rosa Quintana, o departamento autonómico enxalza o seu propio labor ao asegurar que "Galicia é a comunidade na que máis esforzos se fan na loita contra o lume para ter un bo servizo de prevención e extinción". A poboación, afirma, pode estar "tranquila", porque "está en boas mans".

Estas declaracións danse tras unha década na que o número de incendios se reduciu moi notablemente no país. Así, por exemplo, os 1.232 rexistrados en 2014 foron o terceiro mellor resultado da serie histórica. A liña descendente comezou no ano 2006, que paradoxalmente presentou un mal resultado en canto a hectáreas queimadas. Tras o repunte de 2011, cando se superaron os 6.300 incendios, a tendencia seguiu á baixa. Os valores están, en calquera caso, lonxe dos que se rexistraban na década dos 90, cando chegaron a producirse máis de 15.000 incendios nun só ano.

Un incendio, visto dende un helicóptero de brigadistas © @Briflaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.