Cáritas constata un incremento do 300% de persoas atendidas dende o inicio da crise

Acción reivindicativa de Cáritas © Cáritas Santiago

"Malia ao cambio de ciclo que insinúan os datos macroeconómicos, a precariedade segue manifestándose con grande intensidade nas persoas e familias máis empobrecidas", e as Administracións públicas deben "asumir a súa responsabilidade" ao respecto. Quen fala é José Anuncio Mouriño, director de Cáritas na diocese de Santiago de Compostela, que abrangue a capital galega e a súa contorna ademais de cidades como A Coruña e Pontevedra e vilas como Vilagarcía e cadansúas áreas de influencia. A institución vén de presentar a súa memoria correspondente ao ano 2014 e nela non se advirten motivos para proclamar a fin dunha crise dende cuxo inicio, ubicado en 2007, o número de persoas atendidas aumentou en 46.711 persoas, case un 300%.

Malia non atinxir a toda Galicia a radiografía ofrecía por Cáritas Santiago é dabondo ampla como para ser imaxe fiel da realidade de boa parte do país. As persoas que pasaron polos seus servizos durante o pasado ano foron 73.736, un 4% menos que un ano antes pero, advirten, a levísima diminución non implica que haxa menos necesidades. Ao contrario. Quen acuden fanno con cada vez máis problemas que atender -dende vivenda a hixiene a pagamento de recibos, por exemplo- e, ademais, ao longo do pasado exercicio abriron 1.407 novos expedientes.

O perfil máis común é o dunha muller de entre 30 e 50 anos e a poboación migrante é menos do 20% da atendida

As estatísticas que manexa a organización ofrecen, ademais, un retrato das persoas atendidas que convida a fuxir dos tópicos. Os valores medios indican que o perfil máis común é o dunha muller de entre 30 e 50 anos con fillos, estudos primarios, sen emprego e cunha vivenda alugada. A realidade tamén desmonta outro lugar común: o 81,30% das persoas que pasaron polos servizos de Cáritas Santiago durante o pasado ano tiñan nacionalidade española, polo que o peso da poboación migrante é de apenas o 18%. Asemade, dende Cáritas sublíñase outra cifra a ter en conta: o 12% das persoas que precisaron da súa axuda "tiña traballo".

Cáritas destaca que dende o inicio da crise as achegas da Xunta descenderon un 70%

Todo este labor, destacan, véñena realizando cuns recursos económicos que, no caso do último ano, estiveron compostos nun 56% de "fondos propios da entidade", entre os que destaca o incremento de "doazóns, herdanzas, legados, colectas e socios" como capítulo máis importnte, cun "incremento do 9% a respecto do ano anterior". Mentres, lamenta Mouriño, dende o inicio da crise económica as achegas da Xunta descenderon un 70% que, cando menos de momento, non se ve paliado polos anuncios en clave social que o goberno galego, destaca, vén realizando "dende despois do 24M". "O destino fundamental" destes cartos foron "necesidades básicas: alimentación, vivenda, gastos sanitarios e pago de recibos".

Indicadores económicos que "ocultan as persoas"

Cáritas Santiago ofrece estes datos nun contexto no que non aforra críticas cara ao xeito no que os gobernos amosan a suposta recuperación económica. "En función dos indicadores de crecemento económico elixidos obtemos unha imaxe parcial ou mesmo distorsionada da sociedade" se "nos achegamos á realidade social unicamente a través de indicadores alleos ás persoas". Centrar a atención unicamente nas cifras 'macro', consideran, leva a "desentendernos dos que máis sofren", a "ocultar, invisibilizar e en ocasións, mesmo culpabilizar os máis desfavorecidos". "O verdadeiro desenvolvemento -resaltan- constrúese dando prioridade á vida digna de todos" e "as actuais cifras de desigualdade, pobreza, privación material e exclusión social configuran un devir social que exclúe a moitos".

A entidade apela a "afrontar as consecuencias estruturais da pobreza": "Non é certo nin asumible que non se poida facer nada máis"

Neste contexto Cáritas apela a "avaliar acción política tendo en conta o impacto sobre indicadores" coma estes, "prestando especial atención ás políticas que contribúen ao auténtico desenvolvemento: sanidade, educación, emprego, redistribución da riqueza" e tamén "garantía de ingresos", xa sexa pola vía das pensións ou das rendas mínimas garantidas. "Afrontar as consecuencias estruturais da pobreza" require, ao seu xuízo, "poñer en marcha políticas redistributivas concretas", e implica "un novo contrato social baseado en dereitos" que debería comezar por "superar a discrecionalidade do asistencialismo" para "asumir a cohesión social como principio fundamental". "Non é certo nin asumible que non se poida facer nada máis que o que se está a facer", conclúen, para instar a construír un "verdadeiro desenvolvemento dende o ben común".

Presentación da memoria de Cáritas Santiago © Cáritas Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.