A chuvia arrastra no Courel cinza dos incendios do outono

Cinza arrastrada pola chuvia no Courel © Caurel Vivo

As fortes treboadas do pasado domingo e a intensa chuvia caída no Courel provocaron o arrastre de cinza, que tinxiu de gris camiños, leiras e o propio río Lor, uns aluvións de terra queimada que xe produciu noutras ocasións durante o inverno. O pasado mes de outubro un incendio arrasou 140 hectáreas en Meiraos. Porén, segundo denuncia Caurel Vivo, "a única actuación que levou a cavo a Xunta foi botarlle dous tráilers de palla para beneficio de algúns". Ademais, isto fíxose en decembro, case dous menos despois dos incendios, un atraso que xa foi denunciado no seu momento pola formación.

Óscar Carrete, voceiro de Caurel Vivo en Folgoso, critica que "o Concello e a Xunta non fan prevención ao longo do ano". "Non só é culpa do incendiario. Concello e Xunta teñen o deber de facer prevención", di. "Onde están as faixas de protección ao redor das aldeas, como manda a lei? Onde está o desbroce ao lado das pistas e estradas e a limpeza de cunetas? Onde están esas 30 medidas anunciadas pola Xunta de Galicia?", pregúntase. Carrete conclúe desexando "que sexa un verán tranquilo que supla a incompetencia das administracións".

 

Cinza arrastrada pola chuvia no Courel © Caurel Vivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.