A folga na Xustiza recrúa: Rueda acusa os sindicatos de priorizar os cartos e non querer "avanzar"

Asemblea de traballadores da Xustiza en Galicia Dominio Público @alternativasxus

O conflito entre a Xunta e o persoal da Administración de Xustiza recrúa cando se cumpren dúas semanas desde o inicio da folga indefinida que levou a aprazar máis de 7.000 xuízos en toda Galicia. Os sindicatos levantaron este martes da mesa e pediron que o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, se retire da negociación polo "descoñecemento" do sector e polos desprezos do que o acusan. Pero non será. O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, aclarou este mércores que o Executivo ten "a liberdade de elixir os interlocutores" que desexe e acusou os representantes dos traballadores de "non ter moito interese en negociar e avanzar" tras solicitarlles que "volvan" ás conversas e "sigan falando". 

Rueda reivindica a "liberdade" da Xunta para escoller negociadores e acusa os sindicatos de "non ter moito interese en negociar e avanzar"

Mentres o comité de folga -que representa os oito sindicatos- cualifica de "insultante" a reunión mantida este pasado martes, Rueda volveu sinalar a "económica" como a "reivindicación" que impide que se chegue a un acordo. "Hai que contar as cousas como son", dixo, logo de asegurar que ese acordo podería ser "viable" en tres puntos, pero que non se chega a máis porque, "como se demostrou, é unha cuestión económica". "Non se quere pechar nada mentres non consideren satisfeita a reivindicación económica", asegurou. 

Así, Rueda explicou que, respecto da "discriminación" no caso dos descontos por baixas, a Xunta trasladou ao comité que se implementaría "o acordo máis favorable que se aplique a nivel estatal". Pola contra, os representantes dos traballadores acusan a Barreiro de advertirlles de que o devandito pacto non tería por que ser aplicable de igual xeito para xuíces, fiscais ou letrados. 

O vicepresidente da Xunta volveu sinalar a cuestión económica como a que impide chegar a un acordo

En canto ao incremento do complemento autonómico retributivo, Rueda insiste en que a proposta da Xunta --un aumento de entre 816 e 1.080 euros ao ano-- é a última oferta e que colocaría os traballadores galegos "por riba da media do conxunto do Estado, non só de entre as comunidades xestionadas polo Ministerio, senón de todas", algo que nega o persoal. "Se nos din que a proposta é ridícula, cando son mil euros máis ao ano que saen dos recursos publicos, é moi complicado", lamenta o vicepresidente do Executivo. 

Alén disto, Rueda foi moi crítico coa actitude dos sindicatos por levantar da mesa e esixir que Barreiro abandone a negociación. "Que estarían dicindo se fose a Xunta quen se levantase porque non lle gustasen os representantes sindicais? Pois que é inadmisible e non se pode tolerar, e isto fio o que fixeron eles", censurou, tras insistir en que "así é difícil chegar a acordos". Ademais, defendeu a potestado do Goberno para nomear interlocutores e a súa "capacidade para negociar e chegar a acordos e coñecemento absoluto do que negocian". "Tanto eu como a Consellería de Facendo estamos ao tanto das conversas", engadiu. 

Rueda cre "inadmisible" que os sindicatos levanten da mesa de negociación para esixir a marcha dun dos representantes da Xunta

Ademais, Rueda argumentou no "calendario de mobilizacións que algún sindicato marcou ata o 9 de marzo" a súa teoría de que "non hai moito interese en negociar e avanzar" e preguntouse se todas as centrais estaban de acordo na estratexia a seguir e en "prolongar" o paro ata ese día. "Non pensan en chegar a acordo ningún ata ese día?", preguntouse,. "Lamento queu non se cumpran as demandas dos servizos da Xustiza que están facendo os cidadáns e que non reciben por culpa da folga", rematou. 

Alfonso Rueda © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.