As galegas que lles deron volume aos berros marroquís

O grupo no centro de saúde de Ain Sfa, Oujda (Nador) CC-BY-SA Praza Pública

Co recendo a couscous no nariz, o pó do rural nas sandalias e unha morea de aprendizaxe ás costas volveron de Marrocos as comunicadoras galegas Paula Vázquez, Tamara Novoa e Antía Otero. O verán non foron vacacións para elas pois a súa participación no V Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional, organizado pola Asociación Galega de reporteiros Solidarios e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz, desembocou na experiencia en campo que puideron vivir no norte marroquí. O obxectivo da iniciativa é a sensibilización dos profesionais da comunicación sobre o seu importante papel na consecución dun mundo máis xusto.

Durante oito días pasearon de Nador a Tánxer cunha axenda ben repleta. Mantiveron reunións con Loubna Zougagh, residente dunha comunidade rural; Sana Saamal, do centro de saúde de Ain Sfa, Mohamed El Andalousi, do colectivo ecoloxista Azir e tamén compartiron experiencias con Najib Bachiri, o presidente da ONG Homme et Environnement. Todo isto plasmárono nun blog da viaxe, tanto con artigos como con contidos audiovisuais.

A importancia do terreo

Decote parécenos que sabemos cousas, pero un non ten consciencia plena delas, ata que as vive. Aí radica a importancia de facer xornalismo en terreo, de soltar o computador e as notas de prensa e baixar á realidade. Para Vázquez "a experiencia en terreo supuxo un cambio para min na forma de ver as cousas e, sobre todo, no interese que me suscitan agora certos temas como o da cooperación internacional". Para Novoa a estadía en Marrocos "reafirmou" a súa vocación. "Estudei xornalismo para facer este tipo de xornalismo e sair aí fóra, coñecer esa xente e as súas historias dáche a forza necesaria para continuar intentándoo". Otero afirma que na viaxe tomou "consciencia da importancia que ten o papel das comunicadoras no eido da cooperación. O contacto directo coas persoas que traballan na eliminación das desigualdades sociais permite coñecer mellor a súa realidade e así transmitirlla ao público". Sostén que "durante a estadía, tivemos a oportunidade de coñecer a persoas moi interesantes coas que mantivemos intensas conversas. Froito delas preguntáronnos en máis dunha ocasión E vós con isto que ides facer?. Para min a conclusión máis importante desta experiencia é que nós temos o deber de darlle volume aos seus berros.

O contacto directo coas persoas que traballan na eliminación das desigualdades sociais permite coñecer mellor a súa realidade e así transmitirlla ao público

O uso da linguaxe e o tratamento dos temas é fundamental no xornalismo social e a cooperación. Otero explia que en Comunicación Audiovisual non tivo "ningunha materia que nos formase na visibilización de problemáticas sociais ou no tratamento das mesmas. Parece que pesan máis os intereses económicos que o compromiso social". Nóvoa é máis optimista e cre que "existen boas prácticas pero que é necesaria unha formación específica neste campo ao longo da carreira. Hai medios e xornalistas que tratan moi mal a información social, pero están a xurdir moitos outros que teñen unha maior sensibilidade con estes temas e iso é bastante alentador". Para Vázquez "cursos coma o de Xornalismo Social e Cooperación Internacional son moi necesarios".

A situación da muller

Na sociedade patriarcal marroquí, especialmente nas zonas do rural, ser muller non é sinxelo. A mulleres seguen estando moi relegadas ás súas casas. Vázquez conta que "no mercado de peixe de Tansamane, en Nador, só había homes e o vicepresidente da comuna díxonos que aínda está mal visto que  muller comparta espazo público co home". Ao fío disto engade que "en Tánxer tivemos a oportunidade de visitar unha cooperativa téxtil onde as mulleres gañan independencia conómica ós poucos. Todas elas son mulleres cun baixo nivel conómico e en risco de exclusión social, pero con traxectoria persoais moi semellantes que as levaron a buscar unha saída laboral que lles permitise sacar adiante ás súas familias". Nóvoa cre que "a situación da muller marroquí é mellor ca das mulleres de outros países árabes. Pero é certo que aínda hai espazos nos que non se lles ve". Engade que "é de resaltar o papel que están a xogar algunhas ongs locais para empoderar a muller e que gane independencia económica". Otero sostén que "ao igual que en Occidente, queda moito por transformar na sociedade. As mulleres marroquís vense obrigadas a soportar todo tipo de acoso na rúa, posúen unha alta taxa de nalfabetismo, carecen do dereito ao aborto libre e poden ir á cadea por manter relacións sexuais con outras mulleres". A xornalista matiza que "lonxe de vitimizalas, debemos recoñecer e respectar a súa loita. Entender os seus tempos e os seus medios".

As mulleres marroquís vense obrigadas a soportar todo tipo de acoso na rúa, posúen unha alta taxa de nalfabetismo, carecen do dereito ao aborto libre e poden ir á cadea por manter relacións sexuais con outras mulleres

A percepción xeral da sociedade para Otero é a de que está "limitada por unha monarquía de fachada progresista pero de fondo conservador. Aínda que se estean promulgando leis na defensa dalgúns dereitos fundamentais, non se están pondo os medios necesarios para a súa posta en práctica". Nóvoa sostén que tamén lle chamou a atención "o poder do rei porque aínda que teñen un goberno electo democraticamente o rei ten a última palabra en toda decisión. A presencia de Mohamed en todos os espazos (co seu retrato) tamén me pareceu, como mínimo, gracioso". Vázquez sostén que o que máis lle impactou socialmente foi "a hospitalidade. É xente moi acolledora". As súas compañeiras concordan.

As tres sosteñen que lles custa quedar con algunha das experiecias que viviron ou cun dos proxectos que visitaron pero xa ninguén pode quitarlles a vivencia de ter desenvolto o xornalismo vivo, o de verdade, o de coñecer persoas e contar as súas historias e as do seu medio. O de destapar desigualdade e sacudir o pó das cuestións de xénero. E todo nunha sociedade complexa e poliédrica como a marroquí. 

A comunicadora audiovisual Antía Otero CC-BY-SA Praza Pública
A xornalista Paula Vázquez CC-BY-SA Praza Pública
A xornalista Tamara Novoa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.