A folga de xuíces e fiscais provoca a suspensión de 265 xuízos e declaracións en Galicia

Sede duns xulgados nunha localidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Arredor dun 60% dos xuízes e un 40% dos fiscais do conxunto de Estado (4.200 profesionais) secundaron este luns a folga xeral para esixir melloras salariais e das súas condicións laborais, así como para reivindicar e defender a independencia do poder xudicial. Ese era o dato a meida tarde, que en Galicia se situou no 41% dos membros da carreira xudicial. Segundo os datos que achega o TSXG, foron 144 dos 350 en activo os que comunicaron a súa decisión de secundar o paro no país.

En canto aos fiscais, o seguimento en Galicia situaríase en arredor do 30% do total de 146 activos. En total, segundo indica o Superior galego, suspendéronse 265 actuacións xudiciais (xuízos ou declaracións) en Galicia. Destas suspensións, 137 producíronse na provincia da Coruña; 28, en Lugo; 44, en Ourense; e 56, en Pontevedra.

Arredor dun 60% dos xuíces e un 40% dos fiscais secundaron a folga no conxunto do Estado

A folga convocada polas asociacións xudiciais levouse a cabo para esixir independencia xudicial, a derrogación do artigo 324 da Lei de Enxuizameto Criminal (que marca os prazos para a instrución das causas penais), máis medios tanto materiais como persoais, cargas de traballo saudables e unha mellora nas súas retribucións salariais. 

O paro esixe independencia xudicial, máis medios e melloras salariais 

Os presidentes dos tribunais superiores de Xustiza apoiaron as potestas e, aínda que lembraron que a súa posición lles impide unirse, advertiron de que as mobilizacións son para "mellorar a situación actual" na que se atopa a Administración de Xustiza. Nunha declaracións isntitucional, destacan que a situación  é "insostible" e acusan os poderes lexislativo e executivo de non "corrixir" as "graves eivas", o que xera "un lóxico malestar xeralizado en toda a carreira xudicial e fiscal". 

Así, os presidentes amosaron a súa "solidariedade" e "apoio" a todas as reivindicacións que defenden as sete asociacións de xuíces e fiscais e aplauden o "intento por mellorar a situación actual".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.