Máis de 60 colectivos apoian a manifestación contra as touradas de Pontevedra

Presentación da manifestación, o pasado sábado © Touradas fóra de Pontevedra

O vindeiro sábado 8 Pontevedra vivirá unha nova manifestación antitouradas, como xa vén sendo habitual no comezo de agosto, en vésperas do inicio da Feria de La Peregrina. Unhas mobilizacións que ano tras ano congregan máis persoas (ao redor dun milleiro o pasado ano) e son apoiadas por máis colectivos. Se en 2014 foron 80 as organizacións e entidades que apoiaron a marcha, neste 2015 son xa 60 os grupo que o fan e a plataforma Touradas Fóra de Pontevedra espera que ao longo desta semana se iguale e mesmo se supere a cifra do pasado ano. A manifestación partirá ás 20 horas da Praza da Peregrina.

Touradas Fóra de Pontevedra, que presentou a marcha nunha rolda de prensa celebrada ante o recinto taurino de San Roque, destaca que esta nova mobilización "está marcada polos avances no eido antitouradas que se deron no último ano, especialmente após as eleccións municipais", sinalando que "A Coruña e Sarria deixan de albergar touradas mentres que a Deputación de Pontevedra, principal valedora do lobby taurino nas últimas décadas, deixará de subvencionar a feira taurina de agosto".

A fin do convenio que o Concello mantén cos empresarios propietarios da praza de touros e organizadores da feira sitúase "como un dos eixes principais desta nova mobilización", destacan dende Touradas Fóra de Pontevedra. "Solicitamos o Concello de Pontevedra que volte a ser referencia na quita de privilexios ao lobby taurino e que, polo tanto, suprima o convenio coa praza mediante o cal estes reciben 45.000 anuais para o uso do coso de San Roque por parte da institución municipal", sinalan.

Borxa González, un dos voceiros da Plataforma, destacaba en entrevista con Praza a pasada semana que "cando o BNG entrou no goberno de Pontevedra tomou unhas medidas moi importantes: eliminou a compra de entradas e as subvencións directas, a publicidade, a asistencia institucional... Houbo un compromiso moi importante que agora están ratificando na Deputación". Porén, a Touradas Fóra de Pontevedra esíxelle a fin do actual convenio de 45 mil euros anuais polo aluguer do recinto, xustificado para acoller nel o torneo medieval da Feira Franca. "É certo que a subvención deriva dun uso da praza distinto ao das touradas, pero é obvio que o empresariado vai usar eses cartos para a organización das touradas", sinalaba, engadindo que "nun momento no que o lobby taurino está sendo afogado economicamente é moi necesario revisar ese convenio e suprimilo definitivamente" e que "é unha cantidade sen a cal seguirá habendo touradas, pero que contribúe a que estas touradas se sigan celebrando".

Nun artigo o propio Borxa González pedíalle igualmente ao Goberno local que "estude, en virtude da titularidade pública dos terreos onde se asentou primitivamente a praza, un futuro alternativo para a mesma a longo prazo, que para nós pasa pola súa reconversión". O pasado ano Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fondation Franz Weber presentaron unha proposta para que as instalacións, hoxe case sen uso, acollan todo tipo de actividades culturais, proxectos artísticas e iniciativas empresariais emprendedoras, seguindo o exemplo de Barcelona, Tarragona ou Cartagena.

González celebraba, ademais, o acordo acadado na Deputación de Pontevedra por PSdeG-PSOE e BNG para suprimir as axudas económicas ás touradas: "O acordo ao que se chegou é importantísimo porque a Deputación era o gran valedor do lobby taurino e da feira, non só pola asistencia do presidente, senón sobre todo pola publicidade que se poñía do Patronato de Turismo das Rías Baixas". "O acordo pon fin ao principal valedor económico das touradas en Pontevedra, e polo tanto isto vai servir para debilitar moitísimo o lobby taurino. Este ano xa a feira ten unha corrida menos, e o ano pasado non conseguiron encher a praza ningún día, tiveron metade de entrada case sempre. Sen as subvencións a longo prazo seralles inviable manter o actual programa", concluía.

Un momento da rolda de prensa © Touradas fóra de Pontevedra
Cartaz da manifestación deste sábado © Touradas fóra de Pontevedra
Manifestación contra as touradas, o pasado ano en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.