A Coruña porá en marcha unha Escola de Empoderamento Feminista

Rocío Fraga, concelleira de Igualdade da Coruña © Concello da Coruña

O goberno local da Coruña anunciou este martes que iniciou os trámites para a posta en marcha da Escola de Empoderamento Feminista, un programa municipal anual que ten como obxectivo "a formación da cidadanía, a través da apertura de procesos democráticos que favorezan unha maior participación activa das mulleres", ademais da mellora da incidencia política para a igualdade e a inclusión das diversidades nos diferentes ámbitos da vida da cidade.

A Escola pretende "alentar unha maior participación activa das mulleres e a inclusión das diversidades en todos os ámbitos"

En definitiva, a Escola pretende "alentar unha maior participación activa das mulleres e a inclusión das diversidades en todos os ámbitos". Con "vocación de estabilidade", a Concellería de Igualdade e Diversidade abrirá axiña o proceso de licitación para a elaboración dos contidos e das actividades deste novo programa, que incluirá xornadas e cursos, obradoiros, clubs de lectura ou cine-fórums. Todos eles co obxectivo de "afondar nos aspectos socioeduciativos  e de sensibilización arredor da igualdade, a diversidade e a perpectiva feminista como eixo de transformación social", tal e como destacou a concelleira da área, Rocío Fraga.

O orzamento destinado será de preto de 17.000 euros e as propostas que concorran ao concurso deberán incluír o deseño das diferentes liñas que se desenvolverán e na que estarán presentes cuestións como as identidades de xénero e as subxectividades e diversidades; a teoría dos movementos sociais en relación ao feminismo; os dereitos humanos no enfoque das relacións e convivencia das diversidades; o empoderamento vital e o empoderamento colectivo; ou os liderados transformacionais para unha vida libre de violencias. 

Tal como pon de relevo a concelleira de Igualdade e Diversidade, todas as accións procurarán, con carácter xeral, ser "participativas, interactivas e creativas, e potenciar o respecto e as habilidades comunicativas cara a actitudes tolerantes".

Ademais, as licitadoras deberán integrar o principio de igualdade, garantindo o enfoque de xénero en todas as actividades propostas e o uso non sexista da linguaxe a través da utilización da linguaxe inclusiva. Tamén serán contemplado como requisito que a adxudicataria conte cun mínimo do 50% de mulleres para a execución do contrato.

Rocío Fraga, concelleira de Igualdade da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.