0 Gardados para despois

Un percorrido polos campos de concentración franquistas de Padrón, Muros, Lousame e o Barbanza

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Francisco Martínez, Quico, un dos últimos guerrilleiros vivos, participará no III Seminario sobre a memoria: A guerrilla e os campos de concentración, que se celebrará en Melide e Rianxo os vindeiros 1, 2 e 3 de xuño de 2012.

O seminario, organizado polos departamentos de Ciencias Sociais do IES “Félix Muriel” de Rianxo, e do IES Melide, e por Nova Escola Galega, incluirá unha parte téorica, formada por palestras e debates, e tamén un percorrido polos lugares nos que estaban os campos de concentración franquistas en Padrón, Lousame, Muros e o Barbanza. Tamén se visitarán as minas de San Finx, en Lousame, significativas pola súa resistencia fronte ao golpe de estado de 1936. Haberá, igualmente, proxeccións de documentais e o sábado 2 de xuño descubrirase unha placa de homenaxe á escola da República, nun acto organizado polo Concello de Rianxo.

Ademais de Francisco Martínez, Quico, intervirán no Seminario o especialista na resistencia antifranquista Xaquín Yebra e os estudosos dos períodos da II Republica e o Franquismo no Barbanza Xesús Costa e Xesús Santos. 

Quico participou activamente nas actividades guerrilleiras, a cabalo entre Galicia e León, na partida de Girón, desde os 17 anos, e conserva unha lucidez e axilidade física extraordinarias que lle permiten seguir sendo unha testemuña de primeira man, absolutamente fundamental para o coñecemento e a análise do papel da guerrilla na loita contra a ditadura. Vén de publicar a obra Guerrillero contra Franco, guerrillero contra el olvido.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.