A Audiencia de Lugo ordena reabrir o caso da moza falecida por un desprendemento nas Catedrais

As Catedrais, coa marea alta © Turgalicia

Nos últimos anos a masificación turística da praia ribadense de Augas Santas, As Catedrais, dera lugar a numerosas alarmas pola banda do Concello da vila mariñá e de numerosas voces expertas na conservación desta contorna natural. Fora neste contexto no que a Xunta dera en estipular límites ás visitas mentres, non obstante, se gababa do gran incremento no número de turistas que se achegaban á praia. O inicio deste novo sistema estivo marcado por un accidente: un dos desprendementos de rochas habituais na zona acabou coa vida dunha moza xusto na zona na que un informe encargado polo propio Goberno galego advertira de "risco extremo" de que isto podería suceder.

Alén da conmoción na zona e da petición de explicacións no ámbito político, o acontecido tivo tamén unha vertente xudicial que un xulgado de Mondoñedo deu por pechado o pasado xuño, arquivo da causa que confirmou tras un recurso da familia da moza falecida. Non existían indicios de condutas delituosas, sinalou. Así e todo, os familiares decidiron recorrer a unha instancia superior, a Audiencia Provincial de Lugo, que nun auto ditado o pasado día 20 ordenou reabrir a causa.

A Audiencia lucense ordena citar como investigados a dous vixiantes da praia e "averiguar" os "lugares e horas concretas" dos desprendementos

A xuízo da sección segunda da Audiencia lucense, "antes de adoptar calquera decisión que poña fin á investigación", mesmo de xieto provisional, é "prudente concretar determinados datos que poidan permitir adoptar unha resolución que supoña un pronunciamento máis seguro" no que atinxe a posibles "responsabilidades" sobre o acontecido. Neste sentido, a Sala ve "preciso" que a Garda Civil "realice a correspondente investigación" e tome declaración como investigados -antiga imputación- a dous vixiantes, entre outras comprobacións. Require ademais "averiguar", se é posible, "os lugares e horas concretas nas que se produciron os correspondentes desprendementos" e "cando se realizaron os avisos" sobre os riscos da zona.

Un estudo xeolóxico encargado pola Xunta advertira de "risco extremo" de desprendementos na zona de Augas Santas onde morreu a moza

Unha vez realizadas estas dilixencias, e outras que o xuíz instrutor considere "procedentes" ou poidan "xurdir" durante a investigación reaberta, será o momento de "concluír o que considere procedente". Pero "neste momento inicial", agrega, "non procede" arquivar o caso sen maiores pescudas.

Reábrese así un caso que, no referido aos desprendementos, aborda na vía xudicial o que os xeólogos e profesores da Universidade da Coruña Juan Vidal Romaní e Tania Cotelo xa estudaran no ámbito académico por encargo da Consellería de Medio Ambiente. Como informou Praza.gal, no seu Estudo das posibles consecuencias do ascenso do nivel do mar nos procesos erosivos dos cantís no monumento natural da praia das Catedrais, Romaní e Cotelo advertiran de "distintos tipos de desprendemento" e anexaran mapas nos que "aparecen zonas de risco grave". "Precisamente -aclarara Romaní a este diario-, a zona onde morreu a muller era de risco extremo".

Desprendemento de rochas desde o teito dunha cova nas Catedrais © Vidal Romaní / Tania Cotelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.