A tripulación e os restantes activistas do 'Marianne' poderían quedar libres este luns

Algúns dos activistas e tripulación que viaxaban no barco © Rumbo a Gaza

Ao longo deste luns poderían quedar libres todos os e as pasaxeiras e tripulación do Marianne de Gotemburgo, o barco da III Flotilla da Liberdade que a pasada semana foi asaltado en augas internacionais polo exército xudeo. Aínda que xa o pasado martes foron liberadas catro das 18 persoas que viaxaban no barco (Bassel Ghattas -deputado árabe do Parlamento israelí-, Ohad Hemo -xornalista israelí-, Moncef Marzouki -ex presidente tunecino- e a galega Ana Miranda), as restantes 14 permanecían ata esta fin de semana retidas no campo de Givon (Ramla). Nos últimos días algunhas delas comezaron a ser deportadas cara aos seus países de orixe, e espérase que este luns queden en liberdade as demais, segundo informa Rumbo a Gaza.

Entre as persoas retidas atopábanse seis cidadáns e cidadás suecas, dous canadianos, dous noruegueses, dous neocelandeses, un marroquí e un ruso. Dende o momento en que foron liberados ou deportados Bassel Ghattas, Ohad Hemo, Moncef Marzouki e Ana Miranda, as demandas de Rumbo a Gaza (a plataforma española de apoio á Flotilla da Liberdade) e das restantes organizacións internacionais que daban soporte a esta acción reivindicativa centráronse en pedir a liberación destas 14 persoas que aínda permanecían "secuestradas".

Ademais, a Coalición da Flotilla da Liberdade pide a devolución do barco, o Marianne de Gotemburgo, que segue retido no porto de Ashdod e que os gobernos do mundo, en especial os que tiñan cidadáns ou cidadás na embarcación, "condenen a violencia israelí contra cidadanía pacífica que avoga polos dereitos humanos do pobo palestino". Ademais, denuncian os métodos empregados polas autoridades xudeas durante a acción de abordaxe do barco, que se poden ven en varios vídeos que foron publicados nos últimos días.

Algúns dos activistas e tripulación que viaxaban no barco © Rumbo a Gaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.