A avespa asiática xa se estende por toda Galicia agás nas zonas de alta montaña

Exemplar de avespa velutina CC-BY-SA Danel Solabarrieta

Foi un problema que chegou e non se detivo desde que en 2012 se avistasen os primeiros exemplares da avespa velutina. A proliferación desta especie en Galicia provoca a redución da biodiversidade -nomeadamente pola afectación nas abellas-, causa serios prexuízos económicos no sector apícola e froiteiro e crea riscos de picaduras e inseguridade cidadá. Presente oficialmente en máis de 200 concellos galegos e con avistamentos na maioría deles xa neste 2017 segundo os últimos datos facilitados pola Xunta, expertos advirten da súa expansión por toda a xeografía galega, agás en zonas altas do Courel, os Ancares ou o Macizo Ourensán, as únicas inmunes a tal hora.  

A avespa velutina esténdese xa por todos os concellos galegos agás nas zonas altas do Courel, os Ancares ou o Macizo Ourensán

Así o advirte a plataforma Stop Velutina, formada por uns trinta colectivos e organizacións, que este martes volveu reclamar á Xunta a súa "implicación" na loita contra esta avéspora asiática, especie exótica invasora que leva anos provocando dores de cabeza a administracións e cidadanía. Tal e como aseguran, algúns exemplares foron avistados ultimamente en concellos de montaña onde nunca apareceran, como na Fonsagrada a pasada Semana Santa. "A avespa velutina está fóra de control malia os esforzos denodados de particulares e asociacións apícolas por frear a súa expansión e os abondosos danos en apiarios e froiteiras", lamentan. 

"A avespa velutina está fóra de control", advirte a plataforma Stop Velutina, formada por uns trinta colectivos

Milleiros de trampas, maior concienciación dos particulares advertindo da presenza de niños, sistemas máis eficaces desenvolvidos por apicultores na Mariña... Son variados os intentos ante un problema que ve reducido o seu impacto nalgunhas zonas pero que veu para quedar. Mentres, en varias universidades galegas trabállase na procura do mellor método contra a avespa asiática. Na Universidade de Vigo e en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura (AGA), búscase a obtención da mellor fórmula evitando danar outros insectos autóctonos, ademais da captura de ducias de milleiros de raíñas, que servirán para a súa análise e para reducir o impacto da especie invasora. Está coordinado por Sandra Rojas, doutora en Bioloxía do Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación na Universidade.

Na Universidade de Santiago de Compostela, grazas a un convenio asinado  coa Deputación da Coruña, un equipo multidisciplinar estuda estratexias alternativas baseadas na "loita biolóxica" contra a especie invasora. Xa que logo, e tendo en conta a hipotética vulnerabilidade da vespa asiática a certos parásitos de himenópteros galegos, búscase controlar a praga a través da inoculación de parásitos autóctonos. De parásitos de avespas, abellas ou abellóns do país.

Investigadores das universidades de Vigo e Santiago traballan en alternativas baseadas na "loita biolóxica" a través de parásitos e feromonas que actúen contra a avespa asiática

No fondo, o obxectivo común é dar cunha feromona que afecte só ás velutinas, que sexan quen de atraelas unicamente a elas, evitando que outros insectos autóctonos, como se comproba en calquera trampa caseira, acaben tamén morrendo. A redución de especies propias en Galicia é palpable en calquera zona rural especialmente afectada pola avéspora asiática, como A Mariña, o Ortegal, Ferrolterra ou o Baixo Miño. 

A plataforma Stop Velutina, co seu escrito rexistrado na Xunta, alude ao decreto dobre Especies Exóticas Invasoras aprobado polo Ministerio de Agricultura para botar man da normativa xa vixente. Así, esixe ás administracións galega e estatal que impulse a investigación, promova a loita preventiva, faga labores de divulgación e cree un "organismo único" para xestionar esta "situación de crise". 

A plataforma reclama ás administracións máis investigación, máis medios, loita preventiva, divulgación e coordinación

Desde a plataforma pídese que se insista na "loita biolóxica" e en impulsar e subvencionar estudos orientados a "descubrir unha feromona ou outras substancias que sexan inocuas para o medio ambiente, pero quen de provocar a morte das colonias de avespa velutina sen ocasionar danos nos ecosistemas". Ademais, reclaman un esforzo na prevención a través do trampeo e piden tanto ao Ministerio de Agricultura como á Consellería de Medio Ambiente que asuman este traballo, lembrándolles que "coa captura de cada avespa raíña en primavera, antes de que cree unha nova colonia, evítaseo nacemento de entre 15.000 e 18.000 novas avespas". Sendo o trampeo o máis eficaz, os colectivos piden "coordinación e planificación" por parte das administracións e medios suficientes para que a efectividade sexa maior. 

En relación a isto, a plataforma reclama tamén que se cree un "organismo único de xestión" especializado. Na actualidade, en Galicia hai unha Comisión de Seguimento para a Velutina da que forman parte tres consellarías e a Federación Galega de Municipios e Provincias, pero o colectivo reclama unha coordinación única, dotación orzamentaria e a inclusión das asociacións apícolas no organismo. 

Ademais, avogan tamén pola "divulgación", difundindo o máximo posible de inormación sobre a avespa velutina para que a sociedade axude á súa erradicación, sobre todo no que ten que ver cos labores de detección e trampeo. 

Membros da plataforma entregan o documento no rexistro da Xunta © Stop Velutina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.