A Coruña únese ás cidades nas que o bus urbano inclúe a 'parada antiacoso'

A partir das 22.30 os autobuses deteranse fóra das paradas cando o soliciten as mulleres que viaxan soas © Tranvías da Coruña

O pasado ano algunhas cidades francesas -primeiro Nantes, despois Burdeos, París e outras- puxeron en marcha unha iniciativa para incrementar a seguridade das mulleres polas noites: os autubuses urbanos deteríanse nos lugares nos que o solicitasen as mulleres que viaxan soas, para poder deixalas máis preto do seu destino, evitando así posibles situacións de perigo. No Estado Español Bilbao ou Terrassa foron as primeiras urbes en imitar esta política e en febreiro fíxoo o Concello de Vigo, implantando Vitrasa a medida en todos os autobuses urbanos entre as 22.30 e as 6.30 horas, incluídas as tres rutas de buses nocturnos da cidade. Na primeira noite dese servizo contra o acoso, seis mulleres pediron que o autobús as deixase fóra dunha das paradas oficiais.

Nos últimos meses outras cidades españolas aprobaron iniciativas semellantes ou o están debatendo. E este luns A Coruña uniuse a elas, grazas á aprobación por unanimidade no pleno municipal dunha moción presentadas polo PSdeG-PSOE. No texto, os socialistas lembraban que unha de cada tres españolas se sentiu acosada algunha vez, unha porcentaxe que se eleva ao 47% no caso das mulleres entre 18 e 34 anos. "Debemos adoptar medidas para evitar que unha muller cando volve á casa se poida sentir acosada, perseguida ou insegura. Isto repítese cada noite nas rúas españolas. Olladas constantes ao redor, miradas de esguello para comprobar que ninguén a segue ou alixeirar o paso porque alguén acaba de asubiar ao vela baixar do autobús", destaca a moción.

O Concello implantará as paradas a demanda “para avanzar en rachar a barreira do medo”. A medida comezará a aplicarse xa este mes no bus buho e posteriormente estenderase ao resto das liñas

O texto aprobado pedía habilitar unha excepción na normativa xeral "para permitir parar nos lugares solicitados polas pasaxeiras". E, así mesmo, implementar o sistema anti-acoso en todas as liñas entre as 22.30 e as 6.30 horas. O concelleiro de mobilidade sostible, Daniel Gandío, anunciou que o Concello implantará as paradas a demanda “para avanzar en rachar a barreira do medo” e avanzou que a medida comezará a aplicarse xa este mes no bus buho e que posteriormente se estenderá ao resto das liñas.

 

La Manada, non gratos na Coruña 

Este luns o pleno municipal da Coruña aprobou tamén por unanimidade unha moción do BNG para declarar persoas non gratas os cinco integrantes de La Manada. Así, José Ángel Prenda Martínez, Ángel Boza Florido, Antonio Manuel Guerrero Escudero, Alfonso Jesús Cabezuelo e Jesús Escudero Domínguez son xa considerados non gratos na cidade, nunha iniciativa que inclúe tamén a comunicación desta decisión á representación legal tanto dos cinco agresores coma da moza agredida sexualmente hai dous anos en Pamplona.

Pontevedra, Lugo, Oleiros, Ordes, A Pobra do Brollón ou A Coruña xa declararon non gratos os integrantes de La Manada

Esta declaración institucional chega despois de que o Concello de Pontevedra se dirixise á FEGAMP para reclamar esta declaración como "persoas non gratas" para os membros de La Manada no conxunto de municipios do país. Despois de Pontevedra, foron aprobadas mocións semellantes en Oleiros, Lugo, A Pobra do Brollón ou Ordes. E a iniciativa debaterase nos vindeiros días en Ourense, Rendondela e outras localidades.

 

A iniciativa comezará este mesmo mes no 'bus buho' © Tranvías da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.