Así pode afectar a nova Lei de Montes á loita contra o lume

Monte arrasado polo lume CC-BY-SA Susete

O pasado 7 de xullo o Congreso aprobou (cos votos de PP, UPyD e UPN) a reforma da Lei de Montes, que databa de 2003. A nova norma, que entrará en vigor en outubro, introduce numerosos cambios que afectan á xestión da superficie forestal, que representa o 54% dos territorio en España e ata o 68% en Galicia.

Entre as modificacións, unha das máis comentadas é a que afecta ao mantemento do carácter forestal dos terreos queimados. Segue prohibido "o cambio de uso durante 30 anos nun terreo incendiado", pero neste artigo 50 introdúcense dúas novas excepcións. Dise que "con carácter excepcional as comunidades autónomas poderán acordar o cambio de uso forestal cando concorran razóns imperiosas de interese público de primeira orde que deberán ser apreciadas mediante lei". E, ademais, "no caso de que esas razóns imperiosas de primeira orde correspondan a un interese xeral da Nación, será a lei estatal a que determine a necesidade do cambio de uso forestal".

Así pois, a Xunta poderá cambiar o uso dos montes queimados, unha posibilidade que dende que se coñeceu hai uns meses espertou as críticas de grupos ecoloxistas e forzas da oposición. A reforma da Lei de Montes non aclara nin especifica cales son esas "razóns imperiosas de interese público" que abrirían a porta a unha recualificación, polo que será necesaria unha lei autonómica que as defina. Entre 2001 e 2013 tan só o 0,15% dos incendios foi provocado para obter unha modificación no uso do solo, lembran dende España en llamas. Porén, Laura Seara (portavoz adxunta do Grupo Socialista na Comisión de Medio Ambiente do Congreso) denuncia que na reforma legal "o interese público de primeira orde queda ao xuízo discrecional dos gobernos. Aquí está a trampa, en lugar de dicir 'recualificación', din 'cambio de uso forestal'".

A Lei de Montes 43/2003 foi moi importante no seu momento, ao establecer a prohibición do cambio de uso do solo queimado durante os 30 anos posteriores a un incendio forestal

De igual xeito, Iñaki Varela (Verdegaia) salientaba hai uns meses que a lei "debe evitar calquera fenda", sinalando que a modificación do artigo 50 "non se fai porque si" senón que "cando un fai unha lei e deixa aberta unha porta, é para pasar por ela". Pola súa banda, Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) sinala que “o termo interese público de primeira orde é confuso e pode ser interpretado de maneira distinta”. En todo caso, Pereira destaca que “o monte veciñal está máis protexido xa que, por ter un carácter singular e ser interese público, para proceder a un cambio de uso precisaría un acto de prevalencia”.

A Lei de Montes 43/2003 foi moi importante no seu momento, ao establecer a prohibición do cambio de uso do solo queimado durante os 30 anos posteriores a un incendio forestal. A norma chegaba tarde, iso si, para evitar cousas coma a sucedida en Benidorm: en 1992 un incendio arrasou 450 hectáreas de bosque, un terreo recualificado sobre o que despois se construiu o parque temático Terra Mítica, unhas obras iniciadas en 1997 e concluídas no 2000.

Si conseguiu paralizar outro controvertido proxecto, o da pista de esquí seco en Tordesillas (Valladolid) cun custe de 12 millóns de euros, construída en 2006 sobre un terreo queimado en 1999, algo que a lei impedía. O Goberno de Castela e Léon aprobou unha norma ad hoc para levar a cabo esta ocorrencia, pero Ecologistas en Acción foi quen de parar as obras e a lei no Tribunal Constitucional. Coa entrada en vigor da nova Lei de Montes, todo este proceso podería ter sido legal, xa que a nova redacción obriga precisamente a aprobar por lei o cambio de uso de solo, algo que fixo Castela e León, destaca España en llamas.

No artigo 58.4 o Ministerio do Interior introduciu unha nova redacción para dotar de maiores competencias ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado á hora de investigar os delitos por incendios en detrimento dos poderes dos axentes forestais

Así mesmo, no artigo 58.4 o Ministerio do Interior introduciu unha nova redacción ampliada para dotar de maiores competencias ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado á hora de investigar os delitos por incendios en detrimento dos poderes dos axentes forestais, segundo denuncian estes e a oposición política. "Agora os axentes forestais poderán comezar o atestado, pero quedan subordinados á Garda Civil se esta intervén" -denuncia a propia Laura Seara- "Hai un ruxeruxe de que isto está asociado tamén á privatización da seguridade dos montes". Coa nova lei, denuncia un axente forestal representante de UGT, "a Garda Civil poderá chegar e dicirme que lle entregue os datos da investigación dun incendio porque dirá que eu son o seu auxiliar. Nós estamos encantados de colaborar, pero non imos ser subordinados de ninguén porque iso vai en detrimento de a calidade da investigación dos delitos ambientais".

Incendio en Arcos (Manzaneda) Dominio Público Praza Pública
O Monte Pindo, despois do incendio © Asociación Monte Pindo Parque Natural
Imaxe dun incendio desde o aire Dominio Público @BrifLaza
Efectos do lume nunha zona do Baixo Miño © Alberte Pereira
Monte arrasado polo lume CC-BY-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.