Vigo: Vellas necesidades, novos usos

Antigo centro de especialidades de Coia, pechado © Google Maps

O blog Alicerces reflexiona neste post sobre a posibilidade de aproveitar o antigo ambulatorio de Coia, sen actividade, para novos usos sociais e culturais

Pese a todas as motos que dende a Praza do Rei queren vendernos, a oferta institucional de cultura nesta cidade é magra, escuálida, e xa non Santiago, senón noutras vilas da nosa contorna como Redondela ou Pontevedra están a anos luz do que temos en Vigo

É que é mirar as programacións culturais de cidades veciñas, e automaticamente enfurruñarnos. Pese a todas as motos que dende a Praza do Rei queren vendernos, a oferta institucional de cultura nesta cidade é magra, escuálida, e xa non Santiago, senón noutras vilas da nosa contorna como Redondela ou Pontevedra están a anos luz do que temos en Vigo, onde temos que conformarnos coa versión 2.0 dos Coros y Danzas ou cos Hombres G e similares.

Os investimentos en cultura non son facilmente dixeribles por parte da cidadanía, se os confrontamos cos resultados. É a maxia dos números: pódennos dicir que están a dedicar uns cartos xenerosos para cultura, e non mentir.

Un exemplo: o Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo gasta 230.000 euros en decorar medianeiras da cidade (pódese ver o orzamento na acta da Xunta do Goberno Local do 9 de xaneiro de 2015), actuación que xa foi obxecto dunha atinada crítica polos compas de Xentrificación en Vigo, mentres que, por poñer un exemplo non moi afastado, o Festival Internacional de Títeres de Redondela ten un orzamento anual duns 70.000 euros, cartos cos que se artella un festival cun alto impacto na cidadanía (que ademais é protagonista, non só receptora pasiva) e nos medios de comunicación.

Como pasa noutros ámbitos da nosa cotidianidade, rematou o tempo para que nos dean as cousas feitas. Teremos que construílas nós.

Para isto é recomendable ollar para fóra, comprender que hai vida intelixente máis alá do alto de Puxeiros. Pese ao bombardeo goebbelsiano de que vivimos nunha cidade fermosa, temos que deixar de mirar para o noso embigo, levantar a vista, e buscar experiencias culturais paridas dende a cidadanía e non dende unhas institucións que teñen unhas necesidades e arelas diferentes ás da sociedade.

Na nosa cidade, os barrios padecen un déficit de equipamentos e actuacións culturais. A situación no noso barrio, Coia, agrávase porque esta falta de respostas ven de lonxe, tras anos de reivindicación veciñal dun centro cultural

Non é preciso ir ata Berlín e copiar o modelo de okupación e reaproveitamento social dun aeroporto en desuso, temos exemplos máis próximos como Can Batlló, Válcarcel, ou en A Coruña, Proxecto Cárcere.

Na nosa cidade, os barrios padecen un déficit de equipamentos e actuacións culturais. A situación no noso barrio, Coia, agrávase porque esta falta de respostas ven de lonxe, tras anos de reivindicación veciñal dun centro cultural. A maiores, o paso do tempo está a engadir problemas nos espazos que ata o de agora mal-cumprían esa función. Por exemplo nos centros dependentes da antiga Caixa de Aforros de Vigo, nos cales fica de manifesto o desinterese da nova cúpula da agora Abanca por uns equipamentos que dan servizo a unha parte da poboación xubilada de Coia. E o que xa clama ao ceo é a inexistencia dunha biblioteca pública no barrio máis populoso da cidade.

Imos soñar… A apertura do novo Hospital Álvaro Cunqueiro deixa na rúa Porriño un edificio que ben podería ser reorientado para funcións socioculturais

Imos soñar… A apertura do novo Hospital Álvaro Cunqueiro deixa na rúa Porriño un edificio que ben podería ser reorientado para funcións socioculturais. Falamos do antigo ambulatorio de Coia que vai ficar sen actividade ao trasladarse as especialidades a dependencias do novo hospital. Podería reconverterse o inmoble nun espazo ao servizo da veciñanza: biblioteca, espazo creativo, local para asociacións e colectivos, centro de recuperación da memoria do barrio, laboratorio tecnolóxico, centro de día… poderían ser algúns dos usos. E de certo que moitos máis aparecen se dialogamos, debatemos sobre as nosas necesidades.

Antigo centro de especialidades de Coia, pechado © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.